O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural a través da cal se convocan as axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios por parte dos agricultores e gandeiros galegos neste 2024, dotada cun orzamento de 8,5 millóns de euros. A contratación ou formalización dunha póliza será considerada solicitude de axuda sempre que se atope dentro dos prazos establecidos na normativa do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e se achegue previamente a información necesaria para que sexa efectiva.
As achegas cubrirán un máximo do 75 % do custo da póliza, sumando os fondos autonómicos e estatais aportados para esta finalidade. Isto constitúe unha novidade na convocatoria para o 2024, xa que nas anteriores o máximo financiado chegaba ao 65 %. Cómpre engadir que as pólizas contratadas por entidades asociativas de agricultores e gandeiros teñen unha subvención adicional do 4 %.
Os seguros son voluntarios, pero a Consellería do Medio Rural considera imprescindible o aseguramento nunha explotación agraria profesional, polo que incentiva a súa contratación coa súa inclusión nos criterios de concesión das axudas agrarias, como as dedicadas á incorporación de mozos ao sector ou a investimentos nas explotacións.
Eliminar a incerteza económica derivada de las diferentes circunstancias é un dos grandes desexos do sector produtor e das administracións públicas. O seguro agrario é un factor de enorme estabilidade do sector e un instrumento para garantir as rendas agrarias. Este sistema cobre producións agrícolas e gandeiras e está considerado como un dos mellores a nivel mundial. Todas as entidades aseguradoras españolas importantes forman parte de Agroseguro.
Porén, a medida que máis fomenta os seguros son as subvencións directas, sen trámites adicionais para o asegurado. Deste xeito, Agroseguro xestiona as axudas de ENESA e da Consellería do Medio Rural, sen que o beneficiario teña que facer unha solicitude específica.