Cando se fala da transformación do sector, é inevitable percibir que hai unha serie de conceptos que xorden habitualmente. Alúdese á modernización, á eficiencia, á sostibilidade, á remuda xeracional... Tantas veces se repiten que corren o risco de converterse en palabras baleiras, pero agardamos que sempre cobren sentido no contexto das historias que vos contamos.
Nesta ocasión, visitamos en Castropol a Ganadería Bourio. Alí coñecemos un gandeiro novo que decidiu quedar na granxa familiar e fíxoo incorporando tecnoloxías de muxido robotizado e novas ferramentas de xestión, así como achegando unha visión moi clara sobre o benestar animal e a calidade alimentaria.
Sabemos que, para acadar o nivel de tecnificación do que goza o lácteo hoxe en día, foron imprescindibles aquelas persoas que foron abrindo camiño. Por iso, dedicamos nesta edición un espazo destacado a José Pérez, máis coñecido no sector como “Pepe Tapia”, quen repasa nunha entrevista aberta e honesta a súa traxectoria como veterinario de campo e defensor dun xeito de traballar que, empurrado por circunstancias persoais adversas, o levou a repensar a súa vida e o seu xeito de entender a profesión.
Precisamente en relación coa veterinaria, abrimos este número coa reflexión crítica de José Antonio Fernández e M.ª do Camiño Ferrero sobre o polémico RD 666/2023, polo que se regula a distribución, prescrición, dispensación e uso de medicamentos veterinarios. Cando o sector dubida, convén cando menos escoitalo…
Nesta Vaca Pinta conversamos, ademais, con Belén Pombo, do Ligal, sobre o papel que desempeña esta entidade nos controis de leite e na certificación dos produtos lácteos. Por outra banda, na sección de “O leite” falamos con Javier Fontecha, investigador do CSIC, sobre a graxa láctea, o seu valor nutricional e os falsos mitos que aínda arrastra. Fronte a quen segue asociándoa co risco cardiovascular ou o aumento de peso, a evidencia científica apunta a que o leite e os seus derivados poden resultar beneficiosos, especialmente se se consomen no canto de produtos ultraprocesados.
Noutra orde de cousas, cómpre sinalar que o recoñecemento ao traballo ben feito estivo moi presente nas últimas semanas. Dende os galardóns Vaca d’Or, que celebran dúas décadas destacando as mellores ganderías catalás pola súa xenética e produción, ata os Premios Syva, que continúan poñendo en valor o papel da investigación veterinaria.
Nesa mesma liña enmárcase o Foro Lácteo celebrado en Figan, que describimos no apartado de “Actualidade” e onde se puxo o foco en dous retos clave para o sector: a valorización real do leite e a mellora da eficiencia produtiva. Mentres tanto, o calendario gandeiro seguiu marcando o pulso do sector con poxas e concursos que, como os celebrados en Lugo, Xirona ou Lleida, demostran que a raza frisona mantén intacto o seu peso específico dentro do ámbito gandeiro.
Por suposto, o bloque técnico volve ofrecer unha panorámica completa dos retos e avances que marcan o día a día das ganderías. Este número inclúe dous especiais monográficos: o primeiro, dedicado á mamite, percorre dende os indicadores celulares ata as implicacións directas na produción; o segundo, centrado no estrés por calor, analiza os seus efectos en Galicia e explora os beneficios do arrefriamento intensivo en vacas de alto rendemento.
Ademais, seguimos afondando na inmunidade das xatas, abordamos novas estratexias de control e prevención da dermatite podal, falamos do reforzo posparto a través da suplementación mineral inxectable, analizamos a evolución e o control da EHE e enunciamos as posibilidades dunha intensificación sustentable en zonas atlánticas.
Con cada Vaca Pinta, agardamos deixar de manifesto que o sector lácteo está á altura dos retos que se lle presentan, que non son poucos. E se o está é grazas ao traballo de quen hoxe aposta por innovar, mellorar e avanzar dende as granxas, os laboratorios, as universidades ou as asociacións, pero tamén porque antes houbo quen abriu camiño, marcou o xeito de facer ben as cousas e asentou as bases sobre as que agora se constrúe. Aquí recoñecémosvos a todas e todos: os que sementastes no seu día e os que seguides aquí para recoller os froitos e continuar avanzando.