JO LEROY, PROFESOR DE REPRODUCIÓN ANIMAL NA UNIVERSIDADE DE AMBERES

“Se mantés a túa vaca sa, o oocito será de boa calidade”

O investigador belga analiza nesta entrevista como inflúen a saúde metabólica, a inflamación, o estrés oxidativo e o balance enerxético negativo na calidade dos oocitos das vacas leiteiras, aspectos que tratou na súa intervención no 27.º Congreso Anembe de Medicina Bovina. Segundo explica, os seus achados en bovino permiten avanzar no coñecemento da infertilidade humana e abrir novas liñas de traballo conxunto entre veterinarios e clínicos de fertilidade. Máis en Vaca Pinta 53.

Como inflúe a saúde metabólica da vaca durante o período periparto na calidade do oocito?

A saúde da nai ten un impacto directo e profundo na calidade do oocito. Na práctica de campo non se avalía esta calidade, simplemente se observa que a vaca non queda preñada, necesita ser reinseminada ou considérase subfértil. Pero sabemos que, no momento da cubrición, é dicir, tras o período de espera, hai unha correlación clara entre saúde xeral e viabilidade do oocito.

Se unha vaca está coxa, sofre dor, ten procesos inflamatorios, infeccións uterinas ou enfermidades como a endometrite, é moi probable que o seu oocito se vexa afectado negativamente. Pode producirse a fecundación, pero o embrión non sobrevivirá, e haberá unha perda embrionaria precoz. Ese é o efecto inmediato. Porén, o período de transición ten un impacto aínda máis relevante. As condicións sanitarias da vaca semanas ou mesmo meses antes do momento de inseminala —cun desfase de entre tres e catro meses— determinan en gran medida a calidade dos oocitos. Polo tanto, non abonda con que a vaca estea ben no momento da inseminación: é necesario que o estivese durante todo o período previo.

Vostede traballou con modelos in vitro para avaliar o efecto do balance enerxético negativo. Que implicacións prácticas teñen os seus achados para o manexo diario das vacas acabadas de parir?

Comprobamos que, se imitamos no laboratorio o que ocorre nunha vaca en balance enerxético negativo, observamos unha caída directa na calidade do oocito. O mesmo sucede cando extraemos oocitos de vacas de alta produción que atravesan este tipo de desequilibrio. Estas condicións —como niveis baixos de glicosa e de IGF-1, concentración elevada de ácidos graxos non esterificados e corpos cetónicos— reducen de forma significativa a calidade do folículo e, polo tanto, do oocito.

Ademais, as vacas en posparto temperán presentan certo grao de inflamación. Se son fortes e están ben manexadas, resólveno en dúas ou tres semanas, pero, se isto non ocorre, a inflamación pode cronificarse. Ás veces, nin sequera se percibe clinicamente; só mediante análises de sangue podemos comprobar que os niveis seguen a ser elevados. E isto tamén prexudica o folículo.

Por outra banda, se a vaca sofre unha infección uterina, existe evidencia de que os axentes patóxenos ou os seus derivados poden migrar ata o ovario, danando directamente o oocito. Polo tanto, o control da saúde metabólica, inflamatoria e reprodutiva debe considerarse de maneira integrada se queremos mellorar os resultados reprodutivos.


“As condicións sanitarias da vaca semanas ou mesmo meses antes do momento de inseminala determinan en gran medida a calidade dos oocitos”

Que biomarcadores considera máis fiables para predicir a competencia dos oocitos en vacún?

É unha pregunta difícil. Actualmente non dispoñemos dun biomarcador único e concluínte que nos permita avaliar con precisión a calidade dos oocitos. E atopalo non é trivial: se se aplicase sen criterio, podería conducir a decisións erróneas, como descartar animais con potencial reprodutivo válido. Aínda así, é un campo de investigación activo e hai varios equipos traballando nel.

Hoxe por hoxe, o que si se está a desenvolver son modelos preditivos que combinan diferentes fontes de datos: robots de muxido, sensores de actividade, podómetros, parámetros do leite, rexistros de lactacións anteriores… Toda esta información, procesada con algoritmos de aprendizaxe automática, permite predicir a probabilidade de éxito tras a inseminación. Porén, os índices actuais de acerto (entre un 50 e un 70 %) aínda non son suficientes para unha implementación rutineira.

En cambio, si dispoñemos de biomarcadores para avaliar a saúde das vacas. Podemos facer un perfil metabólico, analizar o seu estado antioxidante, medir niveis hormonais… Se confirmamos que unha vaca está sa, é moi probable que tamén sexa fértil. De aí a importancia de traballar da man do veterinario para avaliar e interpretar estes indicadores de maneira individualizada.

Como afecta o estrés oxidativo ao ámbito folicular e que estratexias existen para mitigar os seus efectos?

O estrés oxidativo ten un efecto moi directo sobre as células foliculares e os oocitos. Ambos son altamente sensibles ás alteracións oxidativas. Demostramos que, se se suplementan vitaminas antioxidantes como o betacaroteno ou a vitamina E, estas se acumulan no fluído folicular e melloran a calidade do oocito.

Agora ben, non se debe suplementar sen unha base analítica que o xustifique; primeiro hai que demostrar que existe un problema real de estrés oxidativo. Por iso insisto en que a estratexia debe deseñarse xunto co nutrólogo e o veterinario. Unha fonte fiable de referencia é o manual Optimal Vitamin Nutrition (OVN), que establece os rangos óptimos de vitaminas no sangue e permite tomar decisións informadas sobre a suplementación.

Ao seu xuízo, cales son as liñas de investigación máis prometedoras para mellorar a fertilidade en vacún desde un enfoque metabólico e reprodutivo?

Creo que a integración de grandes volumes de datos ten un enorme potencial. Hoxe en día, nas explotacións leiteiras rexístrase unha cantidade inxente de información sobre comportamento, alimentación, produción e saúde. Se aprendemos a interpretala correctamente, poderemos anticipar problemas reprodutivos e tomar medidas preventivas máis eficaces.

Dito isto, é fundamental non perder de vista ao individuo. Cada vaca ten as súas particularidades e sinais. O coñecemento que ten o gandeiro dos seus animais segue a ser insubstituíble. O futuro pasa por combinar esa experiencia con ferramentas de análise de datos.

Ademais, confío en que nos vindeiros dous anos poidamos dispoñer de biomarcadores sólidos que permitan predicir o éxito xestacional con suficiente fiabilidade. Iso marcaría un antes e un despois na xestión reprodutiva das ganderías.


“Confío en que nos vindeiros dous anos poidamos dispoñer de biomarcadores sólidos que permitan predicir o éxito xestacional con suficiente fiabilidade”

Que mensaxe lles trasladaría aos veterinarios de campo sobre a importancia de detectar de maneira precoz alteracións metabólicas subclínicas?

O gran problema dos trastornos subclínicos é que non se ven. Por iso, o veterinario debe estar atento a cambios na condición corporal, sobre todo se observa que as vacas paren con boa condición e logo a perden rapidamente. Iso adoita ser o inicio de múltiples problemas, tanto clínicos como subclínicos.

Neses casos, recomendamos facer un cribado metabólico. Consiste en recoller mostras de sangue de varios grupos: vacas secas próximas ao parto, vacas en posparto temperán e vacas en fase máis avanzada. Con eses datos, podemos avaliar o estado hormonal, antioxidante e enerxético do rabaño, e anticiparnos a posibles problemas de fertilidade.

Estamos preparados para trasladar o concepto de “coidar o oocito” á práctica de granxa?

Non de todo. Aínda queda camiño por percorrer. Pero a mensaxe é moi sinxela: se mantés a túa vaca sa, o oocito será de boa calidade. Se non o está, o oocito reséntese. Pode que o embrión non se desenvolva ou que a cría presente problemas metabólicos derivados de alteracións epixenéticas ocorridas xa no estadio oocitario.

Por iso insisto en que coidar o oocito comeza moito antes da ovulación. O que ocorre nese ambiente inflúe a longo prazo. Vimos, por exemplo, que unha dieta demasiado enerxética eleva a insulina e pode destruír a viabilidade do oocito. Atopar o equilibrio axeitado é crucial.

Pódense extrapolar estes achados a estudos sobre fertilidade humana?

Non directamente. As vacas e os humanos vivimos en condicións moi distintas, é evidente. Pero os conceptos si son extrapolables. O oocito humano está nun contorno fisiolóxico similar, e tamén é moi sensible. A vantaxe do modelo bovino é que nos permite investigar sen as restricións éticas que implica traballar con oocitos humanos.

Por iso combinamos datos clínicos humanos con resultados obtidos en vacas, ratos ou coellos. Esta estratexia permítenos avanzar no coñecemento da infertilidade feminina e mellorar as recomendacións clínicas.

De que avances nos pode falar neste sentido?

Traballamos con varias clínicas de fecundación in vitro para avaliar como inflúe a obesidade na fertilidade da muller. Formulámonos preguntas como as seguintes: é mellor perder peso antes de iniciar o tratamento ou é preferible manter o peso, pero mellorar a calidade da dieta?

En vacas sabemos que perder peso de forma brusca pode ser contraproducente. Por iso estamos a modelar estratexias máis suaves: unha perda de masa corporal do 10 %, de forma gradual, combinada cunha mellora na composición da dieta. Tamén estamos a avaliar o impacto de fármacos como os agonistas de GLP-1 (por exemplo, Ozempic) sobre a calidade dos oocitos. Aínda que xa temos resultados preliminares, aínda non os podemos compartir. O importante é que toda esta investigación ten un obxectivo claro: axudar a esas pacientes a quedar embarazadas e a ter un bebé san.