Lalín acollerá o 6 de novembro a vixésima edición dos Encontros Gandeiros da ADSG Xundeva

Lalín acollerá o 6 de novembro a vixésima edición dos Encontros Gandeiros da ADSG Xundeva

O auditorio municipal de Lalín será o escenario, o vindeiro 6 de novembro de 2025, dos XX Encontros Gandeiros da ADSG Xundeva, unha cita consolidada que reunirá a profesionais do sector vacún, veterinarios e técnicos para abordar os principais desafíos en materia de sanidade animal e bioseguridade.

A apertura das xornadas, prevista para as 11:30 horas, correrá a cargo de Arsenio Presas e Daniel Vázquez, presidente e tesoureiro da ADSG Xundeva. A partir de aí, o programa técnico ofrecerá varias ponencias centradas na mellora do benestar e da produtividade do gando a través da prevención sanitaria.

A primeira intervención, ás 11:45 h, estará dedicada á diarrea neonatal, unha das patoloxías máis frecuentes nas explotacións de vacún. A charla será impartida por Celia Bartolomé, técnica de Vacún de MSD Animal Health, baixo o título “Como gañarlle a batalla á diarrea neonatal”.

A continuación, Raúl Martínez, técnico de Ruminantes de Laboratorios Syva, analizará ás 12:15 h a evolución das enfermidades vectoriais en bovino e os cambios que están a afectar á súa epidemioloxía.

O encontro continuará coa ponencia de Margarita Barreto, do servizo técnico de Ruminantes de Hipra España, que abordará ás 12:45 h o papel das vacinas como ferramenta de prevención, incidindo na importancia dun correcto manexo para optimizar os resultados.

Por último, ás 13:15 h, Francisco Javier Villamil, veterinario coordinador da ADSG Costa da Morte, pechará a quenda de conferencias cunha presentación sobre bioseguridade en explotacións de gando vacún, un tema clave na xestión moderna das granxas.

A clausura oficial celebrarase ás 14:00 horas, seguida dunha comida de confraternidade ás 14:30 h, que lles permitirá aos asistentes intercambiar experiencias e estreitar lazos profesionais.

Con dúas décadas de traxectoria, os Encontros Gandeiros Xundeva consolidáronse como un referente en Galicia, promovendo a formación continua, a actualización técnica e o debate sobre os retos que afronta o sector vacún nun contexto de cambio sanitario e produtivo.