A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) entregou o pasado venres 28 de xuño na Casa da Cultura do Concello da Pastoriza (Lugo) o Premio ION-SGPF ao mellor peche eléctrico 2018 a Amaro López Rivero, propietario dunha gandería de vacas de raza Vianesa no concello de Baleira.
Esta convocatoria retomou o espírito de antigas edicións na procura dunha mellor xestión das superficies forraxeiras grazas ao emprego de peches electrificados, a mellor ferramenta actual dos gandeiros e gandeiras para a xestión do pastoreo do gando. A empresa lucense ION, fundada por Daniel López González, leva décadas dedicada á fabricación de pastores eléctricos e material para realizar peches electrificados e pretende deste xeito fomentar o bo uso destas ferramentas indispensables para o manexo do gando.
O premiado na edición 2018 foi Amaro López Rivero, veciño da parroquia de Córneas, no concello lugués de Baleira. Dende a SGPF destacan a labor deste gandeiro de vacún de carne en extensivo que xestiona 36 ha de pradeiras e terreos de monte con máis de 13 km de peches para alimentar a 38 vacas e 5 cabalos. O seu traballo na recuperación de terreos pobres, co manexo do gando e a presión do pastoreo grazas ao correcto emprego de peches electrificados, é un exemplo na súa contorna para mostrar o que se pode facer para transformar as superficies abandonadas en prados e pradeiras.