A Xornada Técnica de Africor Lugo e Vaca Pinta trasládase ao terreo dixital

  • O tradicional encontro técnico organizado por Africor Lugo e a revista Vaca Pinta non falla á súa cita anual, pero este ano celebrarase en formato on-line e repartirase entre o martes, o mércores e o xoves desta semana.
  • A emisión das charlas comezará os tres días ás 15.30 horas e poderá seguirse de maneira íntegra a través da web e a páxina de Facebook de Vaca Pinta.

A partir de mañá, a audiencia de Vaca Pinta poderá asistir desde as súas casas e en aberto a unha nova edición da Xornada Técnica de Africor Lugo e Vaca Pinta que, nesta ocasión, abordará temas como o tratamento selectivo de secado, os métodos de traballo en ganderías de gran volume nos Estados Unidos ou as opcións de futuro que achega o control leiteiro.

PROGRAMA

Martes 2 de marzo

Intervirán Oriol Franquesa, cunha charla sobre índices técnicos de control leiteiro, e Alfonso Lago, que exporá o que funciona e o que non en canto a tratamento selectivo e secado.

Oriol Franquesa é licenciado en Veterinaria (1999) pola Facultade de Veterinaria da Universidade Autónoma de Barcelona e Máster en Asesoría e Xestión de Explotacións de Vacún Leiteiro (2003-2004), tamén pola Universidade Autónoma de Barcelona. En 2005 funda Q-Llet SLP xunto co doutor Demetrio Herrera. Q-Llet é un grupo veterinario con catro profesionais en activo que se dedica exclusivamente á mellora da calidade do leite. O seu asesoramento está enfocado a granxas de leite, cooperativas leiteiras, asociacións de gandeiros, industria láctea, outros equipos veterinarios ou laboratorios farmacéuticos. Durante estes 15 anos de traxectoria Q-Llet, Oriol prestou servizos de calidade de leite e de formación de veterinarios na maioría de países de Europa e tamén en Rusia, Brasil, Sudáfrica, China, Xapón e Canadá.

Alfonso Lago estudou veterinaria na Facultade de Veterinaria de Lugo e exerceu a profesión durante tres anos na Mariña lucense e no occidente de Asturias. Nese momento trasladouse aos Estados Unidos, onde completou un Programa de Residencia en Medicina de Produción Leiteira na Universidade de Wisconsin e un doutoramento en Epidemioloxía na Universidade de Minnesota. A súa investigación de posgrao centrouse na avaliación do tratamento selectivo da mastite e os factores de risco para a saúde respiratoria dos xatos. Na actualidade, Lago é director de Solucións en Investigación e Consultoría de DairyExperts, Inc., unha firma de investigación, consultoría e laboratorios que opera no centro leiteiro máis grande do mundo: Tulare, California. Tamén é director no National Mastitis Council, unha organización global para o control da mastite e a calidade do leite. Ademais, é autor de capítulos de libros, artigos revisados en revistas científicas, artigos de conferencias e outros. A miúdo fala en conferencias nacionais e internacionais relacionadas coa saúde e o manexo do gando leiteiro.

Mércores 3 de marzo

Intervirán Jessica McArt, que falará do futuro da monitorización da saúde na industria láctea, e, a continuación, Fernando Mazeris, que abordará como a intelixencia artificial cambiará o día a día na granxa.

A doutora Jessica McArt é profesora asociada no Departamento de Medicina de Poboación e Ciencias Diagnósticas da Universidade de Cornell (EE. UU.). Completou o seu título de Veterinaria na Universidade de Cornell e pasou dous anos como pasante e residente na clínica ambulatoria de Cornell antes de completar un doutoramento en Epidemioloxía. Na actualidade, Jessica realiza o servizo clínico para unha clínica de medicina ambulatoria e de produción, onde se desempeña como xefa de sección; ensínalles aos estudantes de Veterinaria tanto na aula como nas granxas e realiza investigación aplicada sobre enfermidades do periparto en vacas leiteiras.

Fernando Mazeris é director xeral de Dairy Data Warehouse BV (DDW), unha compañía holandesa especializada en servizos de datos para a industria leiteira. Doutor en Medicina Veterinaria pola Universidade Nacional de Bos Aires (Arxentina), Fernando traballou 25 anosna industria leiteira: nos seus inicios como investigador no Instituto Nacional de Tecnoloxía Agropecuaria (INTA), despois como asesor en explotacións leiteiras en calidade de leite e en diferentes postos ao longo da súa carreira en DeLaval Arxentina e en DeLaval International AB Suecia. Durante os últimos 15 anos en Delaval International e agora en DDW, Fernando liderou equipos de traballo sempre nas áreas de software de manexo de rabaño, sensores para vacas e diversas solucións na área de nutrición e alimentación bovina, desde o desenvolvemento dos produtos ata márketing e vendas.

Xoves 4 de marzo

Intervirá de novo Alfonso Lago para falar, esta vez, sobre as solucións de traballo integrais nas grandes granxas dos Estados Unidos. A continuación, Alejandro Pérez exporá unha conferencia sobre a aplicación de novas tecnoloxías no período de recría e, finalmente, José Bernardo Rodríguez formulará os obxectivos do seguro agrario para 2021.

Alejandro Pérez traballa como asesor veterinario e técnico de explotacións de vacún de leite e como técnico do centro de recría en Cowvet Gestión y Servicios Veterinarios SL. Alejandro sempre estivo vinculado ao mundo da produción polas ganderías de bovino e caprino que tiñan os seus avós, polo que decidiu estudar Veterinaria. Realizou os seus estudos na universidade CEU Cardenal Herrera (Valencia) e, desde o principio, tivo claro que, dentro da rama de Veterinaria, se enfocaría na produción. Nas súas prácticas en More Holstein (Valencia) coñeceu a Francisco Sebastián, socio propietario de Cowvet. Tras pasar por Mudejar Wagyu (Teruel) e retornar a More Holstein, en 2020 Francisco Sebastián ofrécelle entrar na empresa Cowvet, na que Alejandro realiza traballos de asesoramento veterinario técnico de vacún de leite e de técnico veterinario do centro de recría que á súa vez posúe esta empresa.

José Bernardo Rodríguez é enxeñeiro técnico agrícola. Actualmente, traballa como director territorial de Agroseguro na zona Noroeste-Canarias. José Bernardo estivo ligado ao seguro agrario desde 1986, inicialmente como perito taxador con base en Estremadura, desenvolvendo o labor pericial por toda España e sobre variados cultivos. A partir de 1998 entrou como director territorial de Agroseguro e ata 2015 estivo en Canarias, logo na Mancha-Canarias e, desde o pasado ano, atópase na zona Noroeste-Canarias.

------ Descarga aquí o programa das xornadas ------