A expresión ‘Outra vaca no millo’ volve gañar protagonismo na portada do novo número da revista Vaca Pinta, que desde hoxe podedes consultar na hemeroteca desta web (dispoñible en galego e en castelán). No seu interior atoparedes un especial sobre o ensilado do millo, labor agrícola habitual desta época que empezará a desenvolverse nas próximas semanas. Este número de outono tamén inclúe un especial sobre cultivos pratenses, unha reportaxe sobre a gandería As Travesas Agropecuaria, actual número dous por produción da provincia da Coruña, e numerosos contidos máis que pasamos a detallar a continuación.
ENTREVISTAS
En Vaca Pinta 19 facemos un repaso pola evolución da cabana española da man de Carlos Méndez, xerente fundacional de Ascol, e charlamos con José Luis Calvo, presidente da Escola Internacional de Industrias Lácteas, sobre os obxectivos, a metodoloxía e a oferta formativa do centro.
ESPECIAL: ENSILADO DO MILLO
Abre o dossier Paula Soler (Bussiness Manager para España e Portugal de Lallemand Bio), que asina un artigo sobre a valorización dos ensilados máis aló da conservación.
A continuación, o veterinario de Adial Antón Camarero pon o foco na importancia da utilización de inoculantes para a elaboración dos silos a fin de optimizar a súa conservación e calidade nutritiva.
Completamos o especial cun texto do veterinario Ángel Ávila sobre a fibra: a súa importancia para o bo funcionamento do rume e para unha boa eficiencia produtiva tanto en leite como en sólidos.
ESPECIAL: CULTIVOS PRATENSES
Compoñen o especial dous artigos: no primeiro preséntanse os resultados da adaptación do modelo CROPGO-Perennial-Forage para simular a produción dos raigrases, un estudo desenvolvido por investigadores das universidades de Oviedo e de Florida e do CIAM, e no segundo o seu autor, David Castellanos (técnico de Semillas Fitó), céntrase na importancia da concentración de azucre como parámetro á hora de escoller un raigrás perenne de maior calidade.
SAÚDE ANIMAL E ALIMENTACIÓN
Na sección de ‘Saúde Animal’ publicamos un artigo no que se ofrecen os resultados da investigación levada a cabo en 28 granxas galegas sobre o impacto que un gromo de virus da diarrea vírica bovina podería ter sobre o intervalo parto-inseminación fecundante e o número de inseminacións por xestación. Na elaboración do estudo participan I. Arnáiz (Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia), M. Cerviño (Boehringer), S. Martínez (Subdirección Xeral de Gandería, Xunta de Galicia), R. Fouz (Africor Lugo) e F. J. Diéguez (USC).
Na sección de ‘Alimentación’, o enxeñeiro agrónomo do CIAM Gonzalo Flores Calvete aborda a dependencia alimentaria do exterior das principais producións gandeiras de Galicia.
ECONOMÍA
Por unha banda, publicamos a segunda parte do estudo elaborado polo veterinario Manuel Fernández sobre a análise dos custos ocultos das explotacións para mellorar a eficiencia, neste caso centrados nas coxeitas, o mal rendemento na recría e as lactaciones prolongadas. Por outra, Jesús Cantalapiedra (Consellería do Medio Rural) e Daniel Franco (CETECA) asinan un artigo sobre o Pacto Verde que expón a UE para conseguir un sistema alimentario máis saudable e sustentable.
SAÚDE PODAL E MANEXO
No apartado de ‘Saúde Podal’ publicamos a segunda parte do artigo proposto polo podólogo Javier Saéz sobre manexo e instalacións que poden mellorar a saúde podal do rabaño. E no apartado de ‘Manexo’, o veterinario e director técnico de Gando Nuevas Tecnologías, Guillermo Lorenzo, fala dos novos desafíos do sector leiteiro mundial poñéndoos en relación coas innovacións tecnolóxicas.
OUTROS CONTIDOS
O director de Coluga, Manuel Crespo, asina un artigo de opinión sobre os desafíos da nova PAC. Ademais, na sección de ‘En Vaca TV’ resúmese o amplo abano temático da edición estival dos Seminarios Online lanzados na nosa canle de tv.