O proxecto Greenlow Pecuaria traballará no desenvolvemento de novas ferramentas e solucións para avanzar na innovación e sostibilidade da gandería en Galicia e o norte de Portugal. Esta iniciativa transfronteiriza, financiada polo programa europeo Interreg POCTEP, busca impulsar a transición verde do sector gandeiro mediante modelos de medición de gases de efecto invernadoiro máis precisos e adaptados ás características deste territorio.
A presentación do proxecto tivo lugar esta mañá na sede do Ibader, en Lugo, coa participación da conselleira do Medio Rural, María José Gómez; a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras; a investigadora principal do proxecto, Cristina Castillo; o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias. Durante o acto, Gómez defendeu a importancia de que a investigación no ámbito agrogandeiro se adapte á realidade do campo galego para reforzar a modernización e transformación do sector.
Greenlow Pecuaria permitirá dispoñer de ferramentas máis fiables e útiles para as explotacións da zona, ao tempo que contempla a aplicación de solucións biotecnolóxicas innovadoras e a transferencia de coñecemento ao sector e ás administracións públicas. O obxectivo é aliñar a investigación coas necesidades reais das granxas e trasladar solucións prácticas que contribúan a mellorar a eficiencia produtiva, avanzar na dixitalización e reducir a pegada ambiental, sen perder de vista a rendibilidade das ganderías.
A iniciativa combina investigación aplicada, desenvolvemento tecnolóxico e cooperación transfronteiriza para xerar solucións reais na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Segundo trasladou a conselleira, o proxecto nace nun momento decisivo, no que o sector gandeiro se enfronta a importantes retos derivados do cambio climático e das novas esixencias ambientais, pero tamén conta cun gran potencial para liderar a transformación cara a modelos produtivos máis sostibles.
Gómez puxo ademais en valor a participación activa da Xunta en Greenlow Pecuaria e lembrou o traballo que centros adscritos á Consellería do Medio Rural, coma o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), veñen desenvolvendo desde hai anos en ámbitos como a nutrición animal, a eficiencia produtiva, a sostibilidade ambiental ou a redución de emisións no sector primario. Tamén destacou que o proxecto representa o camiño desexable para o rural galego: máis innovación, coñecemento, cooperación e sostibilidade.
Greenlow Pecuaria conta cun orzamento de 796.186,86 euros ata 2028, cofinanciado polo FEDER. A beneficiaria principal é a Universidade de Santiago de Compostela, a través do Ibader, e tamén participan como socios a Consellería do Medio Rural —a través da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e da Axencia Galega da Calidade Alimentaria—, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), o Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC), a Associação para o Apoio à Bovinicultura Leiteira do Norte e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte.
