PerPlant presenta en Lugo unha cámara con IA para controlar o traballo de pulverizadores e abonadoras

PerPlant presenta en Lugo unha cámara con IA para controlar o traballo de pulverizadores e abonadoras

O mércores 17 de setembro, a empresa danesa PerPlant presentará unha cámara con intelixencia artificial para maquinaria agrícola, da man da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo (EPS). O acto levarase a cabo a partir das 10:00 h na nave-obradoiro de mecanización, situada no Pavillón 3 da devandita escola.

A cámara con IA implementada por PerPlant controlará o traballo de pulverizadores hidráulicos e abonadoras. É a primeira tecnoloxía deste tipo que esta compañía instala en España.

A xornada contará coa participación de Jeppe Skov, de PerPlant, e Carlos Escribano, de AAMS Ibérica. A entrada é libre, pero existen prazas limitadas, polo que se debe realizar inscrición no seguinte enderezo de correo electrónico: javier.bueno@usc.es

Un sensor de cámara instálase enriba da cabina do tractor e analiza o estado das plantas, a presenza de malas herbas e a biomasa en tempo real. Deste xeito, permite unha aplicación moi precisa de fertilizantes e produtos fitosanitarios.

O sistema procesa os datos directamente no dispositivo, sen dependencia da nube, o que permite variar inmediatamente os axustes nas máquinas que distribúen os insumos durante as operacións de campo, posibilitando a realización de aplicacións a doses variable.

Ao combinar imaxes satelitarias de Sentinel-2 con imaxes a nivel do chan, o sistema proposto crea mapas de prescrición dinámicos para estratexias de manexo do cultivo máis efectivas.