A Asociación Provincial de Criadores de Frisón da provincia da Coruña, Africor Coruña, publica a súa memoria correspondente ao ano 2024.
Esta edición está estruturada en 11 capítulos, distribuídos en 112 páxinas, nos que se recollen as cifras xerais do Control Leiteiro, os resultados produtivos, as mellores vacas por produción e por produción vitalicia, os índices reprodutivos, o reconto celular, a cualificación morfolóxica, a valoración ICO, a taxa de non retorno e a repartición de seme.
Nesta publicación cómpre destacar que as medias de produción por vaca en 2024 superan as de calquera ano anterior. A diferenza das anteriores, incorpórase unha gráfica cos distintos métodos de muxidura, ademais de táboas nas que se mostran as 20 mellores ganderías por cada sistema de muxido.
Ganderías con produción por vaca superior aos 10.000 quilos de leite en 2024: SAT Vilasar Nº 1227, de Santiso (15.114 kg), Finca Bermui S.C., de Mesía (14.685 kg) e Grille S. Coop. Galega, de Mazaricos (14.261 kg).
Ganderías con media de cualificación igual ou superior a 80 puntos: Finca A Asunción, de Touro (86,84); Cesares Holstein S.C., de Lousame (85,77) e Casa Erias S.C., de O Pino (84,26).
Mellores ganderías por ICO: Landeira S. Coop. Galega, de Negreira (1184), Casa Menor 1614 S.L., de Boimorto (1170); e Gandería Queirugueira S.L., de Val do Dubra (1160).
A publicación pecha cun resumo das catro poxas levadas a cabo no pasado ano, así como da súa evolución nestes últimos anos.