ESPECIAL: 20 ANOS DE TRANSMEDIA

Transmedia, 20 anos dun proxecto de equipo

Transmedia, 20 anos dun proxecto de equipo

A empresa editora desta cabeceira, Transmedia Comunicación, celebrou o xoves 19 de xuño o seu vixésimo aniversario cun evento especial no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo, ao que asistiron máis de 300 persoas entre clientes, colaboradores e amizades. Máis en Vaca Pinta 53.

A axencia Transmedia Comunicación conmemorou 20 anos de traxectoria cun evento que reuniu en Lugo a boa parte dos seus clientes, colaboradores e amigos. A cita, que tivo lugar na Facultade de Veterinaria o xoves 19 de xuño, serviu para repasar o camiño percorrido pola empresa nestas dúas décadas e para compartir un momento de celebración con todas aquelas persoas que contribuíron a consolidar o proxecto.

O acto, presentado por dúas das xornalistas de Transmedia, Gemma Martínez e María Melle, arrincou cun vídeo introdutorio e un saúdo de benvida. “É un pracer recibirvos aquí, nun auditorio que tantas veces visitamos para organizar distintos eventos nos que moitos de vós estivestes implicados”, abriron. Nesta ocasión, a cita adoptou un ton menos formal e máis festivo: “Reunímosvos para festexar os vinte anos dun proxecto de equipo. Ou iso nos gusta pensar. Quizais ao longo da tarde poidamos ver canto hai de certo nisto”.

Dende os seus inicios en 2004 no viveiro de empresas da Fundación CEL, Transmedia soubo construír un modelo de axencia singular, especializada na comunicación agrogandeira e cunha importante presenza no ámbito editorial e audiovisual. Ao longo destes 20 anos editou máis de 400 publicacións, produciu máis de 8.000 vídeos e deu cobertura a máis de 500 feiras e xornadas.

UNHA BENVIDA CON MEMBROS DE TRES ÁMBITOS PRÓXIMOS

Como pistoletazo de saída, a presentación quixo contar con representantes de tres ámbitos fundamentais para a traxectoria de Transmedia: a empresa privada, a Administración pública e o sector da comunicación.

En nome da empresa privada interveu Carlota López, presidenta do Grupo Aresa, quen puxo en valor a profesionalidade e a proximidade do equipo de Transmedia, así como a súa capacidade de adaptarse ás necesidades específicas do cliente. “A confianza da empresa privada nos nosos servizos foi un piar imprescindible para o crecemento de Transmedia, e boa parte dos que estades hoxe aquí sodes proba diso”, sinalou Martínez.

A continuación, proxectouse un vídeo enviado por Arsenio Escolar, presidente do Club Abierto de Editores (CLABE), a maior asociación de medios de comunicación de España, á que Transmedia pertence dende hai unha década.

Pola parte da Administración pública interveu a conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, que destacou o papel que xogou Transmedia na modernización da comunicación agrogandeira en Galicia.


Transmedia soubo construír un modelo de axencia singular, especializada na comunicación agropecuaria

MESA REDONDA: COMUNICAR PARA O SECTOR PRODUTOR

Un dos eixes centrais da xornada foi a mesa redonda “Comunicar para o sector produtor”, na que participaron seis destacados profesionais do ámbito da comunicación vencellada ao sector primario: Alfonso Riveiro (director de El Progreso), Pilar López (directora de Frisona Española), Ángel Pérez (director da área agrogandeira de Interempresas), Manuel Cruz (director do programa Labranza da TVG), María Cedrón (directora da sección “Somos Agro” de La Voz de Galicia) e Manel Gegúndez (director de Vaca Pinta).

“Como sabedes, ás veces acontece que, entre empresas que poderían a priori ser competencia, tamén nacen sinerxías e amizades”, destacaron os portavoces de Transmedia. “É o que nos aconteceu cos que nos acompañan hoxe. Grazas a eles, en Transmedia seguimos aprendendo e retámonos a mellorar cada día”.

A mesa abordou cuestións clave como o enfoque dos medios xeralistas e especializados no tratamento do sector produtor, o impacto da profesionalización do campo na maneira de comunicar e os desafíos que presentan as novas plataformas dixitais.

UN DOCUMENTAL SOBRE O CAMIÑO PERCORRIDO

Durante a segunda parte do acto, proxectouse por primeira vez o documental Transmedia, un proxecto de equipo, unha peza audiovisual que repasou a historia da empresa e a súa achega ao sector agrogandeiro.

Lonxe de organizar un evento meramente protocolario, o equipo optou por facer o que o caracteriza: narrar historias. E fíxoo coa súa propia. “Cando nos preguntamos de que maneira queriamos conmemorar 20 anos de traballo… tivemos a terrorífica idea de dicir que poderiamos facelo con máis traballo”, explicaron na presentación. A proposta de crear un documental que recollese o percorrido de Transmedia foi tomando forma ao longo do verán de 2024. “Queriamos que a historia non a contásemos só nós, senón tamén algunhas das persoas que nos acompañaron no camiño”, apuntaron.

A peza, elaborada durante case un ano polo propio equipo de Transmedia, combinou material audiovisual propio con entrevistas a unha vintena de profesionais vencellados á axencia. Clientes, colaboradores e aliados puxeron voz ao relato dunha empresa que hoxe é un referente da comunicación no sector agrogandeiro de España e Portugal.


Na mesa redonda “Comunicar para o sector produtor” participaron seis destacados profesionais do ámbito da comunicación vencellada ao sector primario

“O estilo de Transmedia caracterizouse sempre polo servizo ao cliente e polo compromiso dun equipo multidisciplinar que se involucra en cada proxecto”, remarcou Gegúndez. A axencia foi medrando cunha filosofía clara: coidar a calidade, os tempos de resposta e o coñecemento do sector. Ese xeito de traballar foi construíndo unha relación de confianza e de proximidade cos clientes.

O documental afondou na evolución constante da empresa, dende as súas primeiras colaboracións en prensa xeralista ata a incursión no sector do vacún leiteiro, a creación de cabeceiras propias e a incorporación de novos servizos audiovisuais. Un punto de inflexión na súa traxectoria foi o inicio da edición da revista Afriga, que lle permitiu á axencia consolidarse no sector primario e detectar un importante nicho de comunicación non cuberto polos medios xeralistas.

Ese vínculo con Afriga derivou noutro dos momentos máis destacados do relato: o nacemento da revista Vaca Pinta en 2018, tras a ruptura coa Asociación Frisona Galega. “Foi unha época de traballo contra o reloxo. O sector implicouse con nós e iso deunos forza para seguir adiante”, lembraron os entrevistados sobre esta etapa. Os testemuños de clientes como Juan Cainzos, Carmen Martín de Lara, Jesús Vázquez ou Henrique Moniz subliñaron a confianza que o sector depositou na nova cabeceira dende o primeiro momento.

Nesa mesma liña, clientes e colaboradores destacaron a habilidade de Transmedia para facer intelixibles contidos moi técnicos e adaptalos á linguaxe e ás necesidades dos distintos públicos. “Vaca Pinta é un referente para todos os que nos dedicamos na prensa xeralista a falar do sector primario; é un medio que nos ensinou moito”, sinalaba a xornalista María Cedrón.

Máis alá da dimensión editorial, o documental reflectiu o papel de Transmedia na dignificación e na profesionalización da comunicación do sector agrogandeiro. “O mundo rural e o traballo que se fai é moi descoñecido, sobre todo ese labor que fan no sector primario de cara a prover alimentos. Transmedia pon en valor todo isto”, destacou a profesora Rosa Romero.


Durante a segunda parte do acto, proxectouse por primeira vez o documental “Transmedia, un proxecto de equipo”

Ao acto asistiron representantes de distintos ámbitos da Administración pública galega, entre os que se atopaban a conselleira do Mar, Marta Villaverde, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez.

UN DISCURSO CON MIRADA DE FUTURO

Antes de pechar a xornada cun cóctel de produtos galegos, agradecéuselles a colaboración de todas as empresas que axudaron a facer posible o evento: Nórdica, Luzsonga, Adhesiva, La Voz de la Verdad, Boaga, Asoporcel, Craega, Gandería Quintián, Xearte Brigitte, Porta de Santiago, Sintético Fantástico e o equipo da cafetería da Facultade de Veterinaria. “Sempre é un gusto traballar con vós”, salientaron as presentadoras do acto.

O broche final púxoo o discurso de clausura de Manel Gegúndez, que repasou os fitos destas dúas décadas de traballo. “Quero comezar cun agradecemento sincero. Grazas aos nosos clientes, ás nosas familias e, sobre todo, ao equipo. Sei que Transmedia non sería o que é sen o voso pulo”, subliñou.

A súa intervención repasou así mesmo o crecemento da axencia no ámbito internacional. “Hoxe estamos presentes nas principais feiras internacionais do sector en Europa. Tamén en Portugal, onde Vaca Pinta é xa unha revista de referencia. Alí chámanos para cubrir os grandes eventos, tanto na península coma nos Azores”, destacou.

No seu peche, Manel lembrou tamén as orixes da axencia e o papel de dúas persoas fundamentais: “Falo en nome de todos ao lembrar a Manolo, con quen comezou todo isto, e a Bego, que durante máis dunha década axudou a darlle forma ata convertelo no que é hoxe”.

O acto concluíu cun brinde e unha proposta gastronómica baseada en produtos de varios clientes da axencia. “Hoxe tamén queremos dicir que, dende aquí, dende Lugo, se están facendo cousas importantes. E iso merece celebrarse”, resumiu Gegúndez. “Grazas por estar. Hoxe… e todos estes anos. Que veñan moitos máis”.