NÉSTOR GUERRA, ENXEÑEIRO EN TELECOMUNICACIÓNS E ESPECIALISTA EN INNOVACIÓN CORPORATIVA

“Non hai nada máis humano que a intelixencia artificial”

Néstor Guerra leva anos axudando a empresas de distintos ámbitos a adaptarse aos cambios que impón o progreso dixital. No seu labor formativo, foi o convidado estrela na última edición do Congreso Anembe, onde lles lembrou aos asistentes que a IA é unha tecnoloxía presente, transformadora e cada vez máis accesible, que afecta a múltiples sectores, incluído o veterinario. MáIs en Vaca Pinta 53.

Que posibilidades abre a intelixencia artificial para os profesionais veterinarios?

A realidade é que esta tecnoloxía é enormemente plural. Vai servir para moitas cousas. Calquera profesional veterinario pode utilizala con diferentes fins, tanto no seu traballo máis clínico —por exemplo, para realizar análises, apoiar diagnósticos ou interpretar bibliografía complexa—, como tamén na súa parte xestora, xa que moitos veterinarios dirixen unha empresa ou negocio; mesmo na súa faceta investigadora, se é o caso. Temos unha amálgama de modelos: de linguaxe, de difusión, de síntese de voz, de razoamento… así que a gran pregunta non é se serve, senón que ferramenta é a máis útil para cada tarefa concreta.

Non todo vale para todo, pero hai moito por explorar. O importante non é que alguén lles diga aos veterinarios como deben usar a tecnoloxía, senón que eles se acheguen, a descubran e decidan en que parte do seu traballo pode achegar valor real.

Cre que o uso destas tecnoloxías é aplicable en calquera caso, sen importar o tamaño das empresas?

Totalmente. Unha das cousas máis interesantes desta tecnoloxía é que é moi democrática. Desde que un fabricante investiga ata que lanza un produto poden pasar apenas dez meses. E axiña vemos ferramentas vangardistas ás que se pode acceder con subscricións de entre 12 e 100 ou 200 dólares. Son cifras que pode asumir perfectamente unha peme ou un autónomo e que lles permiten achegarse á IA sen barreiras de entrada coma noutras tecnoloxías.

Isto antes non pasaba. Houbo tecnoloxías no ámbito sanitario, por exemplo, que eran carísimas e só accesibles para grandes centros ou corporacións. Pero agora, por 25 euros ao mes, case calquera profesional pode ter un retorno brutal se sabe como aproveitala.


“Temos unha amálgama de modelos de IA, así que a gran pregunta non é se serve, senón que ferramenta é a máis útil para cada tarefa concreta”

Traballar con IA segue a ser opcional ou xa comeza a ser unha necesidade?

Mira, hai cousas na historia da humanidade que son inevitables. O lume foi unha. Transformou a nosa maneira de alimentarnos, de defendernos, de asentarnos. E ninguén puido esquivalo. A IA é o mesmo: un cambio de fondo que transformará a nosa forma de traballar, de pensar e de interactuar, e non hai que terlle medo. Forma parte do continuo de-senvolvemento humano.

Temos que romper medos mentais. Canto antes te achegues á tecnoloxía, antes a entenderás e antes poderás sacarlle partido. Como calquera proceso de cambio, require tempo, pero non podemos mirar para outro lado.

Non hai nada máis humano que a intelixencia artificial, porque é unha ferramenta feita por humanos, para humanos e con cousas humanas. É unha expresión do que somos como especie. Así que si, xa non se trata de se a usamos ou non. Trátase de como queremos integrala na nosa vida.

Funciona igual de ben a IA en traballos tan complexos como a veterinaria ou a gandería, fronte a outros máis rutineiros?

Tradicionalmente pensabamos que a IA ía substituír tarefas simples, de baixa cualificación. Pero estamos vendo todo o contrario. Hoxe existen modelos que non só razoan, senón que buscan bibliografía, a procesan, estruturan argumentos e xeran conclusións. Non son humanos, pero teñen unha capacidade cognitiva moi potente.

A parte intelectual de traballos como o de veterinarios, arquitectos, avogados ou enxeñeiros vai verse moi afectada e, de feito, veremos isto pronto: estas funcións comezarán a desvalorizarse máis rápido que as físicas, porque será máis doado replicalas con IA. En cambio, os  robots físicos aínda non funcionan ben en ámbitos non controlados, como unha granxa, por exemplo. Xa existen razoadores que poden diagnosticar coma un veterinario.

Non se trata de competir, senón de saber como utilizar iso ao noso favor. Debemos ser conscientes de que esta tecnoloxía afectará directamente a profesións complexas e, canto antes nos preparemos, mellor.


“Xa existen razoadores que poden diagnosticar coma un veterinario. Non se trata de competir, senón de saber como utilizar iso ao noso favor”

Como debemos usar a IA como complemento e non como substituto ao noso traballo?

Quizais iso non sempre sexa posible. Non quero soar pesimista, pero si realista. Non sería honesto dicir que a IA só vai complementar e que non vai substituír nunca. En moitos casos, farao, e iso non é necesariamente un problema.

Isto xa pasou. Se lle explicásemos a un agricultor do século VIII como se cultiva agora, non entendería nada; en gandería, o mesmo. A clave está en entender a realidade como é. Se a tecnoloxía pode facelo mellor, de xeito máis eficiente e rápido, o lóxico é aproveitala.

Entón, está en risco o traballo de distintos profesionais?

Para nada! Traballaremos moitísimo. Mesmo máis que agora. Pero traballaremos en cousas que teñan máis sentido para nós coma humanos. As máquinas farán tarefas repetitivas ou menos interesantes, e nós centrarémonos no creativo, no estratéxico, no emocional.

De feito, xa non traballaremos sós. Seremos persoas con modelos de IA incorporados e, cando unha empresa te contrate, non te contratará só a ti, senón tamén ao conxunto de modelos cos que traballas e cos que creas valor.

Sei que soa raro, pero no meu sector —a enxeñería de software— isto xa pasa. Ninguén escribe código a man sen usar IA. Outras disciplinas irano asimilando pouco a pouco. Haberá traballos que desaparezan, outros que se potencien grazas á colaboración humano-máquina, e outros completamente novos que hoxe non podemos nin imaxinar.

Estas tecnoloxías están ao alcance de calquera perfil ou idade?

Por suposto. Isto non vai de idade, vai de actitude. Coñecín persoas recentemente xubiladas que se interesaron por estas ferramentas para volver ao mercado laboral ou simplemente por curiosidade. Iso é o importante.

Estamos nun momento apaixonante da historia: creamos modelos tan intelixentes coma nós. Non viñeron de fóra: fabricámolos nós e levarannos a descubrir cousas incribles. Vivimos unha nova era, onde humanos e tecnoloxía avanzan da man, e formar parte dela non é cuestión de idade, senón de ter ganas, curiosidade e actitude.

Fai falta máis regulación ou formación para garantir un uso ético da IA?

Coma calquera industria, esta tamén necesita regras do xogo. Non falo de restricións, senón de marcos claros que nos permitan traballar comodamente. É certo que cada rexión o ve distinto: América, Asia, Europa… pero máis aló da regulación externa, hai unha reflexión máis profunda: que significa ser humano?

Estamos nun momento no que debemos cuestionarnos que somos, cal é o noso propósito e como queremos usar estas ferramentas. Si, sempre haberá xente que as use mal. E por iso existen sistemas para detectalos e apartalos, pero non podemos quedar no medo.

A fisión nuclear podía salvar vidas coa radioterapia ou destruír cidades cunha bomba. A tecnoloxía non é boa nin mala. Todo depende do uso. E, para iso, necesitamos educación, reflexión, filosofía… Non só formación técnica. Quizais agora, máis ca nunca, a filosofía se converta nunha disciplina moi humana.