A Asociación Nacional de Industrias da Carne de España (Anice) recoñeceu a Juan Pascual, vicepresidente para Francia, Iberia e Italia en Elanco Animal Health, co premio 'Amigos de la Carne' 2025. Trátase dun galardón que distingue a súa traxectoria divulgativa e a súa contribución ao coñecemento científico arredor da produción animal, a alimentación e a saúde pública.
O recoñecemento, concedido no marco da X edición dos Premios da Industria Cárnica Española, pon en valor o labor desenvolvido por Pascual na divulgación rigorosa e accesible sobre o papel estratéxico da gandería e dos alimentos de orixe animal na sociedade actual.
Segundo destacou Anice, Juan Pascual contribuíu a trasladar á opinión pública unha visión “fundamentada, equilibrada e baseada na evidencia científica do sector agroalimentario, a través de publicacións, artigos especializados e unha intensa actividade divulgativa en redes sociais e foros profesionais”.
Tras recibir o recoñecemento, o premiado reflexionou sobre a evolución do papel da carne na alimentación: “Desempeñou un papel decisivo na evolución humana e continúa sendo un alimento clave desde o punto de vista nutricional. Alí onde o acceso á proteína animal é limitado, persisten importantes carencias nutricionais e problemas de desenvolvemento”.
Nunha entrevista recente en Vaca Pinta, o veterinario presentou a súa última publicación: La guerra por la proteína animal. La carne es salud (Editorial Almuzara, 2026). Na obra analiza, xunto co enxeñeiro agrónomo e exministro de Traballo e Asuntos Sociais Manuel Pimentel, a tensión entre unha demanda mundial á alza e unhas políticas que, advirte, están dificultando cada vez máis a capacidade de producir alimentos de orixe animal.