Transmedia Comunicación, empresa editora de Vaca Pinta, conmemorou en Lugo os seus 20 anos de traxectoria profesional

Transmedia Comunicación, empresa editora de Vaca Pinta, conmemorou en Lugo os seus 20 anos de traxectoria profesional
  • A celebración reuniu no auditorio da Facultade de Veterinaria a máis de 300 profesionais e clientes do ámbito agroalimentario para repasar a súa traxectoria.
  • Dende os seus inicios en 2004, Transmedia medrou cun modelo centrado no sector produtor. Hoxe edita cabeceiras como Vaca Pinta, produce contidos audiovisuais e cobre feiras en España, Portugal e outros países europeos.

A axencia Transmedia Comunicación celebrou este xoves, 19 de xuño, o seu vixésimo aniversario cun acto no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo, ao que asistiron máis de 300 persoas entre clientes, colaboradores e profesionais do sector. A xornada serviu para repasar a traxectoria da empresa e salientar o seu papel no ámbito da comunicación especializada no sector agrogandeiro.

A presentación contou con intervencións de representantes de tres ámbitos estreitamente ligados ao desenvolvemento da axencia. Dende a empresa privada, Carlota López, presidenta do Grupo Aresa, destacou a profesionalidade e capacidade de adaptación do equipo. Pola parte da administración pública, a conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, puxo en valor a contribución de Transmedia á modernización da comunicación agrogandeira en Galicia. Tamén se proxectou un vídeo enviado por Arsenio Escolar, presidente do Club Abierto de Editores (CLABE), asociación de medios de comunicación á que Transmedia pertence dende hai unha década. Estivo presente tamén a conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde.

Un dos bloques centrais foi a mesa redonda titulada “Comunicar para o sector produtor”, na que participaron Alfonso Riveiro (El Progreso), Pilar López (Frisona Española), Ángel Pérez (Interempresas), Manuel Cruz (TVG), María Cedrón (La Voz de Galicia) e José Manuel Gegúndez (Vaca Pinta). Os relatores debatiron sobre a cobertura do sector primario en medios generalistas e especializados, o impacto da dixitalización e o papel da comunicación na profesionalización do campo.

Durante a segunda parte do acto estreouse o documental Transmedia, un proxecto de equipo, realizado polo propio equipo da axencia. A peza repasa a historia da empresa a través de entrevistas a unha vintena de clientes e colaboradores, e percorre os principais fitos destas dúas décadas: dende as primeiras colaboracións en prensa especializada ata a creación de cabeceiras propias e a ampliación de servizos audiovisuais.

Entre os momentos destacados do documental atópase a fundación de Vaca Pinta en 2018, publicación que permitiu reforzar a presenza de Transmedia no sector grazas á difusión de contidos técnicos de forma accesible, así como a súa influencia na forma en que se comunica o traballo do sector vacún leiteiro.

O acto rematou coa intervención do director da axencia, José Manuel Gegúndez, quen agradeceu o apoio recibido por parte de clientes, colaboradores e do propio equipo. Na súa intervención, repasou a evolución de Transmedia e salientou o seu crecemento internacional. A axencia participa actualmente nas principais feiras do sector en Europa e conta cunha presenza consolidada en Portugal, onde Vaca Pinta se distribúe de forma regular.

Dende as súas orixes no viveiro de empresas da Fundación CEL en 2004, a axencia editou máis de 400 publicacións, produciu máis de 8.000 vídeos e deu cobertura a máis de 500 feiras e xornadas técnicas.