NA GRANXA | FUENTES DEL TAJO (MONTEARAGÓN, TOLEDO)

Superar as 1.000 vacas e seguir pensando en novos proxectos de futuro

Rodeada polo río Tajo e no corazón dunha comarca bastante gandeira, a gandería Fuentes del Tajo destaca polas súas dimensións, pola remuda xeracional e por sumarse á modernización constante das súas instalacións coa robotización do muxido, a aposta pola enerxía solar e a busca dunha mellor xestión do seu xurro. Miguel Ángel Sáez e unha das súas fillas, Jenifer, ábrennos as portas da súa granxa. Ver máis en Vaca Pinta 46.

Localización: Montearagón (Toledo)

Propietarios: Miguel Ángel Sáez, Jenifer Sáez e Laura Sáez

N.º total de animais: 1.020

Vacas en muxido: 620

Media de produción anual: 45 kg/vaca/día

Porcentaxe de graxa: 3,70 %

Porcentaxe de proteína: 3,40 %

RCS: 150.000 cél./ml

Venda do leite: Lactalis, Schreiber, Quesos Esperanza del Castillo e Talavera Selecta

O benestar, a alimentación e a xenética dos animais xunto coa tecnificación da produción de leite forman os catro alicerces sobre os que se sostén a gandería Fuentes del Tajo.

Para coñecela, viaxamos ata a localidade toledana de Montearagón, moi preto de Talavera de la Reina, e de camiño á súa entrada pasamos rozando o río Tajo, unha fonte natural de auga que xustifica a presenza de granxas leiteiras nesta zona, ademais de situarse nunha área con gran densidade de poboación e moita demanda de produtos alimentarios.

Miguel Ángel Sáez fundou a explotación en 1998. A tradición gandeira vén de familia, o seu pai xa tiña vacas e estivo en contacto coa produción leiteira dende sempre. “En 1986 independiceime e estiven a traballar de encargado nunha finca 13 anos ata que decidín montar o meu propio negocio”.

Comprou a finca actual e empezou a traballar con 25 vacas que importou de Holanda. “Construímos a primeira nave e o crecemento foi paulatino ata o día de hoxe, no que tamén están incorporadas as miñas fillas, Jenifer e Laura”, resume o gandeiro.


Máis de 1.000 cabezas e 620 vacas en muxidura

“O meu pai sempre se dedicou a este sector, tanto coa granxa como coa empresa de servizos gandeiros e agrícolas que temos. A miña irmá estudou Económicas xa coa idea de levar a administración e a contabilidade das empresas e eu deime conta de que en realidade o que me gustaba era isto despois de estudar Enfermería, ser nai e levar uns cantos anos facendo gardas”, resume Jenifer, que agora se dedica á gandería ao 100 %.

Actualmente, xa superan o milleiro de animais, pois suman un total de 1.020 cabezas, das que moxen 620 vacas. Polo xeral, contan cunhas 38 vacas secas e entre todos os lotes de recría reúnen outros 360 exemplares.

Para o manexo de todo este rabaño e a realización de todos os traballos que require unha gandería destas dimensións rexistran un total de 10 empregados: “Unha persoa ocúpase do mantemento, outra realiza as tarefas de alimentación e tres dedícanse unicamente a meter os atrasos do muxido e a facer a limpeza e o mantemento dos robots a diario. Logo, temos un administrativo, un veterinario propio da explotación, xunto cun auxiliar e unha persoa que cobre os días libres do resto”.  


 “Aumentamos a produción tres litros de media e os animais están máis tranquilos”

UNHA DECENA DE ROBOTS

A xestión do persoal e a procura de traballadores é en Fuentes del Tajo, como na gran maioría das ganderías e das empresas en xeral, unha das tarefas máis complicadas.

Principalmente por este motivo, e porque levaban tempo pensando na mellora do manexo e do confort animal, deron o paso cara á robotización do muxido.

“Antes tiñamos unha sala rotativa de 40 prazas na que xa faciamos tres muxidos diarios e no ano 2020 instalamos os dous primeiros robots”, indica Jenifer.

O cambio ao muxido robotizado foi paulatino e foron incorporando á granxa boxes de muxido en parellas, sempre de dous en dous. “Durante todo este tempo de transición fomos metendo animais un a un nos robots, con moito tempo e moita dedicación, para que se fosen afacendo, e aqueles que aínda quedaban en sala muxíanse tan só dúas veces ao día”, explica a gandeira.

Recoñecen que o cambio foi “bastante importante” e que notaron melloras, como o aumento na produción, “duns tres litros de media”; a maior tranquilidade nos animais, “pois agradecen que non haxa tanta trasfega”, e o incremento de datos aos que teñen acceso, “porque cos colares de identificación coñecemos datos de inxestión, de ruminación, de actividade, de celos... e con iso xestionamos moito mellor –describe Jenifer– as nosas vacas e anticipámonos moito a diferentes problemas”.

No patio de preparto teñen instalada unha estación de adestramento para os robots, grazas á cal as xovencas se van adestrando con penso para a súa posterior entrada ao muxido automatizado.

Outro sistema que integraron coa robotización foi a instalación de xeolocalizadores polos corredores das naves. A gran dimensión das instalacións provoca que atopar un animal con algún tipo de alarma ou con atraso no muxido sexa unha tarefa complicada e desta forma “simplemente introducimos o número da vaca que estamos a buscar na aplicación do noso móbil e enseguida che indica, a través do GPS, onde está a devandita vaca. Isto redúcenos moitísimo o tempo de traballo”.

A día de hoxe, contan con dez robots de muxido e varios patios de animais para cada dous. No primeiro patio sitúan as xovencas, porque neste existe unha zona de separación e élles máis fácil o seu manexo, ao non estar tan ben adestradas. O resto dos animais distribúense indistintamente polos demais patios e robots.

A media de número de muxidos achégase aos 2,7 e a de produción por vaca e día é de 45 kg de leite, cun 3,7 % de graxa e un 3,4 % de proteína. O seu reconto celular mantense nas 150.000 células por mililitro de media.


“Na primeira fase xa comprobamos que sería positivo e, cando a luz estivo tan cara, a amortización foi moito máis rápida”

TODAS AS COMODIDADES

A instalación principal, a máis grande e composta por varias naves con motivo das diferentes fases de crecemento do negocio, está dedicada aos animais de produción, ás secas e ao preparto e aos acabados de nacer. Nela tamén se atopan os robots, como é lóxico, e a sala antiga –que queren poñer pronto á venda, porque xa non lle están dando uso.

Teñen 640 cubículos con camas de area. “Enchémolas dúas veces á semana e limpámolas e cepillámolas unha ou dúas veces ao día”, indica Jenifer. O último patio desta nave, dedicado ás secas e ao preparto, dispón de cama fría. “A area é máis limpa e para o muxido cremos que é o mellor, pero neste outro lote mantemos a cama fría por comodidade para elas”, apunta. Unha vez ao día removen a cama cun rotavátor.

Os bebedoiros son de aceiro inoxidable e volteo e límpanos dúas veces ao día como mínimo.

Para evitar o estrés por calor dos seus animais, xa hai moitos anos que en Fuentes del Tajo tiveron que colocar un sistema de ventilación con ventiladores e duchas. “Na primavera e no verán vai moito calor”, afirma, algo que afectaba á produción e á fertilidade dos animais.

O sistema detecta a humidade e a temperatura que hai no ambiente e conéctase só. Segundo di Jenifer, “dende o mes de maio ata outubro, máis ou menos, están sempre acendidos e aínda así a produción baixa uns dous quilos de media”. Ademais, tratan sempre de evitar as inseminacións na época estival e sincronizan os seus animais para que o maior lote de partos se produza antes de entrar nese tempo.

OS PRIMEIROS CON PLACAS SOLARES

A climatoloxía da zona, a pesar de ser difícil para certos aspectos, é moi proveitosa para outros e, neste sentido, souberon aproveitar a enerxía do sol dende hai xa uns oito ou nove anos. Segundo lembra Miguel Ángel, “por aquel tempo, en 2015 ou 2016, o investimento pareceunos sensato, porque nos falaban dunha amortización de 7 ou 8 anos”.

Foron pioneiros neste sentido, das primeiras granxas da zona que apostaron por montar placas solares e, tras dúas instalacións, agora alcanzan 100 quilowatts/hora. “Na primeira fase xa comprobamos que sería positivo e, cando a luz estivo tan cara, a amortización foi moito máis rápida”, asente o toledano.

Todas as placas son para autoconsumo, porque a liña que pasa pola súa zona xa está saturada e non lles permiten vender nada.

BIOGÁS, SEGUINTE RETO

Todo o xurro dos corredores límpase con arrobadeiras de cable, que pasan constantemente e envórcano nas fosas. Ao final das catro fases da nave principal hai catro fosas abertas, cunha capacidade total de 3.000 m3.

Botan gran parte do acumulado nos terreos que dispoñen para os cultivos e o resto entrégano a un xestor de xurros.

“No verán non temos problemas, pero no inverno, debido ás choivas, dificúltasenos un pouco esta tarefa e temos que estar a baleiralo e a aplicalo constantemente nas nosas terras”, apunta Jenifer.

Por iso, a xestión de xurros é un tema que están a valorar e para o que se lles presentan varias opcións, que consideran positivas, aínda que non terminan de desenvolverse do todo.

Miguel Ángel sinala que se expoñen dúas alternativas: “Por unha banda, xa nos ofreceron instalar unha planta propia de biogás e, pola outra, estamos a esperar a que se resolva un proxecto do que xa oímos moitas noticias, que estaría preto de aquí, e que sería a construción dunha planta comunal, pero a verdade é que non dan arrincado e non sabemos que pasa”.

Ambas as iniciativas están sobre a mesa en Fuentes del Tajo e será este asunto un dos que protagonice o seu futuro a longo prazo.

Para o almacenamento das materias primas necesarias para as racións dedican outra nave e ensilan os seus cultivos nun total de sete silos, catro deles de menor capacidade, de 500.000 kg, e outros tres, os máis novos, con 2 millóns e medio de quilos.

Finalmente, a última das naves, máis aberta e con cama fría, dedícana na actualidade á pouca recría que queda na granxa. “Démonos conta de que nas nosas instalacións xa non tiñamos capacidade suficiente para realizar o ciclo completo e, aínda que está en proxecto facer outra nave, tomamos a decisión de que o máis fácil sería enviar a nosa recría a un centro”, puntualiza a gandeira.


“No verán non temos problemas, pero no inverno, debido ás choivas, temos que estar aplicando xurro constantemente nas nosas terras”

O seu centro de recría valenciano recóllelles os animais todos os meses con máis ou menos 15 ou 30 días e volven á explotación xa xestantes de sete ou oito meses.

“Vannos enviando informes das nosas frisonas todas as semanas e, de momento, estamos moi contentos”, recalca.

Ata que marchan, mantéñenas en boxes individuais con camas de palla. “Aliméntanse de leite en po e, dependendo do seu peso e medidas, dámoslles dous ou tres litros por toma. A maiores, –engade– proporcionámoslles penso de arranque en gran para que se vaian afacendo”.

REGADÍO E COMPRAS

En canto á alimentación, preparan unha única ración para as súas vacas en produción, outra para secas e as das xovencas, en caso de ter algún lote.

A das produtoras componse de silo de millo (34 kg), silo de herba, aínda que no momento da nosa visita estaban a utilizar alfalfa (4,5 kg), copos de millo (2,7 kg), soia (3,3 kg), melaza (1 kg) e correctores (3,6 kg). “O difícil neste grupo de animais é compensar a súa ración co penso en gránulo administrado nos robots”, asegura. Están tomando uns 6,7 kg de penso no robot.

A das secas contén palla picada (7 kg), copos de millo (2,5 kg), soia (2,1 kg), auga (7 kg), melaza (1,2 kg) e correctores.

As xovencas neste momento divídense en tres lotes: de 6 a 11 meses, de 11 a 16 meses e de máis de 16 meses. As primeiras aliméntanse de 7 kg de silo de millo, 3,8 kg de palla picada, 1,7 kg de soia, 0,7 kg de copos de millo, 0,6 kg de melaza e correctores; as segundas, de 8,5 kg de silo de millo, 4,7 kg de palla picada, 1,9 kg de soia, 0,6 kg de melaza e correctores, e as terceiras, de 8,5 kg de silo de millo, 5,7 kg de palla picada, 2,1 kg de soia, 0,6 kg de copos de millo, 0,6 kg de melaza e correctores.

Para estas racións traballan un total de 140 hectáreas, 100 propias e 40 arrendadas. Rotan cultivos de millo con raigrás en 30 ha en regadío e as outras 110 divídense en dúas partes: 30 ha, para regadío, onde cultivan alfalfa, e 80 ha, en secaño, onde sementan unha mestura de raigrás e avea.

“A alfalfa sementámola unha vez, en marzo ou abril, e dura catro ou cinco anos. Realizamos seis cortes ao ano, facemos alpacas e consumímola en seco”, detalla Miguel Ángel.

Calcula uns rendementos para o millo entre 45 e 50 t/ha, e para as colleitas de raigrás, entre 15 e 20 t/ha. “Nos cultivos de secaño dependemos da choiva; por exemplo, o ano pasado, que non choveu, non obtivemos practicamente nada e este ano, que choveu moito, esperamos moi boa colleita”, subliña.

O sistema de regadío funciona con pivotes por aspersión e teñen asinada unha concesión a través dunha comunidade de regadores: “A auga é do río Tajo e asígnannos uns litros en función da seca, pero normalmente –aclara– podemos regar como dúas veces por semana”.

Os labores de campo lévanos a cabo eles mesmos a través dunha empresa propia que realiza estes servizos. “Dispoñemos de toda a maquinaria porque faciamos traballos para terceiros, pero imos ir reducindo estes servizos e centrarnos máis no noso”, valora o toledano.

O terreo do que dispoñen para estes cultivos non lles permite ser autosuficientes e necesitan comprar outro tanto, ou mesmo o 60 %, das materias primas que consomen. “Atopamos normalmente todo o que necesitamos na zona, como máximo a uns 100 ou 150 quilómetros. Iso si, –insiste– os prezos varían moito segundo a campaña; por exemplo, o ano pasado compramos a herba a 60 euros/t e este ano puidémola adquirir a 30 euros/t. É unha diferenza moi importante”.

Ángel Ávila, asesor en Nutrición y Gestión Técnico-Económica en Fuentes del Tajo

 

“Se temos alta dixestibilidade, a vaca aumentará o consumo de materia seca, os litros de leite e a produción de sólidos”

Desde cando traballa nesta granxa e por que comezou a relación?

Miguel Ángel escoitou unha charla que dei en Santiago sobre as curvas de alimentación en robots e chamoume en setembro de 2023 para ver se podía asesoralos coa súa robotización. Finalmente, empecei a traballar con eles en outubro.

Realizo unha visita mensual e dou asesoramento en nutrición e forraxes, e en xestión técnico-económica.

Que racións están a administrar agora mesmo e por que motivos están a facelas así?

Neste momento as vacas de produción no presebe están a comer aproximadamente 34 kg de silo millo, 4,5 kg de alfalfa, 3,3 kg de soia, 2,7 kg de copos de millo, 1 kg de melaza e 3,6 kg dun núcleo con minerais, aditivos etc.

Agora mesmo estamos a traballar con alfalfa e silo de millo porque están ensilando agora o silo de cereal, pero normalmente sempre temos silo de cereal.

As vacas secas aliméntanse dunha ración moi seca, palla picada (7 kg), copos de millo (2,5 kg), soia (2,1 kg), auga (7 kg), melaza (1,2 kg) e correctores e sales aniónicos, para conseguir un DCAD neutro de toda a fase.

Así, este ano só temos un 3 % de retencións, un 12 % de cetoses subclínicas e ningunha cetose clínica.

Eu son un namorado do tráfico libre, é dicir, a vaca debe ir ao robot, a comer ou a beber cando ela quere. Así, están tranquilas. Hai vacas que se están muxindo 4,5 ou 5 veces ao día e outras que se están muxindo dúas veces, dependendo da necesidade de cada unha.

Que estratexia se seguiu á hora de adaptar a alimentación á robotización?

A adaptación foi moi boa.

Metéronse só tres quilos de concentrado no robot, sacáronse dous quilos en presebe e asignáronse as táboas por días de leite e produción.

As multíparas están a chegar a un pico de produción de 58,8 litros aos 60 días e as primíparas, a uns 45 litros aos 100 días.

Están intentando mellorar algún aspecto en concreto?

Por unha banda, a min gustaríame chegar a facer lotes de vacas secas en función dos robots e, por outra, estamos a probar nunha serie de vacas e de xovencas lactacións máis prolongadas. Estamos intentando inseminalas máis tarde para ter lactacións máis longas. Os datos de momento non os temos.

E algunha estratexia nova a nivel económico?

Estamos en negociacións para ver se avanzamos máis na análise de datos como o custo por litro de leite, o custo de man de obra, en definitiva, todos os custos de produción que hai nunha explotación.

Miguel Ángel quere, ademais, compararse con outro tipo de explotacións, é dicir, ver como están aquí con respecto a outros.

En canto ás forraxes, que lles pide aos cultivos para ter boas calidades?

O que sempre lles pido a todos os gandeiros é alta dixestibilidade. Se temos alta dixestibilidade, a vaca aumentará o consumo de materia seca, aumentará a produción de sólidos e aumentará a produción de litros de leite. 

Este ano si que conseguimos un silo de millo que a min me gusta, con picado longo de 22 e máis dixestibilidade, e Miguel Ángel comentoume o mes pasado que as vacas comen máis e producen máis.

En forraxes de cereal é máis complicado, porque xa dependemos un pouco máis da climatoloxía, é por iso que o cereal non é a nosa base forraxeira, senón que o é o silo de millo; de feito, o gandeiro está a meter cada vez máis quilos de millo na ración. Cando eu cheguei aquí, andaban sobre 24 kg de silo de millo e este ano xa estamos en 34-35 kg.

Como de importante é este tipo de asesoramento?

O meu traballo non só é importante pola visita ao gandeiro ou por asesoralo con respecto a outras granxas, senón porque sempre hai puntos onde poder mellorar.

Os técnicos tentamos pórnos cada vez máis ao día e actualizarnos constantemente. Con 60 anos que teño segue sendo fundamental para logo transmitirlles esa actualización aos nosos clientes.

ÁVILA E RANZ, ÚLTIMAS FICHAXES

Os veterinarios Ángel Ávila e Joaquín Ranz, especializados en nutrición e reprodución, respectivamente, foron as dúas incorporacións recentes da gandería Fuentes del Tajo.

Ángel Ávila visítaos cada mes dende Galicia para analizar como están as racións, que resultados están a dar e aconsellalos tamén nos cultivos, ademais de mellorar a xestión técnico-económica da explotación.

Desde Madrid viaxa Joaquín Ranz cada semana para realizar a reprodución dos seus animais, un traballo que ambos coordinan cos propietarios e co veterinario da gandería.

A media de número de partos aproxímase aos 2,3 ou 2,4, a media de inseminacións por preñez en vacas é de 2,5 e o intervalo entre o parto e a inseminación fecundante é duns 140-150 días. No centro de recría están inseminando os seus animais aos 13-14 meses en función do seu peso.

Joaquín Ranz, asesor en Reproducción en Fuentes del Tajo
“A dinámica de reunirse sen problemas agudos paréceme moi positiva, porque se traballa máis relaxado”

Como xurdiu a relación?

Comezamos a traballar xuntos hai pouquiño, non pasaría máis de mes e medio, pero a relación vén de hai moito tempo. A Miguel Ángel coñézoo do sector dende hai moitos anos.

Coincidimos bastante e téñolle moito aprecio. O día que pechamos as condicións, díxenlle: “Miguel Ángel, coñecémonos de toda a vida e fixemos sendas paralelas. Traballar xuntos a última hora faime moita ilusión”.

Cales son os seus principais obxectivos nesta granxa?

Faremos visitas programadas semanais e, dende que empezamos, levaremos unhas catro.

É unha granxa que me sorprendeu, porque teñen un sistema de traballo moi organizado, cun veterinario na propia explotación que está pendente do día a día.

Os meus labores céntranse principalmente no traballo reprodutivo e en pelexar pola máxima eficiencia a través dos que chamamos `controis reprodutivos´. Tamén estarei a cargo da responsabilidade sanitaria da clínica, aínda que o veterinario da granxa está ao pé do canón, pero sempre poden xurdir algunhas cousas un pouco máis complicadas, e mesmo tamén cubrirei os seus períodos de vacacións. 

Ao final de cada xornada facemos unha pequena reunión, tomamos un café e compartimos sensacións, achegamos ideas para que todo isto vaia mellorando.

Moitas veces a sensación que teño con outros clientes é que nos reunimos cando hai problemas.  Esta dinámica de reunirse sen problemas agudos paréceme moi positiva, porque se traballa máis relaxado.

Que aspectos destacaría a nivel reprodutivo?

O criterio é común a moitas granxas. Tratamos de manter a fertilidade en niveis elevados, controlar o posparto e levar un bo programa sanitario que afecta as enfermidades reprodutivas. 

A reprodución non consiste tanto en ideas brillantes, senón máis ben nun traballo continuo, permanente, de perseveranza, para que as cousas funcionen ben.

SÓLIDOS E LONXEVIDADE

A xenética dos seus animais é unha das prioridades en Fuentes del Tajo. “Non somos unha gandería de tipo, pero queremos que as nosas vacas se vexan e luzan ben”, destaca Miguel Ángel.


“Non somos unha gandería de tipo, pero queremos que as nosas vacas se vexan e luzan ben”

Traballan cunha única empresa que lles fornece touros holandeses e americanos e o seu criterio de selección fíxase en tres parámetros: sólidos, graxa e proteína; lonxevidade, e o índice de inxestión de alimento por produción.

Utilizan unicamente raza holstein e agora mesmo están a probar un touro holstein roxo que gusta moito: “Temos xa 210 fillas deste touro, 40 delas xa paridas, e estamos moi contentos co resultado”.

Decántanse pola xenómica, porque “é algo que funciona, pois temos boas vacas e boas producións. É verdade que se vemos un touro probado que nos gusta, tamén o empregamos, pero non adoita ser o caso”, admite o gandeiro.

Usan o seme holstein sexado para todas as xovencas e nun 10 ou un 15 % das primíparas mellores, o resto das vacas son inseminadas con seme de carne, concretamente de azul belga, por garantir moita facilidade de parto. “Agora está moi de moda o angus, pero a min non me gustan moito as modas, porque tan axiña sobe o prezo como baixa, e co azul belga sempre nos mantemos nun bo prezo”, detalla. Os animais de carne son vendidos con 15 días.


“Calquera cousa o cambia todo nun momento e debemos ser sempre competitivos e buscar un equilibrio”

LEITE PARA CATRO COMPRADORES

Hai dous anos, cando o mercado se atopou con falta de leite, en Fuentes del Tajo decidiron abrir un pouco o abanico de compradores para a súa produción e agora mesmo están a venderlles a catro empresas.

Véndenlles parte do seu leite a dúas grandes empresas como Lactalis e Schreiber, e outra parte a dúas queixeiras pequenas da zona: Quesos Esperanza del Castillo e Talavera Selecta.

Os prezos móvense entre os 470 e os 485 euros por tonelada.

Miguel Ángel mira o futuro con incerteza porque cre que neste sector non se poden facer moitos cálculos a longo prazo: “Calquera cousa o cambia todo nun momento e debemos ser sempre competitivos e buscar un equilibrio. Iso é do que se trata. Facendo as cousas ben, acábache indo ben”.

Os seus obxectivos a curto prazo son dous: mellorar a xestión de xurros, “xa sexa cunha planta propia de biogás ou cunha común que se instale na comarca”, apunta Jenifer, e construír un pequeno cebadeiro de azul belga, “para darlles saída nós mesmos aos nosos xatos de carne”, finaliza a gandeira.