O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan, un ano máis, as axudas para subministrar froita fresca, castañas e leite nos centros escolares de infantil, primaria e secundaria para o curso 2019-2020 co obxectivo de potenciar o seu consumo e crear hábitos de alimentación saudables.
Os períodos de repartición autorizados serán de novembro de 2019 a febreiro de 2020 e de marzo a xuño de 2020. A distribución de froitas frescas e castañas levarase a cabo durante 10 días lectivos consecutivos, mentres que no caso do leite líquido se terá que desenvolver durante un mínimo de 20 días lectivos consecutivos.
Os centros que queiran participar farano a través de provedores autorizados, os cales teñen ata o 20 de setembro para facer a solicitude (dispoñible no Anexo I da resolución).
Cun orzamento de 1,4 millóns de euros, estas axudas están financiadas con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e co Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) subvencionado coa axuda da consellería.