A valorización do leite e a eficiencia produtiva, eixes do primeiro Foro Lácteo de Figan

A Feira Internacional para a Produción Animal (Figan), celebrada na cidade de Zaragoza, acolleu dentro do seu extenso programa unha destacada xornada sobre o sector lácteo español, organizada por Figan e Vaca Pinta, na que se reuniron expertos e representantes da industria para analizar os seus principais desafíos e oportunidades. Máis en Vaca Pinta 52.

O primeiro Foro Lácteo de Figan deu comezo co acto de inauguración, que correu a cargo da conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, quen estivo acompañada de Rogelio Cuairán, director xeral de Feira de Zaragoza, e de José Manuel Gegúndez, director executivo da revista Vaca Pinta, editada pola empresa Transmedia Comunicación.

O director de Feira de Zaragoza salientou o Foro Lácteo como unha nova iniciativa coa que se “pretende reforzar o compromiso de Figan co sector gandeiro, en xeral, e co lácteo en particular, pois este tipo de xornadas son o complemento perfecto a calquera exposición das que facemos, punto de encontro e de intercambio de coñecementos”.

Pola súa parte, o director de Transmedia Comunicación recoñeceu que o obxectivo de poñer en marcha esta cita foi “fortalecer e proxectar o futuro da produción láctea no noso país, xusto nunha feira de relevancia como Figan” e agradeceulles a todos os relatores, colaboradores e asistentes a súa participación, porque “a súa implicación é clave para o éxito deste evento e para a construción dun futuro máis sostible e competitivo para a industria láctea”.

Finalmente, María José Gómez pechou a quenda de intervencións da inauguración sinalando a importancia deste tipo de eventos, de grande utilidade para “intercambiar coñecementos e dialogar” sobre o presente e o futuro dun sector “vital” para a economía galega e española nun escenario como Figan, “o maior escaparate gandeiro do sur de Europa”.

A continuación, Juan José Cerviño, director xeral da PAC e da cadea alimentaria da Xunta de Galicia, ofreceu un relatorio titulado “Situación do sector lácteo español”, no que realizou un percorrido pola evolución do sector nos últimos anos e abordou as súas perspectivas de futuro.

“Atopámonos cun sector lácteo moi competitivo, resiliente e, sobre todo, maduro, porque tivo que enfrontarse a diferentes circunstancias que o foron adaptando a como é actualmente”, iniciou a súa conferencia.

Tras realizar un profundo repaso polas súas diferentes etapas, Cerviño enumerou que o futuro debe pasar por “pactar contratacións a longo prazo indexando os prezos a índices de mercado, adaptar os volumes á demanda, dar potencialidade ás organizacións de produtores e apostar pola I+D+i para a elaboración de produtos con valor engadido”.


Juan José Cerviño: “Actualmente atopámonos un sector lácteo moi competitivo, resiliente e, sobre todo, maduro”

XESTIÓN DE DATOS E XENÉTICA

A xornada continuou con seis mesas de debate nas que se abordaron distintos aspectos clave da produción de leite. A primeira delas, moderada polo veterinario Guillermo Lorenzo (Gando), centrouse no futuro da xestión de datos na muxidura, coa participación de expertos de Lely, Delaval e Gea.

Neste espazo, analizáronse as innovacións tecnolóxicas e o seu impacto na eficiencia das explotacións gandeiras. “A intelixencia artificial está a incorporarse ás nosas vidas, algo que non é restritivo para as ganderías e estase incorporando ao noso software para analizar os datos e tomar decisións”, afirmou Alberto Sánchez, de Lely. “Contamos con novas máquinas, novos sensores, e a xestión de datos integral desde as diferentes fontes de información será o futuro”, advertiu Héctor Salas, de Gea.

Pola súa parte, Luis Castro, de Delaval, reafirmou as ideas compartidas polos seus compañeiros e salientou a “importancia de cotexar os datos para atopar patróns e tendencias que a simple vista non somos capaces de detectar”.

En canto á calidade do leite, os tres expertos coincidiron na idea de que os softwares ofrecen unha gran cantidade de información, pero “é necesario un feedback constante entre gandeiros, técnicos e casas comerciais para estar ao día de todo o que achegan estas ferramentas e poñelo en práctica co fin de sacar o mellor e maior rendemento”, resumiu Salas.

Ademais, tanto Alberto Sánchez coma Luis Castro e Héctor Salas recoñeceron no debate que todos os desenvolvementos que se vaian incorporando para integrar os datos recollidos serán benvidos. “O gandeiro é libre de escoller a plataforma de xestión que lle sexa máis cómoda e nós estamos abertos a iso”, afirmou Sánchez. Ao que engadiu Castro: “Tratamos na medida do posible de adaptarnos e de velo como unha alianza e non como unha competencia”.


Carlos Ugarte: “A xenómica permitiu dar un gran salto no progreso xenético, pois estamos xogando nunha liga na que podemos falar dun 70 % de fiabilidade”

Seguidamente, tivo lugar a segunda mesa redonda, na que se discutiron os principais avances en xenética. Moderada por Sofía Alday, directora da Confederación de Asociacións de Frisona Española (Conafe), contou coa participación de Alejandro Fernández (Xenética Fontao), Juan Carlos Conde (Ascol Genetics), Carlos Ugarte (Aberekin) e José Antonio Jiménez (Conafe), quen expuxeron as últimas investigacións e desenvolvementos na mellora xenética para o sector lácteo.

Sobre o que supuxo a xenómica no desenvolvemento da xenética da raza frisona, Carlos Ugarte destacou que “sen ela, agora, non poderiamos facer nada; estariamos moi atrasados, pois estamos xogando nunha liga na que podemos falar dun 70 % de fiabilidade, cando antes nos moviamos no 30 %. A xenómica permitiu dar un gran salto no progreso xenético”.

Neste mesmo sentido, Alejandro Fernández subliñou que ese aumento de fiabilidade ata o 70 % permite utilizar animais novos como pais das seguintes xeracións e acurtar así intervalos xeracionais, para acelerar o progreso xenético. “Analizamos cantos máis machos, mellor; en Fontao poñemos en testaxe 40 touros ao ano e, para seleccionalos, revisamos os datos de 1.400. O nivel de esixencia no noso centro é tan elevado que para escoller un estamos rexeitando 35”, expuxo.

Pola súa parte, Juan Carlos Conde describiu a xenómica coma unha gran revolución e como “algo economicamente importante para os gandeiros nos dez últimos anos”. Outro dos avances que destacou o asturiano foi o seme sexado. Ademais, enumerou tres novidades que poderían marcar o futuro: “A produción de embrións sexados, xenotipados e biopsiados; os novos caracteres dirixidos á eficiencia alimentaria, e o xene slick, un xene dominante e que produce exemplares co pelo máis curto e liso e, en consecuencia, máis resistentes ao estrés por calor”.

José Antonio Jiménez cualificou o traballo que se veu facendo en xenética ao longo dos anos como base primordial para poder situar España na situación en que se atopa hoxe en día e, respecto da incorporación de Conafe e dos centros de inseminación en EuroGenomics, indicou que “permitiu multiplicar por cinco a información que tiñamos. Agora mesmo accedemos ás cifras de 40.000 touros, máis ou menos a metade dos datos que se xeraron na raza frisona en todo o mundo ao longo de toda a historia”.

Ao final do debate, analizouse o porvir do seme convencional sobre o sexado e o papel do control leiteiro na xenética do futuro.


Gregorio Salcedo: “O 48 % das explotacións da cornixa cantábrica están consideradas como boas e excelentes desde todos os indicadores ambientais; en xeral, a xente está producindo moi ben”

ALIMENTACIÓN E EFICIENCIA MEDIOAMBIENTAL

O terceiro debate tratou a importancia de obter unha boa forraxe na alimentación do gando. Rafael Olloqui (Alfalfas Olloqui, Navarra), Aitor Bometón (Ganadería Agripurza, Huesca) e Gustavo José Romero (agricultor, Zaragoza), baixo a moderación de Senén González (Kuhn), debateron sobre as estratexias de optimización da alimentación e o seu impacto na calidade do leite.

Senén González comezou advertindo que “a nutrición é o combustible da produción láctea e que todos os silos deben ter unha boa calidade hixiénica e nutricional, e unha correcta conservación”.

Compartiron un estudo sobre a conservación do silo en función do empacado con malla ou con plástico, valoraron a importancia do picado das bólas ou a altura de corte e falaron sobre as consecuencias que poden provocar cada un dos procesos á hora de conseguir unhas ou outras calidades.

Tras unha pausa para o xantar, a xornada retomouse cunha cuarta mesa sobre eficiencia produtiva e medioambiental. Gregorio Salcedo (CIFP La Granja, Cantabria), Rodrigo Muíño (Facultade de Veterinaria de Lugo-USC), José María Bello (Nutreco Iberia) e Matilde Moro (Asoprovac) participaron nesta sesión moderada por María Cedrón (La Voz de Galicia), na que se discutiron medidas para optimizar a produción láctea minimizando o impacto ambiental.

“O 48 % das explotacións da cornixa cantábrica están consideradas como boas e excelentes desde todos os indicadores ambientais, hai un 22 % de regulares, e o resto necesita mellorar nalgún tipo de indicador; en xeral, a xente está producindo moi ben”, destacou Gregorio Salcedo.

Neste mesmo senso, Matilde Moro compartiu a súa experiencia e conclusións tras a súa participación en diferentes proxectos europeos: “Vemos que as granxas españolas non teñen nada que envexar ás doutras doutros países europeos en canto a este tipo de rexistros”.

Desde o punto de vista ruminal, Rodrigo Muíño afirmou que as súas investigacións están dirixidas a “ir un pouco máis alá para ver que alimentos son máis eficientes para mellorar a dixestibilidade e que os animais sexan menos emisores de metano”.

Bello compartiu o traballo que están facendo desde a súa compañía co modelo Granxa Circular e o decálogo de boas prácticas dispoñibles que recomendan a moitos dos seus gandeiros, e enumerou os factores que inflúen nos cálculos da pegada de carbono e das emisións de nitróxeno e de fósforo.


Francisco Javier Fontecha: “O leite é quizais o alimento máis completo que podemos encontrar en canto a nutrición”

MÁIS VALOR AO LEITE

Os seguintes protagonistas centráronse nas demandas dos consumidores no futuro. Joaquín Lorenzo (Leche Pascual), Antonio Larrea (Covap), Sergio Vargas (Entrepinares) e Nuria Arribas (Inlac), baixo a moderación de Xabier Iraola (ENBA-Gipuzkoa), compartiron a súa visión sobre as tendencias de consumo e os retos que afronta a industria para adaptarse ás novas esixencias do mercado.

“Os leites clásicos seguirán tendo o mesmo mercado e sumaranse os leites enriquecidos, orientados a coidar da saúde dos consumidores”, definiu Joaquín Lorenzo.

Na mesma liña, Antonio Larrea engadiu que “os dous piares básicos que nos esixirá o consumidor serán a sostibilidade e a transparencia do produto. Ademais, estamos a vivir xa un xiro importante na demanda de graxa láctea e camiñaremos cara a envases máis unitarios, dirixidos a familias máis reducidas”.

No mundo do queixo, Sergio Vargas remarcou que será imprescindible a innovación en sabores e formatos: “O consumidor vai máis veces ao supermercado e necesitamos sorprendelo. En España temos uns leites de ovella, de cabra e de vaca de moita calidade e temos que seguir innovando”.

Nuria Arribas incidiu, por último, na importancia de campañas informativas sobre a necesidade de remuda xeracional ou de consumir tres lácteos ao día. “Aínda que o consumo de leite líquido está consolidado, cremos que debemos seguir traballando na promoción de produtos de maior valor engadido, como é o queixo”.

Para concluír o encontro, tivo lugar unha mesa de debate centrada na valorización do leite e na importancia da materia prima de calidade. Francisco Javier Fontecha (CSIC-CIAL), Ana Álvarez (APLTA-USC) e Andrés Planillo (Planillo Holstein, Navarra), coa moderación de Gemma Martínez (Vaca Pinta), analizaron o papel da calidade do leite na competitividade do sector.

Fontecha puxo sobre a mesa que a sociedade esixe cada vez máis “alimentos de calidade, pero sobre todo que melloren a nosa saúde”. Ante iso, afirmou que “o leite é quizais o alimento máis completo que podemos atopar en canto a nutrición, polos seus macronutrientes, como a proteína, a graxa e o carbohidrato, que, ademais, están moi equilibrados, e por todos os seus micronutrientes, como os minerais ou as vitaminas”. Confirmou tamén que os estudos científicos que se fixeron ao longo dos últimos quince ou vinte anos “demostraron os beneficios do leite fronte a enfermidades cardiovasculares ou á diabetes”.

A investigadora Ana Álvarez insistiu en que “o leite é un alimento que se maltratou desde a perspectiva do márketing e, de feito, todos os seus análogos o que buscan é parecerse a el”. Durante a súa intervención fixo fincapé na “riqueza da matriz láctea, que fai posible a elaboración de produtos derivados excelentes”.

Durante a charla, Andrés Planillo destacou o papel do gandeiro como primeiro elo da cadea e reclamou que “todas as esixencias que debemos cumprir deben ser primadas por parte das industrias”. Tamén compartiu como primordial a necesidade de “trasladar ao consumidor todo o que hai detrás dos lácteos para que a xente o crea”.

Para clausurar a xornada, os asistentes gozaron dunha cata de queixos, na que se puideron degustar distintos produtos elaborados con leite de alta calidade.

O Foro Lácteo de Figan consolidouse desta forma como un espazo de referencia para o intercambio de coñecementos, a análise de tendencias e a xeración de sinerxías entre os actores clave do sector lácteo español.