CARMEN CASTELLA, FARMACÉUTICA CON ALMA DE VETERINARIA

“Se as ganderías teñen que pechar, de onde vai vir o leite? É que non sabemos o que nos estamos xogando”

Carmen Castella dirixiu ata principios de xuño o Departamento de Marketing de Virbac, pero rematou xa a súa grande etapa profesional e, antes da súa xubilación, charlamos con ela en Vaca Pinta 39 de como foi a súa traxectoria, dos retos aos que se tivo que enfrontar ao longo destes anos e de cara a onde cre que debemos camiñar para fortalecer ao sector gandeiro.

TRAXECTORIA LIGADA Á SAÚDE ANIMAL 
“A min a Veterinaria sempre me gustou; de feito, eu tiña que estudar esa carreira, pero nese momento en Barcelona non había facultade e non quería irme a Zaragoza. Por iso, acabei estudando Farmacia, coa idea de que despois faría Veterinaria. Ao final, non a estudei, pero sempre me movín moi ligada a ela. Son unha farmacéutica que viviu no mundo da Veterinaria. 
Empecei traballando nunha farmacia e enseguida me pasei a unha empresa do sector como era Purina. É certo que despois estiven unha época dentro da industria farmacéutica de humana e logo volvín a animais para acabar en Virbac. Aquí estiven 22 anos.
Dentro de Virbac pasei practicamente por todos os departamentos. Empecei dedicada a cabalos, logo funme a pequenos animais, levei unha tempada a nutrición e o equipo de vendas, e finalicei en animais de produción”.

A piques de tomar as rendas da súa xubilación, a que retos se tivo que enfrontar na súa vida profesional?   
A verdade é que creo que non me tiven que enfrontar a retos moi difíciles. No momento en que eu me adentrei neste mundo era un sector moi de homes. Atopábame ás veces en reunións de vendas con todo o equipo e, despois de cear, vía que facían grupiños. Querían ir tomar copas e case sentía como que sobraba. Á parte desas cousas, sempre me sentín moi ben acollida. 

Sería das poucas mulleres, ou case a única, que había traballando no sector. 
Si. A verdade é que no Departamento de Marketing da miña primeira empresa, Purina, eran todo homes. Creo que era a única muller, se non recordo mal, e levaba o Departamento de Agroconsumo. Logo, xa en Virbac, o equipo foi máis variado e a maioría eramos mulleres. Notouse que este tema cambiou totalmente.

Neste sentido, como viviu a evolución que tivo no sector a integración da muller e a súa normalización nos diferentes postos das empresas?
Creo que facía falta que as mulleres entrasen no sector, tanto no Departamento de Marketing como en Vendas; de feito, direi que en Vendas aínda boto de menos moitas mulleres, sobre todo ligadas a animais de produción. Relacionadas con animais de compañía si que hai moitas, pero en animais de produción creo que aínda hai moi poucas. 
Hai pouco tempo falámolo entre compañeiros, preguntámonos que porcentaxe podería haber e chegamos á conclusión de que estarán entre o 20 e o 30 % e, a min persoalmente, paréceme que mesmo hai menos.
Con isto quero demostrar que aínda falta moito para que haxa unha normalización total, pero estamos a darlle un pouquiño a volta ao que había. 

Como aprecia este tema en canto a técnicos de campo e a gandeiros?
No sector bovino concretamente existen moitas diferenzas ao longo de España. Recordo como nunha das primeiras charlas que impartín en Galicia, estando en Virbac, a maioría, diríache que o 90 % das persoas que había na sala eran mulleres; algo que me chamou moitísimo a atención. Con todo, ao pouco tempo, ofrecemos outra xornada en Andalucía, en Valle de los Pedroches, e non se presentou ningunha. Se reunísemos a 30 ou 40 persoas, mulleres eran cero. Preguntábame, pero como pode haber unha diferenza tan abismal entre unha zona de España e outra? Á parte destas sorpresas, noutros sitios pode ser que a balanza estea máis equilibrada, pero seguen predominando os homes. 

Foron moitos os anos de experiencia no sector. Como ve a día de hoxe a produción gandeira, en xeral, e a leiteira, en particular?
Vexo un sector ao que se lle está presionando demasiado. Estano endemoñando, por dicilo dalgunha maneira. Penso que a xente da cidade non coñece ben o que hai no campo e creo que deberiamos explicarllo mellor para que entendan que o campo e que os gandeiros son necesarios, porque, se non, non imos comer. 
Se as ganderías teñen que pechar, de onde vai vir o leite? Da China? De onde vai vir a carne? Do Xapón? É que verdadeiramente non sabemos o que nos estamos xogando. O sector primario é básico e neste momento están a machucalo demasiado. 
Que se o metano das vacas, que se contaminan… Non contaminan os avións que collemos para irnos de vacacións? A xente que fala tanto de que se as vacas contaminan, logo colle o avión e vaise á outra punta do mundo. Empecemos a mirar o noso embigo de maneira sincera. 
O outro día, escoitando un programa de radio, estaban xustamente falando de que necesitaban moito leite para xente que non tiña medios económicos. Dicían que o prezo se duplicou e que para eles era unha situación fatal. Estiven a piques de chamar para dicirlles: "Señores, pensaron que quizais o prezo que estaban a pagar antes por este leite era un prezo que estaba a arruinar os gandeiros? Quizá pensan que o prezo de antes era máis xusto, pero asegúrolles que non o era”. Quedei coas ganas de chamar, porque explican só unha parte das cousas e é necesario coñecer todas as versións. 

Precisamente, desde Virbac, quixo mostrar a cara máis humana das persoas que dedican a súa vida ao campo coa campaña #YoSoyCampo. Que pretendía con esta iniciativa? 
Efectivamente, isto mesmo que vos estou transmitindo. Estamos a ver que os gandeiros cada vez están máis mal vistos, tamén os veterinarios e o resto dos técnicos ligados a este sector, polo que cremos moi necesario pór o noso gran de area para darlles a oportunidade de explicar a súa historia, a súa problemática. 
É urxente que a sociedade saiba as súas circunstancias e polo que están a pasar, e iso é o que pretendemos con #YoSoyCampo, que a xente nos conte os seus problemas e que cheguen a aqueles que non coñecen o seu mundo. Se, ademais, alguén da Administración o ve e se dá conta do que está a pasar, sería marabilloso. 

“Difúndense moitas falsas noticias. Hai que facerlles fronte e demostrar por que non son certas”

Á hora de pór en marcha esta campaña puideron influír, ademais de toda a súa traxectoria profesional, as súas orixes familiares? 
Si, claro. Nacín no Pirineo de Lleida, en Pallars, unha zona na que se vivía da gandería, aínda que agora todo foi decrecendo e irrompeu con forza o turismo.
Na miña casa, os meus pais tiñan vacas, os meus avós tiñan vacas, os meus tíos tamén e mesmo teño primos que actualmente viven delas. Iso si, tiveron que pasar da vaca de leite á vaca de carne. 
Eu desde pequeniña vin como a xente non podía vivir da gandería e íase a Barcelona, emigraba para traballar en fábricas. A verdade é que todo isto me daba dor de barriga, o pensar que isto puidese pasar cos meus pais, que se fosen á cidade, e que eu me tivese que ir con eles. Era de campo, gustábame vivir alí e non me vía vivindo nunha cidade, encerrada. As miñas preocupacións de moza eran dúas: que se pechasen as ganderías e a xente se fose, e que as aldeas quedasen baleiras.
Agora, que tiven a oportunidade de que a xente do rural nos explicase todas esas historias e sensacións, era o momento de apostar por #YoSoyCampo. 

Existen xa algunhas iniciativas deste estilo, quizá poucas aínda. Cre que se deberían facer como colectivo e non tan individualistas? 
Si. É certo que o sector debería unirse máis e apostar por iso. Está a facerse algunha cousa, pero o máis importante de todo é que chegue realmente ás cidades e á xente que non coñece esta realidade.

Lembro un relatorio en Figan no que se me puxo a pel de galiña, porque nos mostraron o futuro que nos espera se seguimos por este camiño. Os produtos virán todos de fóra, non teremos nada de proximidade e, sinceramente, iso asusta.

A pandemia veunos a demostrar o que pasaba cos produtos que nos chegan de fóra, a grave problemática que tivemos coas subministracións do exterior. Imaxinade se acabamos  consumindo toda a nosa alimentación da outra punta do mundo. Eu non o vexo, dáme pánico. 

Como responsable de Marketing no sector, que outras ideas proporía para chegar ao consumidor, sobre todo ao consumidor urbano? 
Eu comezaría por abaixo, polas escolas. Nas escolas explícannos moitas cousas, moitas matemáticas e moitos idiomas, pero é que quizais hai que empezar polo básico, polo que comemos cada día. 
É necesario saber de onde vén cada produto que comemos, como se produce e quen o produce, porque, se non comemos, morremos. Explicarlles aos nenos de onde vén o leite, o cereal, o pan, todo, é esencial. Mostrarlles tamén as correntes opostas e, logo, que cada cal tome as súas decisións. Coñece todas as realidades e, logo, ti decides. 
Creo que se difunden moitas falsas noticias e iso é o que o sector ten que erradicar. A todo aquilo que sexa falso, hai que facerlle fronte e demostrar por que non é certo. Se non o facemos así, imos mal. 

A tan só unha semana de despedirte de todo o equipo, como están a ser estes últimos días na compañía?  
Están a ser un pouco raros. Despois de traballar toda a vida, desde que acabei a carreira e 22 anos en Virbac, estáseme facendo superestraño. O pensar que o vindeiro xoves xa non me vou ter que levantar ás 7 da mañá para ir traballar é verdadeiramente un pouco raro. O non ver os meus compañeiros cada día e non ter esa relación é o que levo peor, pero, doutra banda, estou encantada. Vou poder facer a miña vida persoal, o que teña ganas de facer e o que non puiden ata agora. Iso tira moito.

 “A maioría do meu tempo dedicareino a estar no campo e na montaña, a volver ás miñas orixes”

Seguirás relacionada co campo?
Por suposto. Estarei ligada sempre ao meu pobo, porque o meu marido tamén é do Pirineo, a miña filla vive alí e entón as épocas do bo tempo ireime a esa zona. Teño o meu horto xa plantadiño e paso moitísimo tempo nel, porque me encanta. Logo, teño outra afección, que son os cogomelos e con eles paso días. A maioría do meu tempo dedicareina a estar no campo e na montaña, a volver ás miñas orixes. 

Por motivos laborais cruzámonos no camiño, Carmen, e foi un verdadeiro pracer traballar xuntos. Desde Vaca Pinta estamos convencidos de que estas ideas que nos compartiches conforman o verdadeiro camiño a seguir. Agradecémosche enormemente o teu traballo e o teu esforzo neste sentido, e desexámosche o mellor para esta nova etapa. 
Moitísimas grazas a todo o voso equipo, porque foi un gustazo traballar convosco. Sempre nos facilitastes moito as cousas e a verdade é que estou moi agradecida.