Os III Encontros Ibéricos de Calidade de Leite profundaron nas terapias selectivas de secado

A xornada, que ofreceu un formato participativo e destacou polo intercambio de coñecementos e experiencias entre profesionais, puxo de manifesto como estas prácticas poden reducir de xeito significativo o uso de antibióticos, mellorar a saúde animal e reforzar a sustentabilidade do sector lácteo. Máis en Vaca Pinta 49.

A cidade de Barcelos (Portugal) acolleu o 8 de novembro os III Encontros Ibéricos de Calidade do Leite, un evento que reuniu expertos do sector vacún de leite de España e Portugal. Celebrados no marco da IX Conferencia Anual do Consello Portugués de Saúde do Ubre (CPSU), estas charlas centráronse nas terapias selectivas de secado como ferramenta para reducir o consumo de antibióticos, mellorar a saúde das vacas e optimizar a imaxe do sector.

O evento contou coa participación de relatores como Alejandro López, de Alpavet; Oriol Franquesa, de Q-Llet; Carlos Noya, de Seragro; Jorge Eseverri, de Albaikide; João Sousa e Adelaide Pereira, de Segalab; Nuno Tavares, de MPLVET; Vanessa Fagundes, de Drava, e Luís Pinho, de SVA.

TAN POUCO COMO SEXA POSIBLE, TANTO COMO SEXA NECESARIO

A terapia selectiva de secado, tema central desta edición, destacou polo seu potencial para reducir o consumo de antibióticos nun 11 %, mantendo a eficacia na prevención de infeccións intramamarias durante o período seco das vacas. Os expertos enfatizaron que esta práctica non só contribúe a unha gandería máis sostible, senón que tamén mellora a percepción pública do sector.

O obxectivo principal da reunión foi desmitificar as dificultades asociadas á implementación destas terapias. Segundo os relatores, moitas explotacións xa contan coas condicións necesarias para adoptar este sistema sen comprometer a saúde dos seus animais.

UNHA ENQUISA COMO PUNTO DE PARTIDA PARA O DEBATE

Como fío condutor da xornada, analizouse unha enquisa previa realizada a veterinarios especializados en calidade do leite de España e Portugal, na que participaron 64 profesionais. Entre as preguntas máis destacadas, os resultados reflectiron as seguintes conclusións:

  • O 98 % dos enquisados considerou necesario o período seco para as vacas.
  • O 70 % sinalou que a duración ideal deste período sitúase entre os 45 e os 60 días.
  • Os principais riscos de infección durante este tempo identificáronse ao inicio (61 %) e ao final (32 %) do período seco.
  • As boas prácticas máis relevantes para reducir riscos incluíron condicións óptimas de aloxamento  (32 %), uso de seladores internos (28 %) e control da inxestión para limitar a produción (13,5 %).

Estes datos guiaron as presentacións e mesas redondas, o que lles permitiu aos asistentes afondar nas mellores estratexias e protocolos para implementar terapias selectivas.

VALORACIÓN POSITIVA DESDE ANEMBE

Jorge Eseverri, vogal de Calidade do Leite da Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe), subliñou a relevancia desta terceira edición dos Encontros Ibéricos de Calidade do Leite, especialmente despois de cinco anos de parón debido á pandemia da COVID-19. “Esta xornada foi un punto de reencontro e continuidade na colaboración entre Anembe e o CPSU, que comezou en 2018 durante o Congreso de Anembe en Vigo e consolidouse en Braga ao ano seguinte. Agora miramos cara ao futuro, co compromiso de organizar a cuarta edición en España o próximo ano”, afirmou.

Eseverri destacou a dinámica participativa do formato, que incluíu a discusión das respostas da enquisa e un intercambio fluído de opinións entre os asistentes e os relatores. “O obxectivo é que cada participante poida levar desta reunión algo práctico para aplicar no seu día a día. Creo que este enfoque é clave para que estes eventos resulten útiles e enriquecedores”, engadiu.

A PRÓXIMA REUNIÓN, EN ESPAÑA

A xornada deixou claro que a terapia selectiva de secado non só é viable, senón tamén unha ferramenta esencial para avanzar cara a unha gandería máis responsable e eficiente. Os participantes saíron cunha visión clara dos pasos necesarios para aplicala e co compromiso de seguir traballando en prácticas sostibles que beneficien tanto as vacas coma o sector no seu conxunto.

Con mirada xa posta no 2025, os IV Encontros Ibéricos de Calidade do Leite prometen ser unha nova oportunidade para fortalecer os lazos entre o sector vacún leiteiro de España e Portugal, así como para compartir coñecementos e seguir mellorando a saúde do ubre, un tema crucial para a calidade e sustentabilidade deste sector.