XORNADA DE UNIÓNS AGRARIAS

O conselleiro do Medio Rural anuncia a posta en marcha dun plan estratéxico do sector lácteo

O conselleiro do Medio Rural anuncia a posta en marcha dun plan estratéxico do sector lácteo

Unións Agrarias celebrou esta mañá en Santiago de Compostela unha xornadas sobre a situación e os retos das ganderías de leite nas que interviron como relatores Francisco Sineiro, catedrático de Economía Agraria da Universidade de Santiago; Fernando Miranda, secretario de Agricultura do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e José Balseiros, director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural.

A clausura correu a cargo do conselleiro do Medio Rural, José González, quen anunciou a posta en marcha dun plan estratéxico do sector lácteo galego, que se fará –subliñou– contando con todos os axentes implicados.

O titular de Medio Rural enmarcou estes labores na necesidade de seguir afondando na transparencia e no funcionamento da cadea de valor do leite, algo para o que, dixo, a Xunta seguirá apostando pola colaboración e o diálogo, así como por continuar traballando de forma coordinada e conxunta entre todos os elos da devandita cadea.

José González resaltou ademais a condición de Galicia como líder dentro do sector leiteiro nacional e advertiu que o colectivo afrontará catro retos claves nos vindeiros anos: a reforma da PAC, a profesionalización, a rendibilidade das explotacións e a mellora da súa base territorial.