Premiada a internacionalización de Transmedia Comunicación no Premio Pyme do Ano 2025

Premiada a internacionalización de Transmedia Comunicación no Premio Pyme do Ano 2025

A empresa lucense Transmedia Comunicación foi recoñecida co Accésit de Internacionalización, no IX Premio Pyme do Ano 2025 en Lugo, un galardón que conceden o Banco Santander e a Cámara de Comercio de Lugo, en colaboración coa Cámara de Comercio de España e o xornal El Progreso. Este premio distingue a pequenas e medianas empresas que destacan pola súa traxectoria empresarial, capacidade de adaptación, innovación e impacto no territorio.

Fundada en 2004, Transmedia Comunicación naceu cun obxectivo claro: poñer a comunicación ao servizo do sector agrogandeiro. Dende entón, esta axencia evolucionou ata converterse nunha empresa consolidada, cun equipo multidisciplinar e internacionalizado que presta servizo a máis de 1.000 clientes. Ademais, é editora de Vaca Pinta, publicación líder no ámbito agropecuario en España e Portugal.

O xurado destacou a paixón, o rigor e a creatividade aplicada que caracterizan o traballo de Transmedia, así como o seu compromiso co sector agrogandeiro, ao que proporciona visibilidade en todo o mundo. A empresa foi recoñecida pola súa expansión internacional, coa realización de traballos en case unha decena de países.

No acto de entrega estiveron presentes representantes do Banco Santander, da Cámara de Comercio de Lugo, das administracións locais e autonómicas e outras autoridades. Foron tamén premiados Medrar, como accésit á innovación; Lorán, á sostibilidade; e Pesquerías del Buen Viaje, a formación e emprego. O premio Pyme do Ano recaeu en Industrial Recense. 

Transmedia Comunicación representará a Lugo na fase nacional do Accésit de Internacionalización no Premio Pyme do Ano 2025, que se celebrará en Madrid no primeiro trimestre de 2026.