O recinto feiral de Curtis acollerá o vindeiro sábado 16 de marzo, como preámbulo á terceira edición da Poxa de Gando Vacún de Elite que terá lugar o domingo 17, a terceira Xornada do Rural Galego dende Curtis, que este ano será un monográfico sobre o cultivo do millo.
Tanto a colleita como o ensilado do millo representan o maior investimento que realizan ano tras ano as explotacións de gando vacún de leite e acadar o maior rendemento posible por hectárea cultivada supón optimizar os investimentos e mellorar a marxe de beneficio no leite producido. Para abordar estes e outros temas, nesta xornada contarase coa presenza de dous expertos como son Francisco Joaquín Morell Soler, director de agronomía de Corteva Agriscience (resultante da fusión de Dow, DuPont e DuPont Pioneer), e co consultor internacional Albert Porte-Laborde.