A cooperativa de segundo grao Delagro e a correduría de seguros especializada no sector agroalimentario Ucoga convocan para este sábado en Santiago de Compostela unha ruta solidaria para reunir alimentos para as familias máis desfavorecidas.
Con esta xuntanza, as empresas organizadoras buscan recadar produtos de alimentación e hixiene básicos, os cales serán doados ao Banco de Alimentos para a súa distribución entre as persoas que máis o necesiten. Ademais, a maiores dos produtos que acheguen os asistentes, Delagro e Ucoga comprométense a doar ao Banco de Alimentos de Santiago de Compostela 10 litros de leite por cada participante.
A ruta empezará no aparcadoiro do multiusos Fontes do Sar ás 10.00 horas do sábado. Os participantes poderán depositar alí as súas doazóns antes de comezar a camiñada, que será duns 9 quilómetros e terminará na Praza do Obradoiro.
A inscrición é gratuíta e aínda se pode realizar a través desta web.