A USC, o Concello de Cospeito e a Moexmu asinan un convenio para a modernización do sistema produtivo e o intercambio de coñecemento

A USC, o Concello de Cospeito e a Moexmu asinan un convenio para a modernización do sistema produtivo e o intercambio de coñecemento

A Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Concello de Cospeito e a Asociación de comerciantes, empresarios, profesionais, gandeiros e autónomos de Muimenta (Moexmu) acaban de asinar un convenio marco que rexerá a colaboración entre as diferentes partes coa intención de promocionar actividades do sector primario, empresarial, medioambiental, cultural ou do patrimonio. O acordo que terá unha duración de catro anos redunda na modernización do sistema produtivo, así como no desenvolvemento de actividades de investigación, formación e divulgación e no intercambio de experiencias e materias de interese común.

Deste xeito, executaranse proxectos e programas de investigación e desenvolvemento, así como programas de formación de persoal investigador e técnico. Ao mesmo tempo, o acordo que deberá materializarse despois en convenios específicos para cada actividade ou programa, permitirá o asesoramento entre as partes no relativo aos seus respectivos ámbitos de actividade, así como a organización de actividades comúns vinculadas á promoción social da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico.

Incentivar o interese da cativada polas actividades para a promoción do pobo e da comarca é outros dos obxectivos deste acordo que tamén se nutre da promoción da artesanía, dos produtos galegos de calidade e do medio rural no seu conxunto. O convenio tamén pon o foco nos cursos de formación e nas charlas informativas dedicadas ao sector agrícola e gandeiro, así como nas demostracións técnicas ou na recuperación de utensilios agrícolas, entre outros aspectos.