O CETAL organiza mañá unha xornada sobre novas tecnoloxías na sementeira de millo forraxeiro

O CETAL organiza mañá unha xornada sobre novas tecnoloxías na sementeira de millo forraxeiro

O Cetal, en colaboración con ABANCA, pon en marcha a realización dun ciclo de Xornadas Agroalimentarias nas que se realizarán demostracións prácticas en condicións reais de actividades de transferencia tecnolóxica ao sector agroalimentario.

A primeira destas xornadas, titulada Novas Tecnoloxías na Sementeira de Millo Forraxeiro, terá lugar mañá, martes 2 de abril, nas instalacións da granxa Gayoso Castro que a Deputación de Lugo posúe na localidade de Castro de Ribeiras de Lea, en Castro de Rei.

Para a organización da demostración en campo, o Cetal contará coa participación de catro empresas: Dekalb España, Agrícola Noroeste, The Climate Corporation e John  Deere.

A xornada dará comezo ás 11:30 da mañá coa exposición, da man de Dekalb España, de temáticas innovadoras en sementeira de millo forraxeiro, como a adaptación da densidade de sementeira ao híbrido de millo e ao potencial produtivo do chan. Tamén se mostrará a forma de realizar as prescricións de semente para programar doses variables en función das distintas zonas da parcela.

A continuación, a compañía The Climate Corporation presentará a ferramenta informática Climate FieldView para xestionar toda a información que se utiliza para planificar a sementeira, así como para realizar o seu seguimento en tempo real e analizar os datos obtidos.

Agrícola Noroeste e John Deere presentarán a nova  sementadora de millo 1725 NT de oito corpos, que permite sementar a alta velocidade (ata 16 km/ h), con dose variable e realizando control de tramos para optimizar a superficie sementada. Tras a explicación das principais características da sementadora e do tractor no que se engancha, pasarase á demostración en campo, onde se poderán ver na práctica todos os aspectos explicados previamente polas empresas participantes.

Estas novas tecnoloxías permiten realizar a sementeira do millo forraxeiro cunha maior eficiencia e optimizar, por tanto, o potencial produtivo tanto das variedades de millo utilizadas como das condicións de solo e clima da parcela na que se implanta o cultivo.

A asistencia á xornada é gratuíta e está aberta a agricultores, gandeiros, cooperativas, empresas de servizos, técnicos e resto de axentes interesados nas novas tecnoloxías dispoñibles no mercado para a sementeira do millo forraxeiro.

Programa da xornada