A granxa dependente da Deputación de Pontevedra, Finca Mouriscade, organiza unha poxa de 27 animais de gando o venres 12 de xuño. O encontro dará comezo ás 11:00 horas da mañá nun acto público nas súas instalacións, situadas na rúa Vilanova do concello de Lalín.
O acto de licitación conta cun variado catálogo inicial de exemplares, en todo caso xustificado e amparado pola identificación bovina regulamentaria. Entre as vacas que serán ofertadas, atópanse casos en estado de xestación, inseminación ou postparto. Todas contan cun prezo de saída de 1.750 euros.
Participación na poxa
Para participar, as persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude mediante instancia xenérica dirixida ao Servizo de Contratación na sede electrónica da Deputación de Pontevedra. O prazo permanecerá aberto ata as 10:00 horas do próximo luns, 1 de xuño. Como documentación, será necesaria a presentación do modelo de inscrición previa, a declaración responsable referente ao Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA) e a acreditación da identidade mediante DNI ou pasaporte.