A contratación de seguros agrarios en Galicia rexistra actualmente as cifras máis altas da súa historia, tanto en capital asegurado coma en primas, cun crecemento constante e equilibrado nos últimos anos. Así se puxo de manifesto na reunión celebrada onte en San Caetano entre a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e responsables de Agroseguro.
O sistema de seguros combinados en Galicia alcanzou en 2025 unhas primas totais por valor de 53 millóns de euros, un 9 % máis que no exercicio anterior e cun incremento do 39 % no último quinquenio. Pola súa banda, o volume de capital asegurado chegou aos 1.228 millóns de euros, o que supón un 12 % máis que en 2024 e un aumento do 41 % no período 2021-2025.
A principal produción por volume de primas foi o gando vacún de reprodución e produción, que en 2025 sumou 27,76 millóns de euros en primas e 776 millóns de euros de capital asegurado. Esta liña deu cobertura a máis de medio millón de animais asegurados. A continuación, destaca o seguro destinado a compensar os gastos derivados da retirada de animais falecidos na explotación.
No ámbito agrícola, tamén se rexistrou un importante crecemento da superficie e da produción aseguradas nos últimos anos. As primas totais aumentaron un 39 %, ata alcanzar os 3,3 millóns de euros en 2025, mentres que o capital asegurado medrou un 73 % nos últimos cinco anos, situándose en 110,3 millóns de euros. As principais producións aseguradas foron o viñedo, o amorodo e os froitos vermellos, especialmente o arando, e os cultivos forraxeiros. As indemnizacións aboadas en Galicia superaron os 32 millóns de euros en 2025, con máis de 163.000 sinistros atendidos.