EN LA GRANJA | GANADERÍA NOVOA (TABOADA, LUGO)

Especialistas en vacas produtoras e lonxevas

Unha das frisonas da Ganadería Novoa situouse como líder do último ranking de vacas con maior produción vitalicia de Galicia, publicado pola Federación Frisona Galega (Fefriga), e varias das súas compañeiras de rabaño tamén lograron situarse ao longo da citada listaxe. Estes resultados non son unha mera casualidade e achegámonos en persoa á granxa para coñecer cal é o seu segredo. Máis en Vaca Pinta 48.

Localización: Taboada (Lugo)

Propietarios: Juan Carlos Novoa, Trinidad Gómez, Diego Novoa e David Novoa

N.º total de animais: 230

Vacas en muxidura: 126

Media de produción: 40-42 l/vaca/día

Porcentaxe de graxa: 3,80 %

Porcentaxe de proteína: 3,27 %

RCS: 180.000-210.000 céls./ml

Venda do leite: Aira

Prezo do leite: 45 cts./l

Novoa Gerard Rocio é a vaca da Ganadería Novoa que chegou a producir nas súas oito lactacións un total de 219.830 quilos de leite. A cifra deixa abraiado a calquera que saiba un pouco do que supón acadar algo así, e é que pode ser unha das maiores producións vitalicias da historia de España e mesmo de Europa.

Con todo, e por se non fose dabondo, esta gandería lucense non só conta con este animal na listaxe, senón que son un total de oito as vacas que superaron os 100.000 quilos producidos na súa vida produtiva, algo que deixa entrever que este mérito non foi simple sorte.

“Tratamos de manter un manexo excepcional dos animais, un coidado especial coa xenética e un traballo impecable cos cultivos para lograr forraxes de calidade e en cantidade”, explica Diego Novoa, un dos catro socios do negocio xunto cos seus pais, Juan Carlos e Trinidad, e o seu irmán, David.


“Tratamos de manter un manexo excepcional dos animais, un coidado especial coa xenética e un traballo impecable cos cultivos para lograr forraxes de calidade e en cantidade”

Actualmente, o rabaño acada as 220 ou 230 cabezas, das cales moxen unha media de 126 ou 127 vacas, outras quince son vacas secas e o resto é recría. A media de produción por vaca e día é de 40 ou 42 litros, cunhas porcentaxes de graxa do 3,80 % e de proteína do 3,27 %.

Como socios da cooperativa Aira, con sede na súa mesma localidade, Taboada, véndenlle toda a súa produción de leite á propia cooperativa, que logo se encarga de transformar nalgún produto lácteo e de revenderlles a outras empresas. Están a cobrar un prezo medio de 45 céntimos por litro, con primas por calidades.            


As vacas atópanse por toda a nave con varios cepillos rascadores e a limpeza dos corredores realízase con arrobadeiras de cable

MÁXIMA COMODIDADE

“Un dos factores clave que implica que as vacas sexan máis lonxevas é ter unhas boas instalacións e, sobre todo, un bo cubículo”, sinala Novoa.

Dividen o seu rabaño en tres naves: a principal, onde manteñen as produtoras; as instalacións antigas, que destinan ás vacas secas, e o centro de recría propio, onde coidan das xatas e xovencas.

Orientada cara ao norte, a nave de produción suma un total de 130 cubículos con camas de serraduras e carbonato. “Fago eu persoalmente a mestura e énchoas todas as semanas, logo airéanse e hixienízanse entre dúas e tres veces ao día”, explica. Aínda que recoñece que a area é unha das mellores opcións, descarta esta alternativa pola xestión do xurro e das terras, pois cre que, pasados uns anos, “teremos terras moito máis areosas e as serraduras e o carbonato non me dan ningún problema”.

Falando das camas, lembra unha experiencia que lle confirmou que a súa elección era correcta: “Antes de ter os robots, as vacas tiñan acceso a un terreo ao aire libre que eu traballaba cada verán para que puidesen estar comodamente no campo. Tras o muxido nocturno, saían todas cara a ese espazo, pero varias noites en que tivemos que vir á granxa, vimos que a pradeira estaba baleira e todas as vacas estaban dentro, deitadas nas súas camas e cubículos. Era a mellor proba de que tiñamos unha cama cómoda e confortable para elas”.

Os comedeiros están todos revestidos de aceiro inoxidable por cuestión de hixiene, “pois así podemos limpalos moito máis facilmente e non acumulan restos de comida”, e os bebedoiros son todos virables, “para limpar tres veces ao día”.

As vacas atópanse por toda a nave con varios cepillos rascadores, e a limpeza dos corredores realízase con arrobadeiras de cable, que empuxan todo o esterco cara a dúas fosas de 1.200.000 litros de capacidade. Ambas están abertas, ao igual que unha terceira máis afastada da explotación, duns 400.000 litros máis. “Nalgunhas épocas temos problemas para retiralo polo espeso que está, pero no inverno, se coincide unha temporada de chuvias, acumulan moita auga. Por iso, non descartamos cubrir as fosas no futuro”, apunta Diego. Utilizan todo o xurro para fertilizar as súas fincas.

MÁIS VENTILACIÓN PARA O VERÁN

Aínda que a nave está moi ventilada, no verán as vacas comezaron a mostrar signos de certo estrés por calor. Acumulábanse na parte norte da nave de produción, amoreábanse demasiado e mesmo detectaron que o robot da zona sur rexistraba menos muxidos que o outro.

Para solucionar isto, decidiron incorporar un sistema de ventilación con ventiladores e duchas.

Colocaron unha liña de aspersores por toda a cornadiza, combinada con varios ventiladores e outra liña de ventiladores por riba dos cubículos.

“Segundo a temperatura e a humidade que alcanza o sensor, comezan a funcionar, e isto fai que as vacas se refresquen e que a calor que se concentra na nave se disipe”, di. Instalaron todo a comezos do verán e o problema quedou solucionado.


“Comprobamos que non é certo o mito que afirma que as vacas duran menos con muxidos robotizados; máis ben é todo o contrario”

UBRES LIBERADOS GRAZAS AO MUXIDO ROBOTIZADO

En setembro de 2015 instalaron o primeiro robot de muxido. “Viamos que moitas veces tiñamos que descartar vacas por temas de saúde ou por ubres moi descolgados, e comezamos a valorar que cun muxido robotizado as vacas estarían moito máis liberadas de leite”, asegura.

Antes de tomar a decisión definitivamente, pasaron a muxir os animais en sala tres veces ao día e viron durante tres anos como as vacas estaban moito mellor, “como o futuro estaba nos tres muxidos”, destaca.

Ademais de buscar un benestar maior para os seus animais, lograrían tamén unha flexibilidade nos horarios para eles mesmos. “Levantámonos cada mañá e temos o 90 % do traballo feito. Simplemente tes que comprobar, ben desde o móbil ou ben desde o ordenador, que os muxidos están ben, que non hai algún atraso e que non existe ningunha alarma de vacas enfermas ou posibles mamites”, enumera Diego.

As vacas están a ser muxidas unha media de 3 veces ao día e alcanzan unha media de 4 en número de partos, e engade: “Comprobamos que non é certo o mito que afirma que as vacas duran menos con muxidos robotizados; máis ben é todo o contrario”.

Ao ano, máis ou menos, colocaron o segundo robot e, coa robotización do muxido, monitorizaron os animais con colares. Ademais da análise completa da produción de cada animal, obteñen datos da ruminación e detectan os celos. “A ruminación é un dos factores máis importantes, porque, se tes a ruminación controlada, coñeces o estado de saúde dos teus animais, sobre todo, na saída do parto”, indica o gandeiro.

Outro robot que sumaron ás instalacións coa chegada dos novos boxes de muxido foi o arrimador de comida. As súas vacas tiñan a rutina de ir comer inmediatamente despois de saír do muxido, entón Diego considerou que sería esencial que as vacas tivesen acceso á comida en todo momento, xa que a partir de entón irían muxirse ao longo de todo o día.

Do cambio ao muxido robotizado destaca tres aspectos: a precisión do muxido, o benestar dos animais e o control do rabaño que pode ter grazas a todos os datos que lle facilitan.

“Hai vacas que se moxen seis veces ao día e isto fai que os animais non veñan ao robot con moito máis de 12 ou 13 litros de leite”, aclara Novoa. “Ademais, calquera alerta que nos envía o robot facilítanos detectar os problemas moito antes”.

AFORRO ENERXÉTICO CON PLACAS SOLARES

Diego Novoa sinala que cos robots o consumo de enerxía é moito máis constante e que valorou moito a instalación de placas solares.

Hai máis ou menos seis anos optou por instalalas e conta agora mesmo cun total de 27 quilovatios instalados. “De todo o producido, consumimos unha parte e os excedentes vólcanse á rede e obtemos unha compensación pola noite. Notamos un aforro considerable, sobre todo nas épocas nas que a luz sobe de prezo”, valora.


Concentran en Renota toda a recría, desde a desteta ata poucas semanas antes do parto

RECRÍA EN RENOTA, UN CENTRO PRIVADO CON OUTROS DOUS SOCIOS

Toda a recría, desde a desteta ata poucas semanas antes do parto, concéntrase nun centro privado que Diego creou con outros dous socios a uns tres quilómetros da súa granxa.

“Haberá máis ou menos uns catro anos que xurdiu a posibilidade de comprar unha nave a estrear moi cerca das nosas instalacións”, comenta. Era unha granxa que se pensara para unha estabulación canadense cunhas dimensións importantes e moi ben deseñada e construída. “As instalacións eran espectaculares, polo seu tamaño poderían albergar un rabaño para produción con catro robots”, detalla Novoa.

Os tres gandeiros asociáronse para montar o centro e puxéronlle de nome Renota, “de recría de novillas de Taboada”, revela.

En breve debería ter tomado a decisión de envialas a un centro de recría ou de levantar unha nave nova, pero presentouse esta opción e entre os tres decidiron ir cara adiante, contratar un empregado e recriar así os seus animais.

Antes de levalos a este centro, en Novoa manteñen os acabados de nacer en boxes individuais durante uns seis ou sete días. Danlle moita importancia ao encostrado nas primeiras dúas horas tras o parto e despois proporciónanlles dúas tomas de dous litros de leite ao día.

Xosé Ramón Botana, veterinario de Reprodución en Ganadería Novoa
“Existe unha boa detección de celos e nós intentamos traballar con base niso, cunha boa transición do gando do secado á seguinte lactación”

Como é a rutina de traballo que desenvolven en Novoa?

En primeiro lugar, nesta gandería levamos a cabo un control posparto co que valoramos vaca a vaca os pasos a dar en función dos parámetros de reprodución e o arranque que se produce no posparto. En segundo lugar, realizamos o control de xestación e a reconfirmación e sexaxe. Por último, facemos a análise de vacas repetidoras. Ademais, acompañamos todo coa informatización de toda esta información para axudar os gandeiros na xestión.

Os aspectos máis destacables desta gandería son a lonxevidade do seu gando e a alta produción.

Realizan un secado curto. Cal é o seu beneficio?

Desde que coñezo esta granxa, polo menos desde hai 11 anos, realizan un secado curto de 45-50 días. Creo que o principal beneficio é que a transición entre o período seco e o inicio da seguinte lactación implica un comezo correcto, polo menos nesta granxa. A día de hoxe, non é unha práctica tan habitual, pero nesta granxa funciona.

A que aspectos lles están dando máis importancia?

É unha granxa na que existe unha boa detección de celos e nós intentamos traballar con base niso, cunha boa transición do gando do secado á seguinte lactación e un manexo exquisito en todos os aspectos.

Que relevancia lle dan á análise de datos?

Utilizamos dous programas para o control dos animais; por un lado, o que nos ofrece o sistema robotizado de Lely e, por outro, eu traballo co programa Gando. Así, incorporo datos de produción do gando, pero tamén todo o relativo a enfermidades e ao aspecto reprodutivo. A partir deste programa, elaboramos, por exemplo, previsións de partos, previsión de vacas en muxidura, remítolles vaca a vaca as que van parir, con que días en leite, ou con que tipo de xato, se macho ou femia.

Valora tamén a reprodución das xovencas que manteñen no centro de recría?

Si. Comezamos a valorar a recría desde o punto de vista reprodutivo a partir dos 13 meses. Neste momento, imos analizando a súa condición corporal e tamaño, e establecemos o protocolo máis adecuado para lograr a primeira inseminación. Ao igual que sucede na granxa de vacas, tamén temos bos datos de detección de celo. Actualmente, estamos nun 65-70 % de fertilidade á primeira inseminación e estamos conseguindo un primeiro parto ao redor dos 23,8-24 meses.

Tras esta primeira semana, entran xa na amamantadora, na que diferencian dous lotes entre as máis pequenas e as máis grandes. “Vailles incrementando a cantidade de leite ao día e, a partir do día sesenta, máis ou menos, comeza a desteta ata os noventa días”, describe.

Durante a súa estadía no centro Renota, son inseminadas aos 12 ou 13 meses, cando ven que chegaron a unha condición corporal e a unha estatura adecuadas.

Neste aspecto, para a reprodución, están asesorados polo veterinario Xosé Ramón Botana.

Danlle moita importancia ao control posparto: “É moi importante –indica Novoa– que os animais arranquen ben a lactación, para que estas sexan o máis altas e longas posible”, e realizan un secado máis curto do habitual, de 45 ou 50 días.

“Lembro facer este tipo de secado desde que eu me incorporei á gandería, para lograr máis produción e porque comprobei que me custaba máis sacar adiante as vacas que máis tempo me botaban secas”, subliña Diego.

Pola súa banda, Botana, aínda que asegura que é algo pouco común, corrobora que nesta granxa funciona e así o seguen mantendo.

O intervalo entre partos en Novoa é de 407 días e a media de inseminacións por preñez, de 2,17 en vacas e de 1,5 en xovencas.


Priorizan o cultivo de millo, porque basean moito a súa alimentación nesa forraxe e, ademais, na súa zona logran producións moi altas

PRIORIDADE AO MILLO

Agora mesmo están traballando    unhas 70 hectáreas e todas as fincas están situadas nun radio duns tres quilómetros, o que facilita moito o seu traballo. Ademais, aínda que na zona non existe concentración parcelaria, contan con fincas bastante grandes e uniformes.

Sementan sobre 46 hectáreas de millo e unhas 50 hectáreas de herba e realizan rotación de ambos cultivos nunhas 25 ha. “Algunhas fincas moi húmidas quedan só a millo porque é imposible traballar sobre elas”, matiza.

Priorizan o cultivo de millo, porque basean moito a súa alimentación nesa forraxe e, ademais, nesta zona logran producións moi altas. Doutra banda, Diego considera que o seu manexo é moito máis sinxelo, xa que a herba esixe unhas condicións moi especiais para lograr a máxima calidade.

Segundo a súa opinión, “podes ter a herba nun punto óptimo para cortar e calquera contratempo meteorolóxico ou nas máquinas fai que xa non consigas o resultado que querías. É moito máis caprichosa”.

Decántanse normalmente por un ciclo 400 de millo, que sementan a primeira quincena de maio e recollen cara a finais de setembro, e por mesturas de híbridos, mesturas de raigrases con veza e trevos para a herba, á que lle fan un único corte.

Están alcanzando rendementos de 50-60 toneladas/hectárea en millo e de 30 t/ha en herba.

Con estes cultivos son autosuficientes e mesmo adoitan ter comida en abundancia, algo que Diego valora como moi positivo: “Dependes moito da climatoloxía en ambos os cultivos e, se algún ano vén malo por calquera motivo, non é o mesmo contar cun pequeno colchón que quedarte xusto de comida, podes verte cun problema”.

De todos os traballos que implican as terras encárganse eles mesmos coa súa propia maquinaria. Só recorren á cooperativa Aira para contratar a recolledora e o transporte.


“Queremos que os animais produzan o máximo leite posible, que preñen ben e que estean ben. A alimentación é un dos aspectos fundamentais”

VARIAS RACIÓNS FEITAS NA CASA

Elaboran as diferentes racións no seu propio carro unifeed. Para as vacas de produción preparan dous carros diarios, un pola mañá e outro pola tarde. A composición desta ración é a seguinte: 32 kg de silo de millo, 14 kg de silo de herba, 0,5 kg de palla e 8,5 kg de concentrado.

As vacas secas toman 8 kg de silo de millo, 11 kg de silo de herba, 1,8 kg de herba seca, 1 kg de palla e 2 kg de concentrado, e para as xovencas diferencian dous grandes lotes. Por un lado, ata os 12 meses aliméntanse de 5 kg de silo de millo, 2,5 kg de herba seca, 3,5 kg de penso e 0,35 kg de palla e, por outro, a partir do ano toman outra ración con 14 kg de silo de herba, 2,6 kg de herba seca, 3 kg de penso e 0,70 kg de palla.

En canto ao custo das racións, non pensan escatimar: “Queremos que os animais produzan o máximo leite posible, que preñen ben e que estean ben. A alimentación é un dos aspectos fundamentais.”

 

 

 

Miguel Botana, asesor de Alimentación en Ganadería Novoa
“Nesta granxa o cultivo principal é o millo, entón buscamos sempre un cultivo óptimo, cun amidón bo, pero, sobre todo, cunha boa dixestibilidade”

En que aspectos se centra o seu asesoramento?

A día de hoxe, encárgome da mostraxe e das analíticas dos silos e valoro as decisións que son necesarias con base nesas análises. As visitas están un pouco marcadas pola situación das vacas. Se as vacas e a comida están estables, non adoitamos tocar a ración. Se vemos que non se cumpren os obxectivos que buscamos, remostramos e valoramos facer cambios.

Que racións están administrando actualmente?

A ración de lactación, a máis importante, está a facerse con silo de millo (32 kg), silo de herba (14 kg), concentrado (8,5 kg) e, nalgún caso, se os silos son moi húmidos, engadimos un pouco de palla picada (0,5 kg); a ración de secas componse de silo de millo (8 kg), silo de herba (11 kg), herba seca da explotación (1,8 kg) ou palla (1 kg) e concentrado específico de secas (2 kg), e a de xovencas é unha ración moi estable, que non adoitamos cambiar, que mantemos sempre coa mesma proporción de herba seca, de silo de herba, de silo de millo e de concentrado.

A adaptación ao robot obrigou a aplicar algún cambio?

Foi especialmente fácil, porque a granxa xa estaba muxindo os animais tres veces ao día e as producións xa eran moi altas. Simplemente foi adaptar as vacas ao sistema de muxido. Eliminamos parte do concentrado na ración e puxémolo no robot. Nos primeiros días muxíronse no robot uns 40 animais e logo xa se pasou o resto, uns 60 en total. Non houbo maiores problemas.

O concentrado que lles proporcionamos aos animais no robot depende dos picos de produción, pero a media ronda os 4,5 ou 5 kg. A maiores, no carro mesturador incluímos uns 8 ou 8,5 kg.

Están intentando mellorar algún aspecto?

Sempre se pode mellorar. Á hora de definir as racións sempre nos adaptamos un pouco ás forraxes que temos. Por exemplo, o ano pasado tocounos traballar con silos un pouco máis húmidos do normal e tivemos que engadir un pouco de palla, para que a estrutura da ración no presebe fose correcta.

En canto a obxectivos, buscamos producir un pouco máis de leite, se cabe, pero sen variar moito o status da granxa, ou sexa, que non haxa problemas e que o gandeiro non teña un exceso de traballo por producir máis leite.

Como é de importante a calidade das forraxes? Que tipo de asesoramento ofrece neste sentido?

Nesta granxa o cultivo principal é o millo, entón o que buscamos sempre é un cultivo óptimo, cun amidón bo, pero, sobre todo, cunha boa dixestibilidade. As miñas recomendacións céntranse máis no punto óptimo de colleita, non tanto na marca ou na variedade do millo.

En canto á herba, este é un tema bastante máis complexo, porque depende sempre da climatoloxía. O que buscamos é unha fibra de calidade que nos garanta unha boa ruminación. O máis importante é que estea ben conservada e que non estea moi pasada de fibras, porque o nivel de proteína poderémolo corrixir co concentrado. 

ANOS DE SELECCIÓN PARA ALTAS PRODUCIÓNS

O confort e a alimentación son dúas das claves que Diego Novoa prioriza para conseguir animais produtores e duradeiros. O terceiro elemento que non pode fallar é a selección xenética.

Neste senso, afirma que leva moitos anos seleccionando sementais con moi altas producións: “Busco niveis de produción altos sen descoidar a graxa nin a proteína”. Ademais, fíxase na lonxevidade, nos datos de saúde xeral, nas patas e nos ubres.

Aposta sempre pola raza holstein e, aínda que utiliza touros tanto probados como xenómicos, adoita decantarse máis polos probados, xa que “gústame saber con máis certeza cara a onde vou”.

Como non queren crecer en canto a número de animais, descarta por completo o uso de seme sexado. Para este asunto déixase asesorar polos servizos de Africor Lugo e compra todo o seme a través das súas campañas.

Algo que tamén destaca da xenética das súas frisonas, e que cre que pode ser interesante de cara ao futuro, é que tras un estudo previo sabe que ten un 50 % dos seus animais co xene A2A2, o que lle permitiría traballar nun dos robots con este sistema. “É un tema que estamos barallando, pero de momento non tomamos ningunha decisión”, apunta o gandeiro.


“Debemos aprender a xestionar a montaña rusa do noso sector”

ESTABILIDADE E POSITIVIDADE

De cara a ese futuro próximo pensa na estabilización do seu rabaño e das súas rutinas: “Non me propoño a día de hoxe crecer para chegar a un terceiro robot, porque iso implicaría aumentar as tarefas de campo e incrementar moito o traballo”.

Considera que un dos principais problemas aos que se enfronta o sector é a falta de man de obra e sen ese tipo de apoio, apostar polo crecemento é moi complicado.

O investimento que si ten en mente para mellorar o descanso das súas frisonas a curto prazo é a colocación de cubículos flexibles.

O porvir do sector lácteo en xeral veo positivo. É un gandeiro que recoñece os altos e baixos que sempre caracterizaron o seu negocio e cre que “o que se debe facer é aprender a xestionar esa montaña rusa. Debemos sempre crear un colchón para poder manternos nunha liña e iso só se consegue con moita constancia”.