ENTREVISTA | ANNAÏCK LOCQUENEUX, IMPULSORA DA MARCA DOS CONSUMIDORES

“O consumidor está disposto a pagar por un leite de calidade e cunha remuneración xusta para o produtor”

“O consumidor está disposto a pagar por un leite de calidade e cunha remuneración xusta para o produtor”

Falamos con Annaïck Lockqueneux, coordinadora da iniciativa social ¿Quién es el jefe? en España, que nos presenta os resultados da votación dos consumidores sobre o tipo de leite que queren consumir.

Os consumidores xa votaron a través da web www.lamarcadelosconsumidores.es, polo tanto, que tipo de leite é a que queren consumir?

Os consumidores queren un leite de orixe española, con información do produtor e procedente de granxas situadas preto de onde se envase, a fin de reducir a pegada de carbono. A remuneración é moi importante para os españois. Un 43 % dos consumidores votaron que o produtor ten que estar correctamente remunerado, de forma que poida investir na mellora da súa actividade e na modernización dos procesos. Tamén valoraron moito o tema da alimentación dos animais, con forraxes de boa calidade, e o seu benestar. Ademais, un 82 % dos votantes están dispostos a apoiar a formación técnica dos produtores cun céntimo extra por litro de leite.

Cantos consumidores responderon á enquisa?

Máis de 6.500 persoas. Non esperaba que fóra votar tanta xente en tan pouco tempo… En Francia, onde xa se vende leite baixo a marca dos consumidores, votara menos xente.

Que prezo están dispostos os consumidores a pagar polo leite?

Cada vez que o consumidor elixe un criterio, reflíctese un impacto económico no produtor, unha remuneración, que, en función dos resultados obtidos, chega aos 39 céntimos o litro. Quere dicir iso que o produtor vai cobrar 39 céntimos? Pois gustaríame dicirche que si, pero non o sei. O produtor ten que entender que para gañar isto ten que investir, traballar moito na súa granxa e cumprir todos os criterios que se elixiron. Ao final é cuestión de que os custos que ten o gandeiro estean compensados cunha remuneración xusta.

Cales son son os seguintes pasos a dar?

Agora temos que buscar unha industria que estea disposta a envasar o leite de acordo aos criterios elixidos polos consumidores e pagándolle ese prezo ao produtor. É fácil que queira envasar baixo estas condicións? Non, pero ímolo intentar. Agora mesmo estamos en conversacións cun socio que podería envasar o leite e que, ademais, traballa con diferentes produtores, aos que lles gustaría empezar canto antes.

En Francia houbo unha industria que se arriscou e en dous anos e medio vendéronse máis de cen millóns e medio de leite. Vai ser igual aquí? Oxalá. Do que se trata esta iniciativa é de que o consumidor saiba a onde vai o diñeiro que paga e que permita apoiar os produtores locais. Trátase de que as forzas estean máis equilibradas entre produtor, industria, ditribución e consumidor. A boa noticia é que hai consumidores que están dispostos a pagar por ese reequilibro de poderes.

Cando estará dispoñible nos lineais dos supermercados este leite?

Oxalá puidese darche unha data, pero este proceso leva o seu tempo. A boa noticia é que xa temos uns criterios nos que se reflicte que o consumidor quere apoiar o mundo rural e está disposto a pagar por iso. Ademais, estes criterios aparecerán no pack. Trátase de fomentar o diálogo entre o consumidor e o produtor, que se perdeu. A transparencia é importante, por iso me gustaría atopar produtores que poidan falar directamente co consumidor e mostrarlle como producen o leite.

 

Nota informativa: A marca dos consumidores non lle afecta só ao leite, senón a outros produtos. Ata o 31 de agosto os consumidores poden responder o cuestionario sobre os ovos que lles gustaría consumir.

Ligazón para votar: https://lamarcadelosconsumidores.es/productos/los-huevos/