O máster propio en Produción de Leite da USC abre inscricións o 1 de xuño

O máster propio en Produción de Leite da USC abre inscricións o 1 de xuño

O Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) impulsa novamente o máster propio en Produción de Leite en Lugo. Do 1 ao 30 de xuño permanecerá aberto o prazo de preinscrición dunha formación na que as prazas están limitadas a doce estudantes.

O obxectivo do curso é preparar profesionais especializados cun enfoque práctico e aplicado, que permita cubrir a demanda de expertos en servizos técnicos e de asesoramento que require o sector da produción leiteira.

Ademais das persoas que conten con estudos superiores, tamén poderán ser admitidas aquelas ás que lles falte por superar o Traballo de Fin de Grao (TFG) e, como máximo, 9 créditos ECTS para obter a titulación de acceso requirida.

O desenvolvemento do curso é fundamentalmente práctico e consta de sete módulos: Morfoloxía, fisioloxía e manexo sanitario da vaca de leite; Calidade do produto; Instalacións gandeiras; Produción de forraxes; Alimentación na produción de leite; Economía e xestión da produción de leite; e Prácticas de campo. O 20 % das clases dos seis primeiros módulos poderán seguirse en liña.

A docencia presencial impartirase na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e na Facultade de Veterinaria, ambas situadas no Campus Universitario de Lugo. Ademais, a formación completarase na Granxa Experimental de Leite da Deputación de Lugo, en Castro Ribeira de Lea (Castro de Rei, Lugo), e no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), en Mabegondo (Abegondo, A Coruña).