A Xunta de Galicia manterá durante todo o mes de setembro as medidas preventivas fronte á dermatose nodular contaxiosa (DNC). A nova resolución da Consellería do Medio Rural, publicada no Diario Oficial de Galicia, estará en vigor entre o 1 e o 30 de setembro, ambos incluídos, e poderá volver prorrogarse en función da evolución epidemiolóxica da enfermidade.
Deste xeito, seguirán permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino con finalidade comercial, aínda que unicamente con animais procedentes de granxas galegas. Os vehículos procedentes de fóra da comunidade que acudan a estes eventos deberán acceder baleiros, limpos, desinfectados e desinsectados. A celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións continuará requirindo autorización previa da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.
Tamén se mantén o período de vixilancia veterinaria oficial de 28 días para os bovinos destinados a vida que cheguen a Galicia desde outras comunidades autónomas ou desde o estranxeiro. Durante ese tempo quedarán inmobilizados cautelarmente tanto os animais incorporados como o resto de bovinos presentes na granxa. Ademais, seguirá sendo obrigatoria a desinsectación de todos os animais da granxa receptora e dos vehículos de transporte de gando que entren en Galicia.
A Xunta reitera que actualmente non existe constancia de ningún caso de DNC en Galicia e lembra que a enfermidade non se transmite ás persoas. Medio Rural continúa reclamando ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación unha maior coordinación entre comunidades autónomas e que impulse na Unión Europea unha vacina marcada que poida empregarse de forma preventiva. Tamén solicita que se revise a actual clasificación da enfermidade e a súa inclusión nos seguros agrarios.