Os aspectos económicos e ambientais do sector vacún leiteiro, foco da última reunión do Dairy4Future

Os aspectos económicos e ambientais do sector vacún leiteiro, foco da última reunión do Dairy4Future

Na última reunión do grupo de traballo integrado por Agacal e Neiker e enmarcado dentro do proxecto europeo Dairy4Future, os participantes centráronse nos aspectos económicos e ambientais do sector vacún de leite, poñendo especial énfase na nutrición animal no marco da sustentabilidade das explotacións. A xestión dos custos, a innovación para adaptarse ao mercado e o impacto ambiental como os principais retos das explotacións do vacún de leite son algúns dos eixos de traballo do grupo.

Presentouse o contexto no que se atopa actualmente a produción de leite. De forma global, falouse dun aumento na poboación mundial, o cal implicará necesariamente unha maior demanda de alimentos. A nivel estatal preocupa a diminución do consumo de leite e derivados lácteos, aínda que é innegable o ben que respondeu o sector primario ás necesidades derivadas da actual pandemia.

Así, entre as conclusións extraídas dos distintos relatorios destacaron a importancia da xestión de custos nas explotacións como mecanismo para paliar a variabilidade dos prezos, a necesidade de construír e afianzar relacións estables entre a produción e a transformación, o valor dos esforzos innovadores de industrias procesadoras e sector gandeiro para dar valor engadido ao leite e ofrecer resposta ás demandas do mercado e, no relativo ao impacto ambiental do sector, destacouse o feito de que os axentes sexan conscientes do impacto da sustentabilidade do sector lácteo nos mercados e se estean dotando de ferramentas para mellorar.