Con máis de corenta anos de historia, a gandería Hermanos Sañudo Argüelles evolucionou e medrou, pero na actualidade enfróntase a un obstáculo inesperado: a presión do polígono industrial que a rodea. Lonxe de renderse, seguen crendo no progreso do seu negocio e reclámanlle á Administración unha solución que lles permita continuar traballando sen máis trabas. Máis en Vaca Pinta 51.
HERMANOS SAÑUDO ARGÜELLES
Localización: Val de San Vicente (Cantabria)
Propietarios: Os irmáns Sañudo Argüelles, Andrés, Manuel e María del Mar, e seus pais, Manuel e María Dolores
N.º total de animais: 310
Vacas en muxidura: 120
Media de produción: 40,2 kg/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 3,30 %
Porcentaxe de proteína: 3,40 %
RCS: 220.000 cél./ml
Venda do leite: Nestlé
Prezo do leite: 0,50 €/l
Os pais dos irmáns Sañudo Argüelles, Manuel e María Dolores, chegaron ás terras onde está situada hoxe en día a gandería no ano 1982 e aí construíron a nave central do seu negocio. Desde entón, foron crecendo aos poucos con distintos anexos e no ano 2014 experimentaron o cambio máis importante, co que se creou a granxa tal e como a coñecemos neste mes de marzo.
“Naquel momento, pasamos das prazas fixas aos cubículos e do cebo tradicional á mestura unifeed. Como é normal, tivemos que adaptarnos e evolucionar, pero ese momento marcou o que somos hoxe en día”, lembra Andrés Sañudo, un dos tres irmáns –Manuel, Andrés e María del Mar– que conforman a sociedade, xunto cos seus proxenitores.
COMER OU DEIXAR COMER
Actualmente, a gandería atópase rodeada de varias naves, en pleno polígono industrial de Los Tánagos, unha situación que, aínda que a priori só parece circunstancial e curiosa, está a provocarlles grandes impedimentos á hora de tomar decisións para crecer ou para realizar melloras nas súas instalacións.
“A nosa gandería estaba aquí antes de que chegase o polígono e agora parece que non somos compatibles”, ironiza o gandeiro. A zona industrial está dentro dun Plan Singular de Interese Rexional (PSIR) e levan anos loitando contra iso. Saben que algún día os acabarán botando da súa propia casa, pero tamén teñen claro que “buscaremos onde ir e continuaremos co legado que nos deixaron os nosos pais”, afirma.
Neste sentido, reclámanlle á Administración que “non se pode ter un negocio e unha familia atados de pés e mans, sen poder facer absolutamente nada. Se decidiron aplicar nesta zona un PSIR, que o desenvolvan e o tramiten canto antes, pero que non nos teñan así alegremente anos e anos, porque nós nesta situación non podemos levar a cabo ningunha mellora”.
“Por que non se fai o mesmo con outros sectores? Por que se pisa o sector gandeiro?”, pregúntase. Tan só esixen unha decisión o máis urxente posible: “Ou comer ou deixar comer. Tan simple como iso”, lamenta Andrés.

DISTRIBUCIÓN DO RABAÑO E RACIÓNS
Cun rabaño total de 310 animais e unhas 120 vacas en muxidura, están a producir uns 40,2 litros por vaca e día, con porcentaxes de 3,30 % de graxa e 3,40 % de proteína. “Tendemos máis á proteína que á graxa, porque, valorando o custo e os ingresos que obtemos, nos sae máis rendible”, explica Andrés.
Véndenlle o leite a Nestlé a un prezo de 0,50 euros por litro e esta industria está “a premiar máis a proteína que a graxa, aínda que este ano é verdade que subiu os tramos da graxa e a penalización é grande, pero, malia todo, ségueme a compensar traballar deste xeito, porque a proteína non nos custa nada producila”, engade.
Para lograr estas cifras, as produtoras están a comer unha ración de 26,2 quilos de materia seca con 22,2 kg de silo de millo, 16,4 kg de concentrado, 3,3 kg de palla picada, 2,3 kg de veza picada, 0,45 kg de aceite de soia, 190 gramos de corrector e 100 gramos de metionina.
O custo da ración en relación co litro de leite é de 7,69 euros, un número que a priori pode parecer alto, pero non o é segundo razoa Andrés: “Cunha media de 40,2 litros por vaca e día e cobrando 0,50 euros por cada litro, temos unha marxe entre ingreso e gasto de 12,47 euros por vaca e día. Se nos centrásemos só no gasto, quitariámoslles ás vacas para comer e iso non se debe facer. Hai que ver canto gastas, pero tamén canto ingresas e así farás as cousas ben”.
Pola súa banda, as vacas secas aliméntanse de silo de millo, silo de avea, palla picada e penso, e as de preparto toman a mesma alimentación que as secas e engádenlles a maiores o unifeed que sobra das vacas en lactación, “para que vaian tomando contacto coa seguinte ración que lles tocará”, indica o gandeiro.
As vacas de leite e as xatas que nacen ata os catro meses viven nas instalacións propias da gandería, as vacas secas e as próximas ao parto descansan nunha nave alugada a pouca distancia e a recría, desde os catro meses ata que é inseminada e está a 40 días do seu primeiro parto, críase nunha gandería zamorana.
Os irmáns Sañudo Argüelles querían seguir medrando en número de animais, pero a capacidade das súas instalacións e a imposibilidade de realizar calquera obra de mellora, por culpa da situación que viven co polígono industrial, impedían ese obxectivo. “A solución –subliña Andrés– foi alugar unha nave aquí preto e recriar as xatas fóra da explotación”. Xurdiu o contacto cun gandeiro de leite de Zamora que acababa de deixar o seu rabaño e “alí coida das nosas futuras vacas”.
No momento que nace unha xata, danlle moita importancia ao seu encalostrado. “O primeiro que facemos é encalostrar cun mínimo dun 18 % do seu peso corporal e a unha temperatura de entre 40 e 41 graos. Ademais, pómoslles a súa manta chaleco. É esencial”, valora.
O terceiro día comezan a tomar leite maternizado cunha achega de calostro ata as dúas semanas de vida e danlles tamén un puñado de flocos de millo para que vaian collendo contacto. “A partir dos 12 días xa os empezan a comer e poñémoslles entre toma e toma un pouco de auga para que vaian bebendo aos poucos. Ás tres ou catro semanas, deixámoslles a auga a libre disposición”, describe Andrés.
Rebaixan desde ese momento a achega de calostro e incrementan a dose de leite maternizado. Aos 40 días, engádenlles unha manda dunha mestura de fariña, 60 % de millo e 40 % de cebada, para que vaian afacendo o bandullo e están así, en boxes individuais, ata os 70-85 días que se destetan. Logo, xa en grupos, comen penso, palla e auga ata os catro meses.
Na súa seguinte fase, xa en Zamora, a alimentación pasa a ser ata os 12 meses forraxe de avea ou veza –depende das colleitas– coa mesma mestura de fariña a libre disposición. Aos 12 meses trasládanse a outro patio para ver os primeiros celos e pasan a comer unifeed con veza ou avea, penso e palla.
Son inseminadas sobre os 13 meses e medio segundo o seu talle e peso, e volven a Cantabria uns corenta días antes de parir.
Na xestión da recría contan co asesoramento da veterinaria Marta Isabel Vicente; para toda a parte de xenómica, con Javier Rojo; para calidade de leite, con Marta Mantecón; para reprodución, con Manuel Ferreiro e, para diferentes aspectos da xestión da granxa, con José Manuel Vidal.
PREVENCIÓN, UNHA MÁXIMA NO SEU MANEXO
As instalacións dos irmáns Sañudo Argüelles son antigas, porque “cando se construíron tivémonos que adaptar ao noso orzamento e agora mesmo non podemos seguir investindo aquí cando sabemos que tarde ou cedo nos teremos que ir”, resume Andrés.
Adaptándose ao que teñen, o seu alicerce fundamental é a prevención. Como apunta Andrés, “prevención en todo: en elaborar ben a comida, nos protocolos de saúde dos animais, en limpar ben os patios e en manexar ben os cubículos e as camas”.
As camas son de colchón, o que implica unha limpeza e un desinfectado maiores. Pasan o cepillo e botan carbonato cálcico mañá e tarde, e desinféctanas unha vez ao día; no verán, dúas.
Teñen instalados oito bebedoiros en total, para que os animais accedan facilmente á bebida e non teñan que desprazarse moito pola nave. “Para o seu maior benestar tamén instalamos cepillos rascadores, pois somos conscientes de que o carbonato as irrita bastante”, indica.
Outro dos problemas que quixeron atallar nos últimos anos foi o estrés por calor. “O pico que sufrimos en 2022 ensinounos que era necesario buscar unha solución”, recoñece. Tras as baixadas de produción e de fertilidade, e mesmo a perda dalgún exemplar, colocaron varios ventiladores e sistemas de frío, e estanlles funcionando ben.
Dende cando traballa nesta gandería e en que consiste o seu asesoramento?
Levamos traballando aquí na gandería Hermanos Sañudo Argüelles desde 2019. Empezamos vindo por aquí por temas de prevención e desenvolvemos unha serie de traballos enfocados principalmente neste aspecto e na saúde das xatas.
Monitorizaron o rabaño en 2020, porque sempre lles gustou manter un bo control da saúde das súas vacas, e doulles asesoramento tamén neste aspecto.
Que destacaría do manexo da recría nesta gandería?
Buscamos a prevención desde antes do nacemento, coa vacinación das nais, facemos fincapé co encalostrado, e, desde principios de 2020, empezamos a facer ecografía pulmonar de maneira periódica para detectar animais que estivesen sans á hora da desteta.
Por unha banda, necesitaban conseguir unha boa saúde pulmonar para trasladalas á granxa de recría en Zamora, e, pola outra, querían ser quen de desenvolver todo o potencial que buscan nas xatas coas probas xenómicas.
De que maneira axudan os colares de monitorización?
Estamos monitorizando o tema dos celos e toda a parte de reprodución cos parámetros que achegan os colares en base á ruminación, a actividade e o tempo comendo.
Logo, medimos tamén os aspectos relativos á saúde e, de maneira importante, a saúde posparto.
Por último, os colares achégannos moita información en canto ás rutinas de grupo, datos que axudan á hora de valorar decisións sobre a nutrición, algo que se valora moito nesta gandería. Poñen o foco en que a nutrición sexa estable e en que, coas condicións que teñen das instalacións, haxa unha alimentación o mellor posible. Grazas aos colares, podemos ver se hai certas variacións ou non para tomar decisións dunha maneira anticipada.
Están a tentar mellorar algún aspecto?
A verdade é que na actualidade seguimos centrados na recría, aínda que deixamos de facer, por falta de tempo, a ecografía pulmonar. Aínda así, seguimos traballando para que as xatas cheguen en bo estado á fase da desteta e que se poidan marchar a Zamora nas mellores condicións.
Ademais, estamos a poñer moito empeño en que as vacas estean sas, sobre todo porque as condicións que permiten as súas instalacións non son as máis óptimas para elas. Desta maneira, é moi importante ter as vacas monitorizadas, porque así podemos conseguir unha información obxectiva e fiable da súa comodidade.
A limpeza dos patios centrais débena realizar a man e na parte do corredor de alimentación contan con arrobadeiras de cable. Todo o xurro recóllese nunha única fosa aberta de 750 m3. Utilízano para fertilizar as súas leiras e tamén as de varios veciños que xestionan granxas de pastoreo.
Moxen as vacas dúas veces ao día, ás seis da mañá e ás cinco e media da tarde, nunha sala 2x8 con praza fixa.
En canto a calidade do leite, están a ter un reconto de células somáticas que se aproxima ás 220.000 céls./ml e están a aplicar o secado selectivo. “Grazas á nosa veterinaria de calidade de leite, Marta Mantecón, démonos de conta de que non todos os secados debían facerse con antibiótico”, lembra. Agora, levan a cabo un seguimento de cada animal, estudan cada caso e, en función dos datos dos últimos tres controis, deciden en función das mamites que se rexistraron e os antibiogramas poñer ou non antibiótico de secado. Por normal xeral, utilizan o tapón e nada máis.

UN RABAÑO NOVO
A media de número de partos do rabaño é de 2,2 e a porcentaxe de vacas novas, elevada. “Non porque retiremos as vacas nunha carretilla –bromea–, senón porque atopamos unha boa oportunidade para vender vacas e non xovencas, e para nós é un ingreso extra”.
Venden vacas para vida e están moi centrados na xenómica dos seus animais. “Os datos xenómicos que obtemos móstrannos que as xatas son superiores ás vacas e é por iso que optamos por descartar os exemplares adultos, que aínda poden facer lactacións, pero non na nosa granxa”, puntualiza.
Andrés considera, ademais, que este xeito de vender animais non só lle achega beneficios, senón que xa é unha cuestión persoal ou case sentimental: “Se che gustan as vacas, ganas máis en todos os sentidos se as vendes a vida”.
Iniciaron o seu traballo coa xenómica hai catro anos, porque consideraban que “se non hai progreso xenético por índices, non facemos nada”.
Centráronse en parámetros coma a vida produtiva, a produción e as calidades para conseguir animais rendibles e apoiáronse nos estudos de xenómica, que lles realizan a todas as cabezas que nacen na explotación.
“Cos resultados, descartamos algunhas xatas que eran negativas e as adultas peores, para quedar cos mellores exemplares”, puntualiza.
Apostan sempre pola raza holstein, só teñen tres ou catro exemplares doutras razas destinados a atraer os nenos da casa: “Son coma un xoguete para eles”.
O 90 % do seme utilizado é sexado, porque o seu obxectivo é seguir crecendo, e só utilizan un 10 % de cruzamento con carne naquelas xovencas ou vacas que son repetidoras ou que non queren baixo ningún concepto, polo seu comportamento ou polos seus índices xenéticos.
Finalmente, entre probados e xenómicos non fan distincións, pois seleccionan os touros segundo o custo e a súa posible achega.
CULTIVOS DE MILLO E AVEA
Traballan un total de 46 hectáreas, aínda que só reservan 30 delas aos seus cultivos de millo e avea. As 16 restantes destínanas unicamente a verter xurros e a segar. “O que sacamos destas destinámolo tan só ás camas das xatas e das secas, non lle damos un valor real”, comenta Andrés.
Rotan o millo coa avea para elaborar forraxes para a alimentación do seu gando, o que lles permite non estar todos os días no campo, porque practican un único corte de avea, e, de igual forma, continúan conseguindo materia seca.
“Buscamos fibra dixestible e amidón, non tanto quilos de proteína, porque o podemos suplir con soia; por iso, centrámonos nestes dous cultivos”, admite.
Ademais, a avea facilítalles adiantar tanto a sementeira coma a colleita do millo. “Se o tempo nos deixa, o 15 de maio xa temos o millo fóra e, a finais de agosto, témolo cultivado”. Así, as empresas que as axudan neste tipo de labores están sempre máis dispoñibles e non traballan con tanto apuro, porque o resto dos seus clientes levan outros ritmos.
Outra das vantaxes que salientan da avea é que lles deixa unha marxe para a súa recollida de dúas ou tres semanas, para non depender tanto da climatoloxía. Cando a espiga queda pastosa é que está no seu punto e obteñen “toda a fibra que buscan sen perder nada de azucre”.
UN SECTOR PRIMORDIAL
En canto ao futuro do sector lácteo, Andrés Sañudo cre que volverá ser un alicerce fundamental da estrutura, porque “producimos alimentos esenciais e cada vez hai menos xente disposta a traballar de sol a sol os 365 días do ano”, algo que tamén considera que afecta o prezo do leite, pois foi subindo pouco a pouco nos últimos anos e non baixou “tal e como agardaba a industria, porque cada vez quedamos menos”.
A remuda xeracional é un reto que afecta a todo o sector e, por suposto, tamén se vive así en Cantabria. Aínda que os irmáns Sañudo Argüelles teñen fillos e a Andrés gustaríalle que as súas fillas ou sobriños continuasen, pois “é un negocio familiar con futuro, do que se pode vivir con boa xestión e pisando sempre no chan”, tamén asume que “hai condicións que non se lles poden pedir”.
Finalmente, reclama que as condicións de xogo sexan as mesmas para os gandeiros que para as industrias e que “nos deixen vender o noso produto ao xusto prezo”.