O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE) a convocatoria de axudas para a renovación do parque nacional de maquinaria agrícola correspondente a 2019. O Plan Renove 2019 está dotado cun orzamento de 5 millóns de euros que se distribuirán mediante axudas directas ao agricultor.
Tal como se recolle nesta convocatoria, amplíanse os equipos subvencionables respecto de 2018. Inclúense tractores, máquinas automotrices de recolección e determinada maquinaria arrastrada, como equipos fitosanitarios, abonadoras, sementadoras directas, cisternas de xurro con dispositivo de localización do produto no chan e dispositivos de localización independentes para a súa instalación nunha cisterna en uso.