Aberto o prazo de inscrición nun curso para obter o carné de fitosanitarios en Lugo

Aberto o prazo de inscrición nun curso para obter o carné de fitosanitarios en Lugo

A consultoría agroalimentaria Agronovo pon en marcha un curso para adquirir o nivel básico do carné de fitosanitarios en Lugo. Está previsto que a formación se realice en outubro e novembro deste ano. 

O curso consta de 25 horas en total; delas, 16 impartiranse en modalidade en liña. As nove restantes dividiranse en seis horas prácticas en aula e tres horas prácticas en campo.

É obrigatorio asistir ao 100 % das horas da parte práctica, mentres que a asistencia total ao curso non debe ser inferior ao 80 % das horas. Posteriormente, haberá un exame final, previsto para decembro, no concello lucense de Becerreá. 

A formación consta de 14 módulos. Abordaranse as pragas nos cultivos, os produtos fitosanitarios, os riscos derivados da súa utilización para o medio ambiente, os perigos que estes produtos poden supoñer para a saúde das persoas, as medidas para reducir estes riscos, as prácticas de identificación e utilización de EPI, así como o transporte, almacenamento e manipulación dos produtos fitosanitarios.

Analizaranse os métodos de control de pragas, incluídos os métodos alternativos, ademais dos métodos de aplicación de produtos fitosanitarios e os seus equipos, desde a súa descrición e funcionamento ata a súa limpeza, mantemento e inspeccións periódicas.

Fomentarase a aprendizaxe a través de prácticas de aplicación de tratamentos fitosanitarios e poñerase o foco na relación entre traballo e saúde, a normativa sobre prevención de riscos laborais e os métodos para identificar os produtos ilegais e os riscos asociados ao seu uso. Neste último caso, farase fincapé nas posibles infraccións, sancións e delitos. 

O prezo do curso é de 200 € (inclúe IVE e o pagamento das taxas da Xunta), mentres que a reserva de praza ten un custo de 80 €. Para obter máis información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto a través do seguinte número de teléfono, 678645549, ou no correo electrónico info@agronovo.es.