Esta tarde fíxose entrega en Lugo das distincións anuais de Africor Lugo ás mellores ganderías da provincia en 2025, uns recoñecementos cos que a entidade pon en valor o traballo das explotacións máis sobresaíntes en produción, morfoloxía e índices xenéticos. No acto estivo presente a conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez.
Para formar parte desta selección, as granxas distinguidas deben situarse entre as cen mellores da provincia en cada un dos apartados avaliados, o que reforza o mérito das explotacións premiadas e evidencia a súa aposta pola mellora continua do rabaño, a eficiencia produtiva e a calidade xenética.
Entre as ganderías recoñecidas figuran Casa do Rego, de Láncara; Zorro, Neiras e Agustín, de Sarria; Tendeiro, do Páramo; Varela, de Castroverde; Lodos e Pérez, da Pastoriza; Casanova, de Baleira; Campolongo, de Carballedo, e Casa de Roca, de Guitiriz.
Ademais, Africor Lugo concedeu mencións especiais a Rodasinde, do Saviñao, pola maior produción media de leite por vaca, con 16.809 quilos; a Mantoño Holstein, de Barreiros, pola mellor media de cualificación morfolóxica, con 89,13 puntos, e a SAT Agosto Darriba, da Pastoriza, polo mellor índice xenético, cun ICO de 1.190.
Con esta entrega, Africor Lugo destaca o papel das ganderías lucenses no avance do sector lácteo e recoñece o esforzo dos profesionais que traballan cada día por mellorar a rendibilidade, a competitividade e a calidade das súas explotacións.
|
GANDERÍA |
CONCELLO |
Cualificación morfolóxica |
Produción por vaca |
Índices xenéticos |
|
CASA DO REGO |
LÁNCARA |
83,07 |
15.887 |
1.139 |
|
ZORRO |
SARRIA |
81,66 |
15.447 |
1.155 |
|
NEIRAS |
SARRIA |
82,47 |
14.571 |
1.134 |
|
TENDEIRO |
O PÁRAMO |
81,11 |
14.045 |
1.138 |
|
AGUSTÍN |
SARRIA |
81,04 |
13.626 |
1.156 |
|
VARELA |
CASTROVERDE |
81,45 |
14.180 |
1.131 |
|
LODOS E PÉREZ |
A PASTORIZA |
80,84 |
15.121 |
1.132 |
|
CASANOVA |
BALEIRA |
82,39 |
12.842 |
1.136 |
|
CAMPOLONGO |
CARBALLEDO |
81,17 |
12.794 |
1.127 |
|
CASA DE ROCA |
GUITIRIZ |
80,88 |
12.900 |
1.125 |