A Ganadería Bourio encarna un dos modelos de granxas leiteiras do futuro: unha empresa familiar dirixida por un gandeiro novo que soubo conservar a tradición coa implementación das últimas tecnoloxías, como a robotización do muxido ou a xestión de datos, para lograr un maior benestar animal e unha produción máis eficiente. Máis en Vaca Pinta 52.
Localización: Castropol (Asturias)
Propietarios: Javier Fernández, Ludi Fernández e David Fernández
N.º total de animais: 210
Vacas en muxidura: 120
Media de produción: 38,5 l/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 4,00 %
Porcentaxe de proteína: 3,50 %
RCS: 190.000 cél./ml
Venda do leite: Campoastur
Prezo do leite: 0,47 €/l
Xusto na fronteira entre Galicia e Asturias, dúas rexións gandeiras por excelencia e moi dedicadas ao vacún de leite, concretamente no concello asturiano de Castropol, á beira do mar Cantábrico, atópase a Ganadería Bourio, un negocio familiar con anos de traxectoria e crecemento que a día de hoxe dirixe David Fernández, xunto aos seus pais Javier e Ludi.
Ao chegar, apreciamos o coidado das novas instalacións da granxa e recíbenos o mozo gandeiro, que, con tan só 27 anos, leva xa ao mando do rabaño uns seis anos. “Eu tiven claro desde sempre que a min me gustaban as vacas e que me quería quedar aquí”, aclara. Cursou o Ciclo Superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal no Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, de Coristanco (A Coruña) e, tras finalizar estes estudos, incorporouse á gandería en 2019.
Naquel momento, a nave actual xa estaba construída desde o 2002 e o que fixeron coa súa incorporación foi a zona de almacén, a de secas e preparto e a instalación dos robots de muxido.
A historia da granxa remóntase aos anos 60, cando os avós de David comezaron cunha soa vaca para autoconsumo. Co tempo, a venda de leite foi gañando protagonismo e nos anos 80 o seu pai decidiu profesionalizar a explotación. “El xa comezou a mercar vacas tras un baleiro sanitario e levantou unha primeira nave para 40 cubículos”, lembra David. Pasados uns anos, levou a cabo unha ampliación para 70 animais e a última mellora foi a do 2002, para deixala tal e como é hoxe en día.
OS SEGREDOS PARA O CONFORT DAS SÚAS VACAS
Actualmente, a gandería conta con 210 animais, dos cales 140 son vacas nais e 120 están en lactación. “A cifra de produción media está en 38,5 litros por vaca e día, cunhas calidades dun 4 % de graxa e un 3,50 % de proteína”, explica David, que traballa con datos en tempo real grazas ao sistema informatizado dos robots e aos colares de monitorización.
Na nave principal, divide o rabaño en dúas partes. Dun lado, descansan as vacas secas e o preparto en cama quente con serraduras e, do outro, están as vacas en lactación con acceso a 120 cubículos con camas de carbonato e serraduras.
“Decidimos apostar pola cama quente porque cremos que á hora do parto as vacas están moito máis tranquilas e con menos estrés; pola contra, as camas das produtoras achegan doutra maneira maior limpeza e comodidade”, diferencia David.
Por unha parte, reenchen a cama quente cada dous meses e co tránsito dos animais vaise mesturando soa e facendo un colchón groso e seco; por outra, encaman os cubículos cada 15 días e límpanos a diario.
As produtoras atópanse cos bebedoiros salpicados polos corredores para favorecer así a circulación dos animais cara aos robots de muxido e a limpeza é automática, con arrobadeiras de cable, que pasan cada catro horas. O esterco diríxese a unha fosa única e cuberta de 1.200.000 litros de capacidade.
Para un maior benestar animal, instalaron tres cepillos rascadores, “que as manteñen moi limpas, ademais de rascalas”, e un sistema de ventiladores para darlle solución ao estrés por calor que sufrían no verán. “Estamos moi preto da costa e, aínda que aquí os veráns non son demasiado calorosos, si que sufrimos moito a humidade”, recoñece o asturiano. Tanto é así que vían os animais bastante fatigados e as cifras de produción e de fertilidade resentíanse bastante. “Tras a súa instalación, notamos moito o confort e eses problemas desapareceron”, destaca David.
O cow confort é un dos puntos principais que definen á Ganadería Bourio, xunto á boa xenética e á alimentación de calidade.
Precisamente, pensando no benestar das súas vacas deron o paso ao muxido robotizado. “Queríamos conseguir un terceiro muxido e, en consecuencia, aumentar a produción”, explica.
Antes traballaban cunha sala de muxido antiga, con medidores volumétricos e 20 puntos de muxido, pero en febreiro de 2022 comezaron a muxir con dous robots. “O robot permítenos máis flexibilidade, mellor manexo e un terceiro muxido que repercute directamente na produción e na saúde do ubre”, detalla David.
As vacas móxense unha media de 2,9 veces ao día, o que lles permite “estar menos tempo con leite no ubre”. Ademais, o rexistro exhaustivo de datos sobre os animais achégalles un maior control da súa actividade e dos celos, sobre todo cando non están na granxa, son capaces de anticiparse a moitos problemas e de detectar celos que non verían.

RECRÍA EXTERNALIZADA E CONTROL REPRODUTIVO
Para optimizar o espazo e os recursos, externalizaron a recría hai moitos anos, “desde que comezou a traballar o Rancho Las Nieves”. Aos 15 días de vida, as xatas marchan de Castropol a Zaragoza e volven uns dous meses antes do parto. “Non temos espazo suficiente, base territorial nin man de obra extra para facelo nós. Externalizar é máis cómodo, garántenos un bo manexo e ofrécenos unha solución a esa problemática”, detalla David.
Cando nace un novo xato mantéñeno 15 días nun box individual. Subminístranlle calostro da nai os tres primeiros días e, despois, aliméntano con leite composto.
En canto á reprodución, están a conseguir unha media de 1,2 inseminacións por preñez en xovencas e de 1,9 en vacas, cun intervalo entre partos moi controlado de 365 días: “Usamos os colares para a detección de celos, aínda que tamén botamos man da sincronización cando fai falta”.
As xovencas están a ser inseminadas aos 13 meses de media, “dependendo da súa condición corporal” e están a lograr unha media de 22,9 meses ao primeiro parto. A media de número de partos do rabaño é de 2,5 por vaca.
XENÉTICA ADAPTADA AOS ROBOTS
O progreso xenético en Ganadería Bourio foi sempre un factor fundamental para conseguir, como di David, “animais sans, fortes e cada vez máis lonxevos”, sen perder nunca de vista as altas producións, tanto en litros de leite como en calidades, nin a morfoloxía.
A todo iso, desde que robotizaron o muxido, engadiron varios criterios máis, que lles permiten ser máis eficientes e optimizar mellor o seu rabaño e os seus rendementos. “Poñemos moita énfase –indica– en ter animais con bos ubres, velocidade de muxido e morfoloxía adaptada ao robot”.
Entre sementais xenómicos e probados non fan apenas diferenza, máis ben fíxanse en se cumpren cos trazos que buscan. Se un touro concreto lles funciona ben e segue estando dispoñible, non o descartan por ser probado.
Usan seme sexado para a primeira inseminación de todas as xovencas, convencional para o segundo intento e cruzamento con carne a partir da terceira inseminación. Nas vacas poñen convencional as tres primeiras veces e, se non hai preñez, repiten con carne. “Para o cruzamento decantámonos por azul belga, porque sae máis económico, ou angus, porque achega bastante fertilidade”, afirma.
Todos os cruzamentos e os xatos véndense e o resto da recría queda na gandería, porque “estamos descartando aqueles animais que se adaptan peor ao muxido robotizado e, no proceso desa limpeza, absorbemos toda a nosa recría”.
A día de hoxe, teñen unha media morfolóxica de 80,2 puntos.

BASE TERRITORIAL E ALIMENTACIÓN KM0
Ganadería Bourio xestiona unhas 60 hectáreas de terreo arredor da nave, o que lles permite obter as súas propias forraxes con custos mínimos e grandes rendementos. Destinan unhas 40 ha á rotación de cultivos de millo e mesturas de cereais, avea e leguminosas ou raigrás.
O seu costume fora desde sempre o cultivo de raigrás, porque “faciamos un corte e dábanos grandes cantidades de alimento”, pero as esixencias da Política Agraria Común fixéronlles dar o paso á alternancia con cultivos de cereais mesturados con leguminosas e avea. “Probamos un ano e comprobamos que podiamos conseguir altas producións con importantes calidades e decidimos reservar máis terreo para mellorar as nosas racións”, aclara David, quen confirma que continúan facendo un só corte para o raigrás e para este tipo de mestura, cultivos que ensilan en conxunto.
Para o millo teñen que xogar moito coa altitude das súas fincas: “Nas zonas de menor altitude estamos sementando un ciclo 500 e nas máis altas, un 400 un pouco longo, para así poder recollelo nos mesmos días”.
Grazas a esta estratexia, logran uns rendementos medios de 50 toneladas por hectárea en millo e 25 t/ha en herba. Ademais, aproveitan o xurro como fertilizante, o que lles permite baleirar as fosas e pechar o ciclo sen necesidade doutras xestións. Segundo David, “botamos xurro nas fincas cando se vai sementar o millo ou a herba e, no inverno, facemos outra pasada a maiores para reducir a cantidade de químicos”.
Para as tarefas das campañas, botan man de empresas externas, eles mesmos só teñen a maquinaria básica para os labores diarios da granxa.
A base da alimentación das vacas produtoras de Bourio é unha ración unifeed que mestura forraxes e concentrado, e que se complementa co penso subministrado no robot. No momento da nosa visita, esta ración estaba composta por 30 kg de silo de millo, 12 kg de silo de herba e 8 kg de concentrado. A media de penso proporcionado nas entradas ao robot era de 4 kg diarios.
Pola súa parte, as vacas secas comen outra preparación con 12 kg de silo de millo, 6 kg de palla e 3 kg de penso.
Ambas as racións son elaboradas polo carro da cooperativa CLUN, á que pertencen. A de produción realízase e repártese todos os días e a das secas, cada dous.
Ademais de ser socios de CLUN, tamén o son da cooperativa asturiana Campoastur, á que venden toda a súa produción. “Agora mesmo nos están pagando 47 céntimos por litro máis as primas por calidades e por produción”, indica David.
Campoastur é un primeiro comprador que vende a outras empresas, como Lactiber, en León, e a varias queixerías asturianas.
“Aínda que agora estamos nun momento de prezos bastante estable e cómodo para nós, temos que estar pendentes do que poida vir”, alerta o gandeiro. “É certo que cada día pechan máis explotacións, pero eu creo que este é un sector con futuro a longo prazo”.
Desde cando traballa nesta gandería?
O Departamento de Alimentación de CLUN leva traballando con Ganadería Bourio desde 2010. Antes, xestionábao o meu compañeiro Ángel Miranda e, cando el deixou de facer os labores de alimentación, comecei eu a traballar con Javier e con David, no ano 2020.
En que consiste o seu asesoramento?
Temos pautadas visitas cunha periodicidade mensual, nas cales revisamos e analizamos os datos, sacamos mostras de frontes e de unifeed e realizamos un repaso visual dos animais: condición corporal, saúde podal… Adoitamos fixarnos moito tamén no enchido ruminal das vacas secas.
Que racións están a administrar?
Na ración de lactación estamos cunha base forraxeira grande, utilizando na súa maior parte o silo de millo. En función da analítica traballamos cunha marxe de entre 28 e 32 quilos de silo de millo. Despois, como segundo ingrediente utilizamos o silo de herba, arredor de 8 ou 12 quilos e, por último, o concentrado, entre 7,5 e 8 quilos. Puntualmente, cando se dá un ano de seca e de baixa produción ou a calidade do silo de herba non acompaña, recorremos a utilizar algo de alfalfa, entre un e dous quilos.
Na ración de secas e xovencas preparto, evitamos utilizar o silo de herba e utilizamos unha cantidade aproximada de 12 quilos de silo de millo, 6 quilos de palla de cebada e arredor de 3,5 kg de concentrado específico de vacas secas.
Son forraxes propias da explotación, porque conseguen moi boa calidade e en cantidade.
Como foi a adaptación ao robot? Que estratexias seguiron?
Aquí empezouse dun xeito un pouco diferente ao das demais granxas, porque xusto coincidiu o arranque e o período de adestramento no Nadal, e Javier e David non querían comezar a muxir cos robots xusto nesas datas. Entón, o período de adestramento durou máis do normal. Estiveron arredor dun mes ou mes e medio comendo só penso, o que fixo que, cando comezaron, as vacas asistisen moi facilmente ao robot.
Usamos curvas de alimentación diferentes en primíparas e en adultas. Temos unha primeira curva que traballa cunha cantidade fixa en función dos días en leite e, no momento en que os animais alcanzan o pico, damos penso en función da produción.
Están intentando mellorar algún aspecto?
Estamos centrados en dous asuntos: aumentar a produción por hectárea e mellorar o valor nutritivo das forraxes, poñendo o foco na súa dixestibilidade.
Que importancia ten a calidade das forraxes?
Como dicía, por unha banda, estamos intentando maximizar a produción por hectárea, para ter un menor custo de forraxe na ración, por quilo ou por tonelada; por outra, mellorar a dixestibilidade e o valor nutricional vainos proporcionar unha maior produtividade nos animais. Polo tanto, todo iso achegará un menor custo de produción por litro.
Por que cre necesario este tipo de asesoramento? Como pode mellorar a rendibilidade?
En definitiva, maximizar a produción, mellorar a dixestibilidade, aumentar a produción por hectárea e centrarnos tamén no manexo para ter unha maior produción vitalicia facilitará conseguir un maior beneficio e unha maior marxe. Ao final, as ganderías son empresas e o que buscamos é rendibilidade.
COS PÉS NA TERRA
A pesar do crecemento e da modernización, David non planea ampliar a curto prazo. “O noso obxectivo agora non é medrar máis, senón consolidar o que temos, mellorar o manexo, o benestar animal, e manter a rendibilidade e vivir con calidade de vida. Medrar por medrar –engade– non sempre é a mellor opción”.
O que si ten en mente son dous posibles cambios: os equipos de frío, “porque os que temos se están a quedar pequenos”, e os cubículos flexibles, “para seguir premiando o confort dos nosos animais”.
A de gandeiro é unha profesión que lle gustou a David desde sempre, polo que ver que o traballo ben feito dá resultados motívao a confiar nun futuro con grandes éxitos.
Así, Ganadería Bourio é o reflexo dunha nova xeración de gandeiros novos, formados e comprometidos, que apostan por un modelo produtivo eficiente, responsable e sostible.