Seragro anuncia as datas as as súas XXII Xornadas Técnicas

Seragro anuncia as datas as as súas XXII Xornadas Técnicas

Os días 13 e 14 de novembro, a Facultade de Veterinaria de Lugo reunirá a máis de 700 profesionais do sector do vacún leiteiro nun encontro formativo no que se abordarán aspectos como as novas normativas ambientais, o coidado da recría, a agricultura de precisión e as experiencias de xestión en granxa.

O Auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo volverá ser, os vindeiros 13 e 14 de novembro, o punto de encontro do sector leiteiro galego coa celebración das XXII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, organizadas por Seragro SCG. Como cada ano, espérase unha afluencia próxima ás 700 persoas por día, entre gandeiros, persoal técnico e profesionais vencellados ao vacún de leite.

Seragro SCG, cooperativa de referencia na prestación de servizos técnicos a explotacións gandeiras de toda Galicia —cunha especial presenza na provincia de Lugo—, reafirma con estas xornadas o seu compromiso coa formación continua e a actualización de coñecementos no sector.

A edición deste ano centrará os seus relatorios en cuestións de actualidade como a recría como base da futura vaca produtora, as novas normativas ambientais (pegada de carbono, MTDs, uso de nitratos, cuaderno de campo) ou a aplicación da agricultura de precisión aos cultivos forraxeiros. Outros temas destacados serán o coidado podolóxico, a intelixencia artificial aplicada á xestión das explotacións, as curvas de lactación ou a xestión de persoal en granxas de gran tamaño, ademais de aspectos fiscais de interese.

A programación desenvolverase en horario de 10:30 a 18:30 h, con relatorios de expertos nacionais e internacionais, e contará tamén cun espazo específico para o encontro gandeiro, pensado como tempo de reflexión, diálogo e convivencia entre os asistentes.