Amplíase en Galicia o reforzo ante a dermatose nodular contaxiosa e suspéndense as feiras e concursos de gando para protexer a cabana gandeira

Amplíase en Galicia o reforzo ante a dermatose nodular contaxiosa e suspéndense as feiras e concursos de gando para protexer a cabana gandeira

A Consellería do Medio Rural amplía o reforzo ante a dermatose nodular contaxiosa e suspende dende hoxe todas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando en Galicia, co fin de protexer a cabana gandeira. Prohibirase tamén a entrada na comunidade de animais procedentes de granxas situadas nas zonas declaradas como restrinxidas á DNC. Os bovinos que cheguen a Galicia con destino a sacrificio poderán entrar na comunidade, sempre que sexan trasladados directamente aos matadoiros.

Estas medidas preventivas entran hoxe en vigor coa publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG), e terán unha vixencia de 21 días, que poderá prorrogarse de acordo coa evolución epidemiolóxica da doenza.

Ademais, segue estando vixente o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos procedentes de ganderías localizadas fóra de Galicia, dende a data da súa incorporación á granxa de destino na nosa comunidade. A totalidade dos animais das ganderías que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados de xeito cautelar durante o mesmo período de tempo. Esta inmobilización afectará aos bovinos presentes na granxa na data de entrada dos novos animais. Tamén se establece como obrigatorio desinsectar os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais e os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia.

Aínda que se reforzan as medidas de prevención e vixilancia, a Consellería do Medio Rural lanza unha mensaxe de tranquilidade ao sector, dado que non hai constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia e tampouco se transmite ás persoas.