A pesar das novas recentes sobre a dermatose nodular contaxiosa (DNC), La Marina de Retortillo anunciou que a situación actual non afecta á celebración da súa V Poxa de Elite, xa que todos os animais que se porán á venda contan con plenas garantías sanitarias e cumpren cos protocolos veterinarios oficiais.
Así, este sábado, 25 de outubro, a gandería cántabra porá á venda un total de 35 exemplares, entre os que destacan Marina Hulu Asly, con 6 xeracións MB ou EX; Marina Corona Ivana, con 4 xeracións MB ou EX, familia de Marina Lyster Vanessa 3x EX90, vaca que deixou pegada na granxa pola súa morfoloxía e produción constante; Marina Haxl Daniela, descendente de Retortillo Lindy Pisde EX90 e gran campiona nacional en 1996 e 1997, ou Marina Fitter Choice Amanda, con 5 xeracións MB ou EX.
O encontro iniciarase ás 15:00 horas, coa exposición ao público. Ás 17:00 horas terá lugar a poxa e, ás 20:15 horas, pecharase a xornada cunha grellada. A entrada é libre, pero é necesario confirmar asistencia previamente chamando ao 609 008 503.
Ademais, a organización garantiu que se fará cargo de todos aqueles animais vendidos que, por razóns burocráticas, deban permanecer nas instalacións da gandería, asumindo tamén a súa alimentación ata o momento en que poidan ser trasladados ás granxas de destino.