Ministerio e comunidades autónomas aproban o Plan Nacional de Control Oficial da Cadea Alimentaria

Ministerio e comunidades autónomas aproban o Plan Nacional de Control Oficial da Cadea Alimentaria

O Plan Nacional de Control Oficial da Cadea Alimentaria, aprobado esta mañá cunha duración de 5 anos, ata decembro de 2025, garantirá a aplicación da lexislación sobre alimentos e pensos, as normas sobre saúde e benestar dos animais, a sanidade vexetal e os produtos fitosanitarios.

Tres deles, os que corresponden ao ámbito do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, foron aprobados pola Sectorial. Trátase do Obxectivo 1 (reducir riscos para a saúde humana, animal e vexetal mediante controis na produción primaria), o Obxectivo 3 (garantir a calidade alimentaria e loitar contra a fraude alimentaria) e o Obxectivo 4 (reducir riscos para a saúde humana, animal e vexetal mediante o control de importacións e exportacións). Este tres obxectivos comprenden 21 programas nacionais de control oficial.

O Obxectivo 2 do plan (reducir riscos para a saúde humana mediante controis en establecementos alimentarios) inclúe os programas de traballo competencia do Ministerio de Consumo a través da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan).

O Plan Nacional de Control Oficial da Cadea Alimentaria aglutina todos os controis oficiais das autoridades alimentarias españolas nun só documento, tal e como prescribe o Regulamento (UE) 2017/625, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo aos controis e outras actividades oficiais. Esta norma establece que cada Estado membro debe elaborar un único plan nacional de control plurianual integrado para garantir a aplicación da lexislación sobre alimentos e pensos, saúde, benestar animal, sanidade vexetal e produtos fitosanitarios.

En España, a redacción do plan depende dun grupo de coordinación no que, ademais dos ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación e o de Consumo, están representados o Ministerio de Sanidade e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Tamén hai grupos de coordinación entre os ministerios e as comunidades autónomas.