A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) promove a 4.ª edición das Xornadas de Ingredientes e Aditivos na Industria Láctea e Alimentaria. O evento, que contará coas conferencias maxistrais de Ángel Gil e Javier Fontecha, celebrarase os días 22 e 23 de outubro de 2026 no Auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.
Ángel Gil Hernández é profesor emérito de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Granada. Impartirá a conferencia sobre o eixe intestino-cerebro e a modulación da microbiota intestinal.
Pola súa banda, Javier Fontecha Alonso, profesor de investigación do CSIC no Instituto de Investigación en Ciencias da Alimentación (CIAL-CSIC/UAM), ofrecerá o relatorio "Lácteos funcionais: evidencia clínica sobre o seu efecto na función cardiovascular e cognitiva".
Ademais, ao longo dos dous días, numerosos expertos analizarán as últimas innovacións en ingredientes e aditivos empregados no desenvolvemento de novos produtos. O programa inclúe tamén unha visita ás instalacións da APLTA e unha cea oficial.
Estas xornadas están dirixidas principalmente a responsables e técnicos dos departamentos de I+D+i, innovación, márketing, produción e calidade de empresas da industria láctea e alimentaria. A inscrición xa está aberta e pode realizarse a través da seguinte ligazón ata o 5 de outubro.