A Xunta convoca a novena edición dos premios Exceleite ás mellores ganderías de Galicia

A Xunta convoca a novena edición dos premios Exceleite ás mellores ganderías de Galicia

A administración autonómica galega promove a novena edición dos premios Exceleite, que recoñecen a excelencia da calidade hixiénico-sanitaria dos produtores galegos de leite cru de vaca.

A nova convocatoria dos galardóns ten como obxectivo poñer en valor aos gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, polo tanto, coa calidade do leite que producen.

Os premios distinguen as granxas en tres categorías: en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e, á súa vez, cada unha delas divídese en tres grupos: intensivo, semiextensivo e extensivo. Especificamente, tamén se recoñecen as mellores ganderías ecolóxicas.

Poderán optar a estes galardóns todas as ganderías de gando vacún de Galicia que realicen os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), de tal maneira que consten na base de datos deste centro os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia: desde agosto de 2024 ata xullo de 2025.

Ademais, as explotacións deberán estar dadas de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das que se seleccionen para a distinción na categoría de explotacións ecolóxicas, de maneira complementaria á anterior, deberán formar parte do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).