A Escola Internacional de Industrias Lácteas (Eilza) organiza unha clase maxistral sobre maduración e defectos no queixo no Seminario de San Atilano de Zamora os días 27 e 28 de outubro. O obradoiro, de carácter presencial e con dezaseis horas de duración, está dirixido a técnicos da industria láctea involucrados en procesos de elaboración de queixos. O prazo para as inscricións, que se poden realizar a través da páxina web, permanece aberto.
A institución contextualiza a formación nos cambios que presenta a propia industria queixeira, caracterizada pola constante renovación e transformación da cadea de valor. Pablo Rivero, coordinador de I+D no Grupo Entrepinares e tecnólogo queixeiro de referencia en España con máis de doce anos de experiencia no sector, é quen guiará as persoas participantes en actividades de carácter técnico para conseguir unha mellor percepción sobre os factores involucrados na maduración. Este proceso é clave para a consecución dun produto que cumpra cos atributos de calidade desexados, xa que abrangue moitos dos factores que dan lugar ás virtudes e aos defectos do resultado: no substrato de partida, na tecnoloxía aplicada, nas condicións de cámara...
En dúas xornadas completas, cun descanso entre as franxas de mañá e tarde, desenvolverase o programa concibido para esta formación especializada. Este distribúese en cinco bloques temáticos: xeneralidades, que comprende desde os obxectivos da maduración ata o desenvolvemento do sabor no proceso de maduración; o proceso de maduración ou afinado, que integra a observación dos principais axentes involucrados nesta fase; defectoloxía xeral e análise desta, que aborda a orixe de cada defecto do proceso, e, finalmente, os apartados sobre ácidos graxos libres volátiles (AGLV) e proteólise primaria e secundaria, nos que se estudarán casos concretos.
O prezo total por praza é de 580 euros para as persoas que non son patroas da institución e de 400 euros para os patróns. En ambos os casos, a Fundación Estatal para a Formación no Emprego ofrece ás empresas cotizantes subvencións de ata 208 euros por alumno.