NA GRANXA | FONTIXÓN (CASTRO DE REI, LUGO)

Xente nova coas ideas claras para quedar na granxa familiar

María e Andrea Otero son as caras máis novas da gandería Fontixón e ultimamente están protagonizando as noticias relacionadas cos concursos de novos preparadores e manexadores da raza frisona; tanto é así que participarán no próximo certame europeo Young Breeders School ao quedar primeira e segunda clasificadas no ranking realizado polo Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia, en colaboración coa Federación Galega da Raza Frisona (Fefriga). Tanto elas coma os seus pais, Juan Carlos e Julia, quixeron compartir connosco como ven o presente e o futuro da súa granxa de leite. Máis en Vaca Pinta 45.

Localización: Castro de Rei (Lugo)

Propietarios: Juan Carlos Otero e Julia Naval

N.º total de animais: 550

Vacas en muxidura: 280

Media de produción anual: 37 l/vaca/día

Porcentaxe de graxa: 4,20 %

Porcentaxe de proteína: 3,40 %

RCS: 190.000 cél./ml

Venda do leite: Lactalis

Resulta moi motivador e esperanzador chegar a unha granxa leiteira en Galicia, en pleno crecemento, porque a última parte das instalacións se ve aínda moi nova, construída hai moi pouco tempo, e coñecer a uns propietarios como Juan Carlos Otero e Julia Naval cunhas fillas moi novas, pero coas ideas xa moi claras e coa ilusión de formarse para quedar co negocio familiar.

María e Andrea Otero, con tan só 18 e 16 anos, están seguras de que “estudarán algo relacionado coa gandería”, aínda non saben o que, pero algo que lles axude a xestionar a granxa familiar e a garantirlle un futuro.

Combinan os seus estudos coa presenza na granxa, porque “nos criamos entre as vacas e sempre nos gustou pasar o día a día con elas”, explican as dúas.

Ademais, asistiron xa a algunhas das Escolas de Futuros Gandeiros organizadas pola Federación Frisona Galega (Fefriga) e o seu gusto polos animais e pola gandería acrecentouse. “Coñecemos a moitos rapaces e rapazas coma nós aos que lles gusta este mundo e estás moi a gusto”, sinala Andrea.


“Criámonos entre as vacas e sempre nos gustou pasar o día a día con elas”

Como resultado destes encontros, tanto Andrea como María tamén comezaron a participar nos concursos de preparadores e manexadores que se levan a cabo no marco das competicións morfolóxicas de Galicia. “O que máis me gusta é pelar e manexar os animais na pista, porque domalos xa é un traballo constante e que require de moita paciencia”, indica María. “Manexando as vacas síntome moito máis a gusto, estou máis preto delas. Para o pelado noto máis presión e necesítase practicar moito máis”, engade a súa irmá Andrea.

Ambas coinciden en que este tipo de convocatorias axudan a darlle visibilidade ao sector, para que se coñeza como os gandeiros coidan das vacas, e destacan como parte máis positiva “o trato coa xente, xa que grazas aos certames, tes contacto con outras persoas coma ti”.

Non só participan senón que case sempre levan medalla. Por unha parte, María Otero subiu ao podio dúas veces no último certame rexional, xa que se converteu na gañadora do Concurso de Novos Manexadores e do Concurso de Novos Preparadores de Gando. Por outra, no campionato de manexadores celebrado na Moexmu a primeira fin de semana de abril, ambas as irmás conseguiron o primeiro e o segundo posto de mellores manexadores.                                                           

 

HISTORIA LIGADA AO CRECEMENTO

A gandería Fontixón comezou cos pais de Juan Carlos, e el, sendo moi novo, decidiu quedar na explotación para traballar. As instalacións máis antigas da granxa estaban xusto ao lado da casa familiar e en 1996 decidiron construír a primeira nave na localización actual. “Aínda que moi preto da casa, este novo lugar permitiunos ir crecendo pouco a pouco”, asegura o gandeiro.

Aos dous anos ampliaron un novo tramo e a comezos dos anos 2000, outro máis. En 2012 fixeron un establo moito máis grande que o que tiñan e instalaron unha nova sala de muxido, coa que contan actualmente. A última das ampliacións levárona a cabo en 2022, para 100 vacas máis.

“Na actualidade temos un rabaño de 550 animais, dos que muximos unhas 280 produtoras. Mantemos regularmente ao redor dunhas 40 secas e o resto é recría”, relata.

A recría, dende que nace, instálase en boxes individuais con cama de palla durante as primeiras dúas semanas e logo pasa á amamantadora, onde se diferencian dous lotes por idade. “Aquí pasan uns dous meses, ata que se destetan, e logo van formando diferentes grupos de 12 animais ata que chega o momento de inseminar”, describe Juan Carlos.


 “Na actualidade temos un rabaño de 550 animais, dos que muximos unhas 280 produtoras”

Nos boxes individuais e na amamantadora contan con cama de palla e nos seguintes teñen colchoneta (dos 6 aos 11 meses) ou area (a partir dos 11 meses). As xovencas próximas ao parto e as secas descansan en compost. “Estamos contentos con este sistema, porque, aínda que aquí temos moita humidade, levámolo ben e cremos que é positivo para os animais”, apunta.

No inverno, engaden labra ou algo de carbonato cada segundo día, máis ou menos, e removen cunha fresadora todos os días. No verán, con pasarlles o apeiro é suficiente.

Inseminan os animais sobre os 13 meses en función do seu tamaño e da súa condición corporal e, cando lles queda un mes para o parto, pasan ao lote de preparto, tamén en cama de compost.

As vacas en produción distribúense en tres grandes lotes con cubículos e camas de area. Segundo comenta Juan Carlos, “a area para as de leite funciona moi ben, pode dar algo máis de problema nas fosas, pero, de momento, non podemos queixarnos; estamos satisfeitos”.

Ao longo dos corredores de alimentación cubriron os comedeiros con aceiro inoxidable para que “as vacas teñan a comida o máis limpa posible. É un pouco caro, pero para min é o mellor”, opina.

Na distribución dos bebedoiros, o gandeiro limítase á normativa existente. Outras instalacións que inflúen no benestar das vacas son a dispoñibilidade de rascadores e os ventiladores da nave antiga. “A calor comeza a afectar nesta zona e no establo vello colocamos uns ventiladores pequenos ao longo das cornadizas xunto a aspersores de auga que se conectan cando hai unha certa temperatura e humidade”, explica o gandeiro. Pouco despois instalaron outros ventiladores máis grandes para aumentar o efecto refrescante do sistema.

A limpeza das naves lévase a cabo automaticamente con arrobadeiras de cable que empurran todo o xurro cara a catro fosas, dúas delas cubertas, cunha capacidade total de 4.600.000 litros.


Danlles máxima importancia ao ubre e ás patas das súas futuras produtoras

MUXIDO EN SALA DE 32 PUNTOS

Moxen as súas produtoras dúas veces ao día nunha sala 2x16 con retirador automático e medición. “Hai tres anos cambiamos os podómetros por colares e este sistema ofrécenos máis datos, como os celos ou a ruminación. Agora logramos mellores datos de fertilidade e notamos que as cifras da ruminación son moi importantes, porque, en canto a vaca comeza a non comer de maneira habitual, é que algo empeza a pasar”, recoñece Juan Carlos.

Dende xaneiro de 2022 aplican o selado selectivo con antibiótico e selador para vacas con infección ou propensas a infectarse. “Tomamos como referencia o historial de mastite clínica durante a lactación, o reconto de células somáticas dos últimos meses e realizamos test de California”, resume.

Actualmente están logrando unha media de produción por animal e día de 37 litros cunhas calidades de graxa do 4,2 % e de proteína do 3,4 %. O reconto celular móvese nunha media de 190.000 células por mililitro.

PRIORIDADE AO UBRE E ÁS PATAS

En canto á xenética das súas frisonas, Juan Carlos e Julia danlles máxima importancia ao ubre e ás patas das súas futuras produtoras.

Á hora de seleccionar as doses dos touros coas que inseminarán as súas vacas, déixanse asesorar por técnicos do sector que lles realizan os acoplamentos con touros que venden e cos do programa de mellora xenética de Xenética Fontao. En ocasións, utilizan seme sexado en xovencas, crían todas as femias que nacen e venden todos os xatos.

Hai seis anos tomaron a decisión de empezar a traballar na granxa co sistema ProCROSS, un programa de cría de animais a través do cal se cruzan tres razas de vacas: a holstein, a montbeliarde e a vermella sueca, para intentar lograr mellores datos en calidades, de saúde e de fertilidade.

Tras este tempo de experiencia, o gandeiro lucense afirma que “as vacas funcionan ben, en canto á produción conseguen datos similares ás holstein, pero notamos que son máis fortes, máis resistentes en relación á saúde”.

“É certo que non son tan bonitas e parece que ás miñas fillas lles gustan máis as holstein”, di o gandeiro recoñecendo que María e Andrea defenden máis a mellora xenética da raza pura holstein. “Agora seguiremos así –di Juan Carlos– e despois elas que fagan o que queiran”. A día de hoxe contan tan só cun 30 % do rabaño en ProCROSS.

Para falar das cifras da área reprodutiva de Fontixón, conversamos con María José Rodríguez, a veterinaria da explotación, quen confirma que a media de inseminacións por preñez en xovencas anda polas dúas e en vacas ao redor das tres, o intervalo entre partos achégase aos 411 días e a media de número de partos do rabaño é de 2,4.

 

María José Rodríguez, veterinaria de Fontixón
“Ao pasar moitas horas na granxa, vas vendo os puntos que se deben corrixir para cumprir co plan de explotación e coas normativas, para ser cada vez máis eficientes”

Cantos anos leva traballando en Fontixón?

Hai case tres anos. A proposta xurdiu por parte de Julia e de Juan cando eu estaba rematando unha substitución na ADSG de Castro de Rei. Propuxéronme traballar na súa explotación algunhas horas.

A que aspectos da granxa se dedica?

Estou centrada no aspecto burocrático da explotación. Levo os libros de explotación e de medicamentos ao día. Anoto todos os datos, aplico as vacinas intranasais para prevención de infeccións respiratorias en xatas e levo a cabo protocolos de vacinación en vacas secas, para previr as diarreas neonatais, e de prevención de cetose no preparto e posparto.

No relativo á calidade do leite, aproveito os datos do control leiteiro para sacar mostras de leite de vacas con altos recontos en células somáticas para así previr ou tratar algunha mastite o antes posible e os datos de BHB, que son indicadores de cetose subclínica.

Cal é a súa rutina cada mañá?

Cando chego, reviso no ordenador toda a información que transmiten os colares de monitorización do celo e de diminución do tempo de ruminación e inxestión de comida. Logo, xunto cos veterinarios de Aira, revisamos cada un deses animais. Fago as prescricións de medicamentos necesarias e aplico os tratamentos.

Cumpre así coas esixencias normativas do veterinario de explotación?

Niso estamos. Hai que elaborar un plan sanitario integral que inclúa actuacións sanitarias, de hixiene, de bioseguridade e de uso racional de antibióticos.

Neste caso, ao pasar moitas horas na granxa, xa vas vendo os puntos que se deben corrixir ou mellorar para cumprir co plan e coa normativa e para reducir o uso de antibióticos e ser cada vez máis eficientes.

Que opina desta lexislación e como lles vai afectar ás ganderías?

É algo que haberá que cumprir; entón, canto antes se adapte a explotación ás novas normativas, moito mellor. Como todo o novo, asusta, pero logo será beneficioso para elas.

De cara ao futuro, están centrados en mellorar algún aspecto concreto?

Sempre hai cousas que mellorar para beneficiar o benestar animal e as condicións de traballo dos traballadores. Canto máis cómodo estea todo, mellor para ambos.

Xa está en mente reformar a zona da recría, para darlles un espazo máis amplo, e a zona de preparto, sobre todo de cara á tempada de inverno.

Outro aspecto que segue sendo unha materia pendente, creo que a nivel xeral, é a transformación de datos en conclusións finais.

Como ve o futuro de Fontixón?

Vexo unha granxa con futuro e, ademais, ás novas xeracións, por agora, gústalles moito a gandería. 


“Sempre me gustaron máis as máquinas que as vacas, pero o certo é que quen produce o leite e o beneficio deste negocio son elas”

PAIXÓN POLA MAQUINARIA

“Sempre me gustaron máis as máquinas que as vacas, pero o certo é que quen produce o leite e o beneficio deste negocio son elas”, admite Juan Carlos. Como consecuencia da súa paixón pola maquinaria, sempre se dedicou máis ás tarefas relacionadas co campo e a alimentación dos animais, mentres que os seus pais se ocupaban máis dos temas relacionados co muxido e co manexo das vacas. Coa xubilación dos seus proxenitores, agora encárgase Julia desa parte e el continúa dedicado ao que máis lle gusta.

Traballan nun total de 130 hectáreas, rotan con millo e herba unhas 90 ha e o resto queda en pradeiras para forraxe. Grazas á concentración parcelaria da zona, “temos todas as fincas arredor da gandería, nun radio de 2 km máis ou menos e a gran maioría son terras grandes de 10, 15 ou 20 ha”, resume.

O millo que sementan a principios de maio é dun ciclo 260, mentres que o que sementan a finais de mes ou principio de xuño é dun ciclo 200. Dependendo das zonas, realizan sempre varios cortes de herba e 10 ha dedícanas a unha mestura de raigrás con veza e trevos, “pois xa nos obrigan a facelo así as novas políticas agrarias da UE”. Con todo, o que máis utilizan nesta gandería é o raigrás, como moito híbridos de raigrás italiano e raigrás inglés.

Cos cultivos de millo chegan a rendementos de 40.000 kg/ha e coa herba aseguran que hai máis variación: “Algunhas veces logramos 20.000 kg/ha e outras case alcanzamos os 30.000”, explica.

Encárganse de levar a cabo todos os traballos que implican estas forraxes, menos do picado do millo, un servizo que contratan a empresas externas. Para iso, contan cunha longa lista de maquinaria de última xeración e equipada con tecnoloxía de vangarda.

Neste sentido, Fontixón é unha das ganderías fieis á empresa lucense Durán Maquinaria Agrícola. Juan Carlos intenta lembrar cantos anos de relación os unen, pero “son tantos, que xa nin me lembro”, subliña entre risas.

O seu contacto comercial converteuse xa nunha amizade, pois “o fundador da empresa, Antonio, falaba connosco, diciámoslle o que necesitabamos e el xa nos traía o que entendía como mellor. Non tiñamos que mirar nin buscar nada”, recorda Juan Carlos.

A máxima confianza con el e agora cos seus fillos, Antonio e Manuel Durán, é o principal piar do seu vínculo e, ademais, destaca o bo servizo que sempre lles prestaron e seguen prestando aos seus clientes.

Javier Murias, responsable de Alimentación en Fontixón
“Buscar a eficiencia máxima dos animais é unha forma de abaratar”

Desde cando traballa en Fontixón e por que comezou a súa relación?

Levo traballando en Fontixón aproximadamente dende hai trinta anos. Juan e eu colaboramos dende hai moito tempo. Practicamente, comezamos a traballar xuntos, el na gandería e eu facendo nutrición. Podo dicir que aprendemos os dous á vez.

En que consiste o seu asesoramento?

Encárgome da analítica dos silos de herba e de millo e da formulación de racións para vacas de leite, vacas secas e xovencas.

Ademais de todo o relacionado coa alimentación, tamén o aconsello en temas de instalacións e obras. Eu viaxo moito e visito explotacións de toda España ou incluso do estranxeiro e sempre compartimos esa información.

Que racións están administrando e por que?

Esta granxa é autosuficiente e produce toda a forraxe que necesita; é por iso polo que as racións están baseadas principalmente na forraxe producida e collida nesta gandería.

A ración das vacas de leite adoita estar sempre por enriba do 60 % de forraxe, entre o 60 e o 70 %. Trabállanse forraxes de moita calidade, que nos permiten poder facer racións moi forraxeiras.

Agora mesmo, están cunha ración a 24 quilos de materia seca. Componse de 33 kg de silo de millo; 7 kg dun silo de herba de primeiro corte, dunha calidade extra cun 48 % de materia seca e un 20 % de proteína; 2 ou 3 kg dun silo de herba con máis fibra, para aportar a cantidade suficiente que necesitamos para que as vacas funcionen; 6 kg dun núcleo con fariña de millo, soia extorsionada e correctores, e 4,5 kg de colza.

A ración das vacas secas consta de 12 kg de silo de millo, aproximadamente, sobre 7 kg de silo de herba fibroso, 5 kg de palla, porque neste momento non temos suficiente silo de herba, e 3 kg de concentrado.

Por último, a ración das xovencas está composta basicamente de silo de herba e de herba seca. Dos 4-6 meses aos 10-11 meses, todo forraxe cun par de kilos de concentrado e, a partir dos 12-13 meses ata o parto, forraxe e 1-1,5 kg de concentrado.

Hai algunha recomendación en canto a manexo ou benestar dos animais?

Si. Esta é unha granxa que traballa con camas de area. Creo que é o máis recomendable para pensar no benestar dos animais, na saúde do ubre e na rendibilidade. Na actualidade, facer cama con outro tipo de produto é extremadamente caro. A area aquí é moi económica e, en canto ao manexo, non hai nada que se lle poida comparar.

Na recría e nas vacas secas trabállase nunha zona con cama de area e noutras zonas con compost. Estamos contentos co seu funcionamento e, posiblemente, no futuro se aumente o traballo con ese tipo de cama.

Canto tempo levan utilizando o compost para as camas?

Con este sistema levaremos ao redor de tres ou catro anos. O motivo principal de comezar con este tipo de cama foi aforrar custos, pero o inconveniente que ten aquí en Galicia é que che obriga a traballar con moitos metros por vaca, xa que no inverno é moi complicado mantela seca e confortable.

Cos seus bos resultados, estamos a valorar incluso a posibilidade de incorporar un separador.

Que características lles demanda aos cultivos de millo e de herba para conseguir forraxes de calidade?

Apostamos, sobre todo, pola calidade, porque, aínda que levamos dous ou tres anos cuns prezos do leite moi bos, esta granxa foi quen de medrar incluso en situacións do peor, e ese crecemento logrouse grazas á cantidade e calidade da forraxe.

Nas forraxes buscamos dixeribilidade, que sexan moi dixeribles, que o momento do corte sexa o axeitado e que o millo non sufra estrés por seca.

Tamén tratamos de picar moi ben, que o silo quede moi compactado, para gardar uns niveis de materia seca correctos e que se estropee o mínimo posible.

Están tentando aplicar algunha estratexia para abaratar o custo da ración?

Sempre estamos a facer estratexias para tentar abaratar o custo da ración, pero o principal é producir cada vez máis.

O obxectivo desta granxa é aumentar a media de produción. Neste momento, estamos a dous muxidos e arredor de 37 litros coa ración que mencionei antes. Queremos intentar facer un par de litros máis con esta mesma ración.

Este é un traballo constante, porque buscar a eficiencia máxima dos animais é unha forma de abaratar.

Por que cre necesario este tipo de asesoramento? Como pode mellorar a rendibilidade?

Creo que o máis importante para estes gandeiros é que eu poida compartir con eles a información á que eles moitas veces non teñen acceso.

RACIÓNS POR IDADES

A alimentación dos animais de Fontixón comeza con tres días de costro e logo teñen leite en po e auga á disposición. Desde que entran nos lotes da amamantadora, a máquina proporciónalles leite segundo as táboas que eles mesmos deseñan e, ademais, reciben penso de arranque e auga. Logo da desteta comezan a comer a ración das vacas de lactación combinada con outro penso de arranque.


Pensan en perfeccionar o espazo de cama quente para as xatas, en incorporar unha nova amamantadora e en construír un novo silo

Por un lado, dende os 6 ata os 13 meses reciben unha mestura de 9 kg de silo de herba, 1,5 kg de palla, 1 kg de colza e 1 kg de concentrado das vacas de leite. Por outro, as xatas preñadas reciben outra ración de 16 kg de silo de herba, 3 kg de herba seca e 1 kg de concentrado de vacas secas. O lote de secas e de preparto aliméntase con 12 kg de silo de millo, 7 kg de silo de herba, 5 kg de palla e 3,5 kg de concentrado de secas e, finalmente, a ración das produtoras prepárase con 33 kg de silo de millo, 9 kg de silo de herba, 6 kg de concentrado e 4,5 kg de colza.

EQUIPO E VENDA DO LEITE

Ademais de traballar cóbado con cóbado coa súa veterinaria e co nutrólogo, valoran moitos máis aspectos da gandería con outros técnicos especializados en diferentes áreas.

Son socios desde hai moitos anos da Cooperativa Aira e teñen contratada unha visita diaria dunha das súas veterinarias. Ademais, os luns dedícanos ao control reprodutivo, tamén cun veterinario de Aira. Segundo conta a veterinaria da explotación, María José Rodríguez, “facemos diagnóstico de xestación a partir dos 28 días tras a inseminación e unha revisión das positivas aos 60 e aos 200 días. As negativas indúcese ao celo para volver a inseminar, aplico os tratamentos no caso necesario e anoto todos os datos no programa informático da granxa”.

Da podoloxía encárganse os podólogos de Seragro. Unha vez ao ano realízanlles o recorte de pezuños a todas as vacas e, “se hai coxeiras ou outro tipo de problema, avísanse e veñen o antes posible para evitar o sufrimento do animal e as perdas económicas que estes carrexan”, recalca.

Están vendendo toda a súa produción a Lactalis e están pagándolles por cada litro uns 49 céntimos, aínda que “todo parece indicar que o prezo baixará nos próximos meses uns tres céntimos. Veremos como vai a negociación”, valora o gandeiro.

Polas calidades reciben primas de 3 €/t a partir do 3,70 % de graxa e de 4 €/t a partir do 3,20 % de proteína.

SEMPRE COA IDEA DE MELLORAR

Unha boa xenética, un manexo correcto e unhas forraxes de calidade son para Juan Carlos e Julia os tres piares da gandería Fontixón para continuar co seu crecemento.

Entre eles dous, os seus catro empregados, a veterinaria da explotación e o seu equipo de asesores pretenden seguir traballando da mesma maneira, pero mellorar certos aspectos, “porque sempre hai marxe de mellora en todo”. Xa están pensando en perfeccionar o espazo de cama quente para as xatas, en incorporar unha nova amamantadora máis moderna para a recría máis nova e en construír un novo silo.

Quizais a vindeira vez que visitemos esta gandería lucense, xa vexamos algunha destas novidades.