- Esta mañá presentouse na Deputación Provincial de Lugo o programa completo desta nova edición, nun acto no que participaron o presidente de Seragro, Víctor Manrique, os organizadores deste ano, Gonzalo Gómez, José Antonio Montoiro e Manuel Vidal, e deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera.
- As XXI Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro celebraranse os días 13 e 14 de novembro no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.
As XXII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, de carácter totalmente gratuíto, reunirón máis de 700 profesionais entre gandeiros, técnicos e expertos o xoves 13 e o venres 14 de novembro en Lugo. O encontro, consolidado como unha cita de referencia no calendario do sector, volverá ofrecer dous días de relatorios e mesas de debate centradas nos principais retos e oportunidades da produción leiteira.
O presidente de Seragro, Víctor Manrique, desexou durante a presentación que o deste ano fose un “programa completo e atractivo” para os asistentes, fixo fincapé en que este é “un foro orientado a múltiples perfís” relacionados co sector vacún leiteiro e recordou a importancia do apoio de entidades públicas e de empresas privadas para o seu desenvolvemento.
Dentro das temáticas desta edición, presentadas polos organizadores, Gonzalo Gómez, José Antonio Montoiro e Manuel Vidal, atópase a recría como eixo básico, así como outros ámbitos como a produción, a robotización, a podoloxía ou a xestión. Apuntaron que, un ano máis, se contará con relatorios de varios dos expertos nacionais e internacionais de renome para tratar os temas de propostos e que, ademais, o escenario do auditorio da Facultade de Veterinaria volverá ser tamén espazo para as experiencias gandeiras.
O deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, destacou destas xornadas que son “un clásico que se vai renovando ano tras ano e que xa son un referente dentro e fóra da nosa comunidade”, salientou o nivel indiscutible das mesmas, “tanto polos relatores como polos temas expostos” e felicitou á organización por manter sempre o rigor e a constancia.
SITUACIÓN ACTUAL, RECRÍA, MANEXO E EFICIENCIA PRODUCTIVA
O programa técnico dará comezo o xoves 13 de novembro co relatorio de José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega (A Coruña), quen analizará a situación actual do sector galego e as súas transformacións recentes. A continuación, Felipe Fraga Martínez, do Servizo de Recría de Seragro, ofrecerá unha charla sobre os principios básicos de ventilación e orientación de naves de recría. Laura Molina Moreno, profesora asociada na Facultade de Veterinaria de Córdoba e experta en xestión integral en ganderías, abordará as enfermidades en idades temperás e o seu impacto duradeiro. Tras o café, Sandra Mella Ríos, traballadora de Finca Fonteboa (A Coruña), compartirá experiencias sobre a recría na súa explotación, seguida por Ares Rubies Corrales, auxiliar veterinaria especializada en xestión e formación de persoal en Granja San José (Huesca), que ofrecerá un relatorio centrado na recría como base do futuro vacún.
Logo do xantar, o estadounidense Jordan T. Matthews, socio de Rosy Lane Hosteins LLC (Wisconsin), falará da importancia das persoas e das vacas para lograr grandes retornos. Sonia Rodríguez Pazos, do Servizo de Reprodución de Seragro, disertará sobre o momento óptimo para a inseminación das vacas. Liliana Fadul, analista de datos en Lactanet, analizará o efecto do tipo de muxido sobre o pico de produción e a composición do leite e Miguel Iglesias Naredo, xefe de produto de vacún de leite en De Heus, proporcionará claves para optimizar a alimentación en sistemas de muxido robotizado. O xoves concluírá co habitual Encontro Gandeiro, destinado a fomentar o diálogo e a reflexión entre os asistentes.
MARCO NORMATIVO, SAÚDE, BENESTAR ANIMAL E I+D
O venres 14 comezará coa intervención conxunta de María Jesús Asorey Cea e Noa García Rey, de AUSUM, Asesores e Avogados, que explicarán o marco laboral no sector agrario e gandeiro desde a normativa ata a súa aplicación práctica. Despois, Víctor Novo Vázquez, xefe do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, presentará o Caderno de Campo e as obrigas medioambientais e, seguidamente, Javier Fernández López, do Servizo de Podoloxía de Seragro, falará sobre as vantaxes da revisión fronte ao traballo por lotes. Despois da pausa, Arturo Gómez, veterinario consultor e investigador en Zinpro, tratará o cambio de paradigma na prevención da saúde podal.
Pola tarde, Javier Bueno Lema, profesor titular na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra en Lugo, abordará a tecnoloxía e a intelixencia natural no sector gandeiro. Carlos Liste Pose, socio de Gandería Liste SL (Trazo, A Coruña), compartirá a súa experiencia na xestión de forraxes con maquinaria propia e Juan Carlos Lodos Pérez, socio de SAT Lodos e Pérez (A Pastoriza, Lugo), falará sobre a produción de forraxes sen maquinaria. Finalmente, Pol Llonch Obiols, veterinario experto independente na Plataforma de Benestar Animal da Comisión Europea, explicará como a intelixencia artificial e a análise de datos están a transformar o sector leiteiro. A xornada finalizará coa clausura e o tradicional brinde do leite.