Naturleite supera en 2024 os 132 millóns de euros de facturación

Naturleite supera en 2024 os 132 millóns de euros de facturación

Naturleite, pertencente ao Grupo COVAP e situada na localidade lucense de Meira, pechou o exercicio 2024 cun sólido crecemento, acadando unha facturación de máis de 132 millóns de euros.

A industria leiteira que envasa leite UHT e leite fresca para Mercadona acadou, en 2024, unha produción de máis de 115 millóns de litros. Traballa en estreita colaboración con máis de 130 ganderías locais provedoras de leite das provincias de Lugo e A Coruña, apostando pola continuidade do sector primario na rexión, a súa tecnificación, o relevo xeracional e o respecto ao contorno. Esta rede de gandeiros non só garante a trazabilidade do produto, senón que contribúe, de forma directa, á xeración de emprego e riqueza no medio rural galego.

A compañía, que emprega a máis de 115 traballadores, destinou en 2024 arredor dun millón de euros en investimentos, que promoveron a eficiencia, fomentaron a automatización e fortaleceron o compromiso coa sustentabilidade en toda a cadea alimentaria, buscando sempre a máxima calidade.

Como aval da súa filosofía de traballo, Naturleite renovou este ano todas as súas certificacións de benestar animal, de calidade, e de xestión enerxética e ambiental, ademais de conseguir un novo selo, o de Residuo Cero, por unha xestión correcta dos seus residuos e fomentar un aproveitamento responsable, sostible e eficiente dos mesmos.

Segundo María Jesús Peteira, directora xeral de Naturleite, “a empresa aposta pola calidade e a innovación, ofrecendo un produto sostible que xera valor engadido á nosa comunidade e se distingue nun mercado cada vez máis competitivo.”

Comprometidos co futuro do sector

Naturleite recoñeceu desde sempre a importancia do relevo xeracional e das producións gandeiras para a continuidade da empresa e tamén para o futuro dunha sociedade na que os alimentos sexan producidos do xeito máis próximo e responsable posible. Por iso, tomou medidas proactivas e organizou ao longo do ano varias xornadas de formación para trasladar información e coñecemento de vangarda aos seus gandeiros provedores de leite.

Ademais, abriu as portas da industria a universitarios e a estudantes de secundaria para dar a coñecer o papel clave de cada área da planta e a importancia da calidade e da seguridade en todo o proceso produtivo.

NaturRego, dedicados á alimentación animal

En 2024, Naturleite tamén celebrou o primeiro aniversario de NaturRego, a fábrica de pensos que adquiriu a finais de 2023 co obxectivo de fortalecer o seu servizo ao sector gandeiro galego.

NaturRego tamén pechou o exercicio de 2024 con cifras moi positivas superando os 46 millóns de quilos de pensos vendidos. A empresa mantivo un firme compromiso coa calidade e o servizo adaptándose ás necesidades individuais de cada gandería.