O sector agrogandeiro lucense despide a Jesús Antonio Trigo Freire, Suso Trigo, falecido este xoves 27 de agosto aos 77 anos na súa casa de Cirio, no municipio de Pol. Coa súa marcha desaparece un profesional de referencia, pero, para os que tivemos a fortuna de coñecelo e tratalo durante tantos anos, sobre todo unha persoa dunha enorme calidade humana.
A súa vinculación co mundo gandeiro prolongouse durante toda a súa vida. Primeiro como gandeiro e, posteriormente, como empresario, desenvolveu unha longa traxectoria dedicada á distribución de produtos para a gandería e a agricultura. En 1984 puxo en marcha xunto á súa muller, Ana María Abraira, e ao seu pai, José Manuel Trigo, unha pequena tenda de produtos zoosanitarios en Meira que se convertería co tempo no xerme de Zoonort. A empresa foi ampliando de maneira progresiva a súa actividade e a súa presenza, con instalacións tamén en Mosteiro e servizos relacionados coa alimentación e a sanidade animal. Anos despois, a súa actividade empresarial estenderíase a Lugo, con Zoonort Mascotas e Horta Galega.
Jesús Trigo foi un empresario de firmes principios, íntegro e rigoroso na súa maneira de entender o traballo. A súa profesionalidade estivo sempre acompañada de proximidade, compromiso e unha extraordinaria disposición para axudar a quen tiña ao seu redor. Esas calidades fixeron del unha figura moi querida tanto dentro do sector como na súa contorna máis próxima.
A súa implicación foi moito máis alá da súa actividade profesional. Moi vinculado á vida social e cultural de Pol, foi presidente e un dos fundadores da Asociación Cultural Leña Verde, desde a que contribuíu durante anos a dinamizar a actividade cultural do municipio.
Para o equipo que facemos Vaca Pinta e para Transmedia Comunicación, a súa perda ten ademais unha dimensión persoal. Jesús estivo ao noso lado desde os inicios da empresa. Creu no noso traballo e brindounos o seu apoio de maneira constante, tanto nos bos momentos como, especialmente, cando as circunstancias eran máis difíciles. Esa confianza, xenerosidade e proximidade forman parte tamén da nosa propia historia e son algo que nunca esqueceremos.
Quédanos o recordo dun excelente profesional e, por riba de todo, dunha excelente persoa. Alguén próximo, humano e sempre disposto a botar unha man, cuxa forma de traballar e de relacionarse cos demais deixou pegada nos que compartiron camiño con el.
Desde Vaca Pinta e Transmedia Comunicación queremos expresar o noso máis sincero pésame e acompañar nestes momentos a súa familia, amigos, compañeiros de traballo e a todas as persoas que o apreciaban.
O seu legado profesional e humano permanecerá vivo en todos os que tivemos a sorte de coñecelo.