Agromuralla reuniu en Trives gandeiros afectados polos incendios do verán pasado en Ourense cos transportistas, agricultores e produtores que colaboraron no envío de forraxe durante o inverno. A asociación xestionou máis de 40 camións de rolos de silo e herba seca destinados a explotacións de vacún de carne, ovino e caprino de Monterrei, A Mezquita, A Rúa, Manzaneda, A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa e Quiroga.
Ademais das doazóns de forraxe, Agromuralla recadou fondos para sufragar parte dos custos de transporte. Co remanente mercáronse sete palés de tacos de alimentación para o gando, que foron sorteados entre os produtores afectados asistentes ao encontro. A asociación destacou que esta rede de solidariedade permitiu manter en activo explotacións que quedaran sen pastos nin reservas tras os lumes.
A presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez, denunciou que, case un ano despois dos incendios, moitos afectados aínda non cobraron as axudas comprometidas. Por iso, reclamou ás administracións que axilicen os pagamentos e simplifiquen os trámites, ao considerar que a burocracia está a dificultar aínda máis a recuperación das granxas.
Rodríguez reivindicou tamén o papel da gandería na prevención dos incendios, na xestión do territorio e na loita contra o despoboamento. Agromuralla pide á Xunta que facilite o aproveitamento das terras abandonadas por parte das explotacións próximas e que aplique os mecanismos previstos na Lei de recuperación da terra agraria, xa que, segundo defende, “o gando é o mellor cortalumes”.