O CFEA de Sergude acolle unha xornada sobre o uso da escarda mecánica no millo

O CFEA de Sergude acolle unha xornada sobre o uso da escarda mecánica no millo

Este venres, 19 de xuño, o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, acollerá unha xornada formativa sobre o uso da escarda mecánica no cultivo do millo. A actividade enmárcase na liña "Transferencia de coñecementos e actividades de formación e información", impulsada pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural.

Cunha duración de oito horas, divididas entre as dúas franxas do día, o programa contempla a explicación de contidos como as alternativas viables para o control químico das malas herbas, as estratexias existentes para a redución do uso de herbicidas ou a demostración práctica en campo dos equipos de escarda. A formación está dirixida, principalmente, ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos agrícola, gandeiro, agroalimentario e forestal-madeireiro, pero tamén contempla os perfís de persoas mozas vinculadas ao medio rural galego que teñan expectativa de incorporarse no futuro a algunha das áreas mencionadas.

Para a inscrición na actividade, que será impartida de 10:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 19:00 horas, as persoas interesadas poden contactar a través do número de teléfono 605 199 751, enviar un correo electrónico a alberto.fagin.guerra@xunta.gal ou a través do sitio web habilitado para as inscricións nesta e outras formacións públicas ofertadas.